luns, 30 de setembro de 2024

4-10-2024. Venres da EMAO presenta o documental "Na procura do son perdido. A zanfona na transición" [CAIM ZANFONA]


Os "Venres da EMAO" retoman a súa programación neste novo curso 2024-2025 da man da especialidade Construción artesanal de instrumentos musicais (CAIM) Zanfona, coa proxección deste interesante documental, producido polo Consello da Cultura Galega, dirixido por Ramón Pinheiro Almuinha e realizado pola Central Folque.

Voces Ceibes, o Movemento da Canción Popular Galega, o celtismo, o espertar da Música Antiga, a investigación e rehabilitación do instrumental tradicional e histórico, as recollas dos cantos de transmisión oral ... os principais movementos renovadores da música galega durante a Transición están atravesados por un interese pola música tradicional e en particular por un instrumento cun valor simbólico incontornable que vive durante o periodo unha particular atención polos novos intérpretes: a zanfona.

Presentado por Xaime Rivas (mestre de CAIM Zanfona da EMAO)
Data: 04 de outubro de 2024
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

2-10-2024. Que é a Psicanálise? [OUTRAS NOVAS]


 


Charla de introdución á psicanálise por Sarah Glendinning. Unha oportunidade para coñecer de preto esta disciplina, que segue sendo tan relevante para comprender os misterios da mente humana e o comportamento.

venres, 27 de setembro de 2024

1-10-2024. Homenaxe a María Xosé Porteiro [ATENEO ATLÁNTICO]

 

O Ateneo Atlántico organiza un acto de recoñecemento a María Xosé Porteiro como Socia de Honra do Ateneo. 
O Ateneo Atlántico ten instaurado un acto anual de recoñecemento a un persoeiro da sociedade galega.
Se en anos anteriores o nomeamento de ‘Soci@ de Honra’ recaía en personaxes tan dispares como Xosé Manuel Beiras ou Elvira Landín, nesta ocasión, e por unanimidade, a Xunta Directiva optou pola figura de María Xosé Porteiro.
No acto, que se celebrará o martes 1 de outubro, ás 19 horas na biblioteca de EMAO intervirán destacadas compañeiras e compañeiros de María Xosé, como Víctor Freixanes, Amada Traba, Manolo Bragado, LLerena Perozo e Alberto Avendaño.

xoves, 26 de setembro de 2024

138 Aniversario da creación da Escola de Artes e Oficios de Vigo [OUTRAS NOVA

 

Tal día como hoxe hai 138 anos abría as súas portas a Escola de Artes e Oficios de Vigo, o acto inaugural tivo lugar un domingo 26 de setembro de 1886 na rúa do Circo número 3, o orador Eduardo Chao, que fora Ministro de Fomento no terceiro Goberno de I República con Salmerón en 1873, resume a concreta finalidade da nova escola con estas palabras: "Será esta Escola o complemento da instrución primaria, complemento que..., fará máis perfecto e fácil, fecundo e produtivo o seu traballo; que excitará e levará o espírito de empresa cara a elementos naturais da nosa atrasada Galicia contribuíndo a emancipala do estranxeiro

Ante o éxito da iniciativa, axiña foron insuficientes os locais elixidos para a súa sede na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias). Consciente da necesidade de dar cobertura ás crecentes necesidades de formación e ao propio éxito da implantación da Escola, no ano 1900 José García Barbón fai xenerosa doazón á cidade dos edificios que albergarán ata os nosos días a EAO. Ao tempo, créase a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Concello de Vigo pasa a ser o xestor e principal financiador da Institución. Un dos seus primeiros directores, Fernando García Arenal, fillo da inesquecible Concepción Arenal, testemuña a relación expresa da EAO coa filosofía e práctica da ILE. 

No momento da súa creación veu encher o baleiro na formación da clase obreira que existía no sistema educativo, os seus obxectivos foron a formación técnica dos obreiros, o perfeccionamento dos seus oficios e a compensación das carencias educativas de moitos dos seus alumnos, pero o feito indiscutible é que contribuíu de xeito decisivo ao desenvolvemento ecónomico e cultural da nosa cidade. 

Na actualidade, a nosa centenaria escola continua o seu labor educativo, hoxe máis inclinada ao ensino da arte e dos oficios artísticos, disposta como sempre a prestar a nosa cidade un servizo no ámbito formativo das persoas ao longo da súa vida.

martes, 24 de setembro de 2024

BOA VIAXE MOTOO ISHIWA [OUTRAS NOVAS]

Hoxe estamos tristes por compartir con vós a perda do noso alumno e amigo Motoo Ishiwa. Motoo chegou de Xapón a España como músico flamenco, profesión que o levou a compartir escenario con algúns dos grandes. Na súa madurez despois de moito percorrido acabou instalándose en Vigo onde non dubidou en seguir desenvolvendo as súas afeccións artísticas na Escola de Artes e Oficios, nas aulas de Escultura e Talla e Ouriveria, pero como persoa inqueda con ganas de aprender, de investigar, de ampliar coñecementos e de compartilos, foi doado atopalo nalgunha outra aula da Escola preguntando polas diferentes técnicas e vendo o que se cocía nos talleres deste vello edificio. 

Un estudante excepcional cheo de experiencias enriquecedoras que nos trouxo alegría, compañeirismo, creatividade e bo facer. Boa viaxe Motoo, es parte da nosa memoria.

martes, 3 de setembro de 2024

Sorteo e Probas de Acceso para o Ingreso na Escola Municipal de Artes e Oficios. EMAO [ADMINISTRACIÓN]

 

Este venres 6 de setembro remata o período de preinscrición nas prazas ofertadas para o curso 2024-2025 nas diferentes especialidades que se imparten na EMAO.

O calendario será o seguinte:

10 de setembro: Publicación listados solicitantes novo ingreso. 
16 de setembro: sorteo para inscrición de alumnado de novo ingreso (só especialidades de Pintura e Debuxo artístico) ás 12,00h da mañá, na Biblioteca da EMAO. 
16-18 setembro: Celebración das probas de acceso. Calendario e horarios: Todas referidas a setembro de 2024. Máis información
 

Especialidade

Data

Letras (*)

Hora

Lugar (Aula)

ARTESANÍA EN COIRO

16/09/24

Do A ao M

16,00h

Aula Pintura


16/09/24

Do N ao Z

17,00h

Aula Pintura

CAIM ZANFONA

16/09/24

Todos/as

16,00h

Aula CAIM

MODA E CONFECCIÓN

16/09/24

Do A ao F

16,00h

Aula Debuxo


16/09/24

Do G ao M

17,00h

Aula Debuxo


16/09/24

Do N ao Z

18,00h

Aula Debuxo

CAIM GAITA

17/09/24

Todos/as

16,00h

Aula CAIM

SERIGRAFÍA

17/09/24

Do A ao G

16,00h

Aula Debuxo


17/09/24

Do H ao Z

17,00h

Aula Debuxo

OURIVARÍA

17/09/24

Do A ao G

16,00h

Aula Pintura


17/09/24

Do H ao Z

17,00h

Aula Pintura

TALLA E ESCULTURA EN MADEIRA

17/09/24

Do A ao M

16,00h

Aula Talla e escultura


17/09/24

Do N ao Z

17,00h

Aula Talla e escultura

DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS

18/09/24

Todos/as

16,00h

Aula Pintura

(*) As letras que aparecen citadas refírense ao primeiro apelido das persoas solicitantes de praza, incluíndo á totalidade das persoas cuxo apelido comece pola letra indicada.

 
24 de setembro: Listas de admitidos de novo ingreso despois do sorteo e probas de acceso.
24-30 de setembro: Matrícula alumnado novo ingreso.
1 de outubro: Comezo do curso para todo o alumnado.