xoves, 26 de setembro de 2024

138 Aniversario da creación da Escola de Artes e Oficios de Vigo [OUTRAS NOVA

 

Tal día como hoxe hai 138 anos abría as súas portas a Escola de Artes e Oficios de Vigo, o acto inaugural tivo lugar un domingo 26 de setembro de 1886 na rúa do Circo número 3, o orador Eduardo Chao, que fora Ministro de Fomento no terceiro Goberno de I República con Salmerón en 1873, resume a concreta finalidade da nova escola con estas palabras: "Será esta Escola o complemento da instrución primaria, complemento que..., fará máis perfecto e fácil, fecundo e produtivo o seu traballo; que excitará e levará o espírito de empresa cara a elementos naturais da nosa atrasada Galicia contribuíndo a emancipala do estranxeiro

Ante o éxito da iniciativa, axiña foron insuficientes os locais elixidos para a súa sede na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias). Consciente da necesidade de dar cobertura ás crecentes necesidades de formación e ao propio éxito da implantación da Escola, no ano 1900 José García Barbón fai xenerosa doazón á cidade dos edificios que albergarán ata os nosos días a EAO. Ao tempo, créase a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Concello de Vigo pasa a ser o xestor e principal financiador da Institución. Un dos seus primeiros directores, Fernando García Arenal, fillo da inesquecible Concepción Arenal, testemuña a relación expresa da EAO coa filosofía e práctica da ILE. 

No momento da súa creación veu encher o baleiro na formación da clase obreira que existía no sistema educativo, os seus obxectivos foron a formación técnica dos obreiros, o perfeccionamento dos seus oficios e a compensación das carencias educativas de moitos dos seus alumnos, pero o feito indiscutible é que contribuíu de xeito decisivo ao desenvolvemento ecónomico e cultural da nosa cidade. 

Na actualidade, a nosa centenaria escola continua o seu labor educativo, hoxe máis inclinada ao ensino da arte e dos oficios artísticos, disposta como sempre a prestar a nosa cidade un servizo no ámbito formativo das persoas ao longo da súa vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!