martes, 30 de maio de 2023

Seminario 7-6-2023. Conservación e Restauración do Patrimonio Téxtil de Confrarías pola Real Fábrica de Tapices [OUTRAS NOVAS]


A Real Fábrica de Tapices inaugurará o próximo 7 de xuño ás 18.30h, na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo  o Seminario sobre Conservación e Restauración do Patrimonio Téxtil de Irmandades e Confrarías. 

O seminario será presentado polo director da Real Fábrica de Tapices, Alejandro Klecker, que explicará a orixe, a evolución e os principais personaxes que configuraron a Historia da Real Fábrica de Tapices 

Durante o evento, a directora de Restauración da Real Fábrica de Tapices, Verónica García Blanco, explicará algúns consellos básicos para prolongar a duración dos téxtiles. Por exemplo, a que temperatura deben almacenarse, como manipulalos para evitar que rompan as fibras, a que grao de humidade deben estar expostos e que medidas adoptar para evitar que aniñen neles avelaíñas ou calquera outro insecto. 

Na xornada tamén participará Almudena López, especialista en Tinguiduras da institución, que destacará a importancia da tinción e a avaliación da cor nos procesos de restauración téxtil. Tamén revelará as claves do proceso de tinción na Real Fábrica de Tapices onde sustentabilidade, reversibilidad e respecto pola peza orixinal son cuestións fundamentais.

Entrada gratuita.
Inscripción previa: pmartins@realfabricadetapices.com

luns, 29 de maio de 2023

Presentación do libro "Alta Mar, Mar Aberta" de Alberto González-Garcés [OUTRAS NOVAS]


 Mércores 31 de maio ás 19:30

Presentación do libro de Alberto González-Garcés

Alta Mar, Mar Aberta

Interveñen o autor e o poeta

Xosé Mª Álvarez Cáccamo

Venres da EMAO 2-6-2023. Cristobal Vidal, O Proceso de Deseño [MODA]

 

Cristobal Vidal o recoñecido deseñador vigués, despois de triunfar en multitud de concursos de moda e desfilar na pasarela Gaudí durante varias tempadas, visita a EMAO para falarnos do proceso de deseño e o seu entender de como facer moda.

Presentado por Emma González (mestra de Moda e Confección EMAO)
Data: 2 de xuño de 2023
Hora: 19:00
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo

Faladoiro "De aquelas loitas, estes dereitos: claves do movemento feminista" con Cristina Louzán e Priscila Retamozo [OUTRAS NOVAS]

 

O martes 30 de maio ás 19:30 na biblioteca da EMAO, o Ateneo Atlántico ten programado o faladoiro De aquelas loitas, estes dereitos: claves do movemento feminista. Cristina Louzán e Priscila Retamozo conversan sobre os fitos fundamentais da historia do movemento feminista, pasos que resultaron fundamentais para avanzar cara á situación actual de recoñecemento de dereitos das mulleres dentro da sociedade.

Outras Actividades Culturais na EMAO [OUTRAS NOVAS]

Fotos da conferencia "O Mundo en 2023. Anatomía dunha Policrise" por Ignacio Ramonet presentado por Mar Mato. 26-5-2023

 

 

Fotos da conferencia “O día que veu o home máis rico do mundo ao Balneario de Mondariz” por Fernando Ojea. Ciclo a Historia e os seus Personaxes. 25-5-2023


Fotos da Presentación do MACK, Museo das Artes do Coiro Kontemporáneo [VENRES DA EMAO]


 

xoves, 25 de maio de 2023

Os Alumnos de Debuxo Retratan a Cidade [OUTRAS NOVAS]

 

Hoxe o noso alumnado de debuxo protagoniza a portada de Faro de Vigo, noticia que continua na páxina 4. Como comenta o profesor Federico Fernández é habitual que se aproveite o bo tempo para a práctica do urban sketching, debuxar aquilo que che rodea, o lugar en que che atopas mediante a observación directa.

 


Conferencia "O Mundo en 2023. Anatomía dunha Policrise" por Ignacio Ramonet [OUTRAS NOVAS]


 Venres, 26 de maio ás 19:30 no salón de actos da EMAO (Rúa Pontevedra, 1)

A partir da guerra de Ucraína e da pandemia, Ignacio Ramonet elabora un mapa da situación co que define como cinco réplicas deses dous grandes sismos: o fin da globalización sen que o capital teña proposta que a substitúa; a descomposición do sistema internacional que orbita ao redor da ONU; os efectos do cambio climático; as migracións humanas masivas; o impacto das aceleradas innovacións tecnolóxicas. “Todas estas crises prodúcense simultaneamente e áchanse entrelazadas”, “e entre todas elas debuxan un panorama complexo de pasmo e sobresalto”

martes, 23 de maio de 2023

Conferencia “O día que veu o home máis rico do mundo ao Balneario de Mondariz” por Fernando Ojea. Ciclo a Historia e os seus Personaxes [OUTRAS NOVAS]

 

Co motivo do seu 150 aniversario, o Balneario de Mondariz organizou un ciclo de conferencias "A historia e os seus personaxes", sobre  personaxes históricos relacionados coa vila termal e a súa historia desde 1887, ano da fundación do balneario ao ser declaradas as súas augas mineromedicinales polo Goberno español. Unha viaxe ao pasado que se desenvolverá o último xoves de cada mes ata finais do 2023, fóra de xullo e agosto. Estas conferencias serán impartidas na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. 

A primeira delas terá lugar este xoves 25 de maio ás 19:00 horas. Baixo o título O día que veu o home máis rico do mundo a Balneario de Mondariz contextualízase a visita en 1929 do primoxénito dunha das familias máis ricas do mundo, John D. Rockefeller III (1906- 1978)  para coñecer ao xefe do Goberno, o xeneral Miguel Primo de Rivera, que descansaba no Balneario de Mondariz. Será impartida por Fernando Ojea, xornalista, ex director de Atlántico Diario e actual director de contidos da Compañía de Rádio e Televisión de Galicia (CRTVG). 

Á conferencia de “Rockefeller: o día que veu o home máis rico do mundo ao Balneario de Mondariz”, seguiranlle relatorios como “Peinador Lines e a súa aposta por Galicia” levada a cabo por Fernando Franco; “Isabel de Borbón “A Chata” por Manuel Orio ou “Isaac Peral, a modernización de Balneario de Mondariz” de Salvador Fernández da Cigoña, entre outras.


 

luns, 22 de maio de 2023

Venres da EMAO 26-5-2023. Presenta MACK, Museo das Artes do Coiro Kontemporáneo [ARTESANÍA DO COIRO]


 "MACK. Museo das Artes do Coiro Kontemporáneo"

José Villar é un artesán do coiro cunha longa traxectoria, leva colaborando coa EMAO nas exposicións de Coiro dende o ano 2015 e visítanos con frecuencia para compartir os seus coñecementos cos nosos alumnos. Nesta ocasión acompañaranos para presentar o Museo das Artes do Coiro Kontemporáneo (MACK) que se inagurou o pasado día 15 de abril en Silleda.

Presentado por Pepe Pereira (mestre de Artesanía en Coiro da EMAO)
Data: 26 de maio de 2023
Hora: 19:00
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo

34 Semana de Raku segundo Nigrán [OUTRAS NOVAS]


 

Nesta edición o cartaz é do artista gráfico Ventura que foi alumno de cerámica artística na EMAO.

Fotos da Conferencia "Historia do Gravado en Galicia" de X.Carlos L. Bernárdez [VENRES DA EMAO]


 


venres, 19 de maio de 2023

Super Xoves na Escola Municipal de Artes e Oficios [OUTRAS NOVAS]

Onte foi un día de moitas actividades na Escola, ademais das clases habituais tivemos unha visita guiada por varias aulas da Asociación Diversidades Acolle, unha Master Class impartida polo artista do coiro José María Bernardo Sappia (José Bernardo), a visita de Nelson Villalobos que fixo unha intervención directa xunto a Darío Basso (mestre  de pintura) e Federico Fernández (mestre de debuxo), interpretando a Picasso. Rematamos a tarde na hemeroteca coa conferencia "Vigo, cidade inclusiva e a súa diversidade" a cargo de Cipriano L. Jiménez Casas dentro do Forum 2023 do Instituto de Estudios Vigueses.

Master Class de José Bernardo


 

Visita da Asociación Diversidades Acolle


 

Visita de Nelson Villalobos e intervención pictórica con Darío Basso e Federico Fernández


 

Conferencia "Vigo, cidade inclusiva e a súa diversidade"

 



xoves, 18 de maio de 2023

Conferencia "Vigo, cidade inclusiva e a súa diversidade" por Cipriano Luis Jiménez Casas [OUTRAS NOVAS]

 

Hoxe xoves 18 de maio, ás 19.30 horas, na Hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios, o médico psiquiatra e Director Xeral da Fundación Menela Cipriano, Luis Jiménez Casas, desenvolverá a conferencia Vigo, cidade inclusiva e a súa diversidade, dentro ciclo do FORUM-2023 do Instituto de Estudios Vigueses.

mércores, 17 de maio de 2023

José María Bernardo Sappia de novo na EMAO (COIRO)

Este xoves ás 16.30 no obradoiro de Artesanía en Coiro os nosos alumnos participarán nunha  Máster Class impartida polo artista do coiro José María Bernardo Sappia (José Bernardo). 

Membro destacado da Leder Gilde, José é un innovador nas técnicas que emprega co coiro, sólido, reciclado ou en pó. Leva o traballo do coiro ó campo da arte contemporánea con éxito e na actualidade está asentado en Baixa California. Xa no ano 2015 visitou a nosa Escola e nos amosou o seu xeito de traballar o pó de coiro cunha Master Class moi especial no "Patio de Gaita"  con numerosos asistentes. Agora nos vai achegar como traballa as suas árbores feitas de coiro reciclado.




luns, 15 de maio de 2023

Venres da EMAO 19-5-2023. Presenta Historia do Gravado en Galicia por Carlos L. Bernárdez [SERIGRAFÍA ARTÍSTICA]

 

Dentro da historia da arte galega o gravado segue a ser, en boa medida, un gran descoñecido mesmo para persoas interesadas no noso pasado artístico.

Carlos L. Bernárdez ofrecerá un achegamento histórico que pon de manifesto a singularidade da nosa tradición no ámbito da estampa percorrendo un amplo espazo cronolóxico, desde o século XVI até inicios do XIX.

Presenta: Alba Pardo. Mestra de Serigrafía artística
Data: 19 de maio 2023
Hora: 19:00
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios 

Entrada libre ata completar aforo.

Fotos da Conferencia de Andrés Magán [VENRES DA EMAO]

Federico Fernández e Andrés Magán
            
         

martes, 9 de maio de 2023

Andrés Magán [DEBUXO]

 Alá polo ano 2011, apareceu como quen non quere a cousa unha xente nova que viña  renovar con aire fresco o panorama artístico/gráfico vigués. Chegaron ao Halcón Milenario, aquel espazo que tantas alegrías e tristezas nos deu e que tanto botamos de menos, para expoñer un fanzine moi tolo e divertido, cunha estética moi bizarra que encaixaba perfectamente na nosa maneira particular de entender o arte e a vida. O fanzine chamábase Firecream e entre aquela rapazada de artistas atopábase Andrés Magán xunto con Roberta Vázquez, Santy Zubizarreta, Begoña García-Alén, Santiago Paredes... e máis.



Debuxo na parede para a expo Firecream


Venres da EMAO 12-5-2023. Conferencia do Ilustrador Andrés Magán [DEBUXO]

 
Andrés Magán acompañaranos neste Venres da EMAO para falar do seu traballo de Banda Deseñada, cartelismo, debuxos e ilustración. Este autor vigués, compaxina a ilustración coa música para centrarse posteriormente na pintura, a serigrafía e o cómic, traballando neste caso co selo Fosfatina ou en réxime de autoedición
Confundó o selo Noche Líquida. Os seus traballos pictóricos e de historieta puidéronse ver en cidades como Vigo, Madrid, Barcelona, Nova York ou Portland
Magán ten unha linguaxe visual moi persoal e atractiva que nos traslada co seu traballo aos inicios da BD europea, americana e o manga xaponés. 

Presenta: Federico Fernández. Mestre de Debuxo Artístico
Data: 12 de maio 2023
Hora: 19:00
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios 

Entrada libre ata completar aforo.

 

Convocatoria do Nivel Avanzado na Escola Municipal de Artes e Oficios. Curso 2023-2024 [ADMINISTRACIÓN]



A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo vén de facer pública a Convocatoria de acceso ao Nivel Avanzado para o curso 2022-23 nas especialidades de Serigrafía artística, Moda e confección, Pintura, Debuxo artístico, Artesanía en Coiro, Talla e escultura en madeira,  Ourivería e Construción artesanal de Instrumentos Musicais (CAIM Gaita e CAIM Zanfona).
 
 
O Nivel Avanzado consiste no desenvolvemento dun Proxecto de Fin de Estudos previamente presentado e seleccionado conforme ás normas e aos criterios que se explicitan nas Bases. Este nivel ten carácter presencial, en sesións semanais de dúas horas/catro horas de duración durante o curso académico. 
A asistencia será obrigatoria para os /as seleccionados/as, cun máximo de faltas de asistencia xustificadas do 25% do total do crédito horario. Ao remate do curso académico, unha vez avaliado e cualificado como Apto/non apto o proxecto desenvolvido, conforme ao Plan de Estudos da EMAO 2015 (PEMAO2015), certificaranse 70/100 horas correspondentes á superación do nivel AVANZADO.
 
Para acceder a este nivel o/a interesado/a deberá presentar, nos prazos que se indican na presente convocatoria, un proxecto persoal directamente relacionado coa especialidade cursada. Esta proposta será informada inicialmente polo/a mestre/a titular da mesma tendo en conta as especificidades recollidas no apartado correspondente desta convocatoria.

Este proxecto poderá orientarse nalgunha das catro liñas seguintes:
  • Investigación
  • Produción
  • Creación
  • Ampliación de coñecementos. 
Unha comisión formada pola xefatura do Servizo municipal de Educación (ou técnico/a en quen delegue), xefe de estudos, o/a profesor/a da especialidade e un profesor/a elixido por cada un dos departamentos, seleccionará, de xeito libre e motivado -previo o informe escrito do profesor/a da especialidade-, aqueles proxectos que considere de interese.
A EMAO publicará, no Taboleiro e na web, o listado do alumnado seleccionado para o Nivel Avanzado, facendo constar as iniciais do nome e apelidos do/ alumno/a, especialidade e denominación do proxecto.
Prazos
  • 8 de maio ao 15 de xuño de 2023, presentación de proxectos por parte do alumnado.
  • 16 ao 23 de xuño de 2023, informe dos proxectos por parte do profesorado e presentación da ficha docente normalizada de cada proxecto seleccionado á Comisión citada.
  • 26 ao 29 de xuño de 2023: estudo e selección de proxectos pola Comisión de valoración
  • 30 de xuño de 2023: exposición pública (taboleiro e internet) do listado de alumnado e proxectos seleccionados.

luns, 8 de maio de 2023

Presentación do libro "Vigo na obra de Jules Verne: máis aló das 20000 leguas" [OUTRAS NOVAS]

 

Martes 9 de maio ás 20:00, presentación do libro "Vigo na obra de Jules Verne, máis aló das 20000 leguas" de José Garabatos.

O autor da obra explica que a visita do submarino "Nautilus" á ría de Vigo en 1868, "é a maior homenaxe que fixo á ría de Vigo,  pero non foi, nin moito menos, a única". O estudo recolle que nas 63 novelas e máis de 20 relatos escritos por Julio Verne atópanse sete menciones a Vigo, ás Cíes e á ría. "Entre outras, hai unha mención ás Cíes na novela Marabillosas aventuras de Antifer (1894), cando o escritor xa visitara Vigo en dúas ocasións. O autor volve falar de Vigo en Mistress Branican, O soberbio Orinoco e Aventuras dun neno irlandés, segundo profunda o estudo, sumándose ás referencias xa coñecidas de 20.000 leguas de viaxe submarina e A illa misteriosa.

Fotos da Presentación do Museo Casa da Gaita [VENRES DA EMAO]