Ramón Trigo é un artista multidisciplinar, pintor, ilustrador, escultor..., que é ben coñecido na nosa Escola. Foi invitado en varias ocasións a presentar os seus traballos literarios que realiza en colaboración co seu irmán Xosé. Na última desas visitas presentou CASA QUEIMADA, un proxecto ben bonito que narra a historia en forma de BD dunha traxedia na que o lume destrúe unha casa familiar, e a súa rexeneración posterior nun espazo artístico. Cando os irmáns Trigo viñeron a presentar o libro, Ramón trouxo orixináis daqueles debuxos. Estaban realizados ca técnica de estampación da monotipia.
Eu son un enamorado deste tipo de técnicas indirectas, xa que o resultado, ainda que sexa un desastre sempre te sorprende.
NA AULA
Tódolos anos na especialidade de Debuxo traballamos "outras técnicas" que están máis preto do gravado e a estampación que do debuxo. En anos anteriores realizamos varios proxectos con gravado en relevo, xogamos a debuxar en negativo ca técnica do grattage e descubrimos as posibilidades plásticas que ofrecen as plantillas co denominado stencil. As ilustracións de Ramón Trigo que trouxo a Escola déronme a idea de voltar a retomar a monotipia como técnica despois de moitos anos.
Proxecto Frankenstein. Gravado en relevo |
Proxecto Frankenstein. Gravado en relevo |
MOITOS ANOS ATRÁS CA MONOTIPIA
A miña primeira exposición en Madrid foi no ano 1993. Collera o bus desde Vigo para ir como visitante a feira de ARCO . Levei unha carpeta baixo o brazo na procura dalgunha galería madrileña que quixera expoñer uns debuxos sobre papel que realizara nos meses anteriores. Era un rapaz novo de 21 anos que ía por Madrid cunha guitarra e unha carpeta. Non recordo moi ben como foi pero entrei nun espazo chamado Cuarta Pared. Tratábase dun teatro cunha ampla zona de entrada que utilizaban como galería. Poucos meses despois daquela visita a Madrid os meus debuxos realizados en monotipia que ían dentro daquela carpeta colgaban na cuarta parede daquela sala tan feitiña.
Os materiais que eu usara para realizar aquelas impresións eran:
Ceras Maley, que son brandas e teñen moito pigmento. Usaba cores pero tamén tiraba moito do negro. Nalgún caso utilicei como negro as barras de maquillaxe do entroido.
Papel de aluminio como soporte. A superficie non pode ser absorbente, un metacrilato, un acetato ou un cristal son soportes que se adecuan á técnica. O papel de aluminio era de un só uso e un pouco aparatoso na impresión xa que as veces o papel rompíase.
Disolvente aplicado cun pulverizador. Pulverizando cunha capa fina e non empapando moito, as ceras ablándanse facilitando a impresión. Agora existen tintas de gravado con base de auga que son moito máis limpas e de uso moito máis sinxelo.
Papel. Mellor con pouco gramaxe e sen textura. Eu utilicei o papel de esbozo de Canson.
O resultado era inesperado, xa que ao traballar ca cor estas se mistuban alegremente cando se facía a impresión por contacto sobre o papel. Pode que conserve algún daqueles debuxos pero non teño nin idea de onde se atopan, polo que esta sección queda sen imaxen.
MESTRES EN MONOTIPIA
1.RAMÓN TRIGO
Ramón Trigo é un mestre da monotipia. A ten utilizado moito para a realización dos seus últimos traballos, polo que me parecía moi interesante que visitara a EMAO e nos ensinase esta técnica ca que está tan afeito. Eu espero aprender moito e retomar a monotipia despois de tantos anos.
Mañá martes 23 ás 16.00h co Grupo Medio de Debuxo teremos a Ramón para nós toda a tarde. Agardo que podamos conseguir imaxes tan fermosas como as súas.
2.CONDE CORBAL
Xosé Conde Corbal naceu en Pontevedra en 1923. Aficiónase a pintura grazas ao seu tío Sixto Vizcaíno.
Nos anos 50 despois de licenciarse en químicas e dereito e de ter varias experiencias empresariais comenza xa a pintar asiduamente. Colabora con La Región, onde coñece a Vicente Risco e grazas a este a Otero Pedrayo. Os seu traballos teñen dunha marcada figuración expresionista, unido a un sentido narrativo e visual cercano a ilustración gráfica.
Nestes días caeu nas miñas mans un catálogo editado pola "Fundación Museo das Artes do Gravado e a Estampa Dixital" de Ribeira. No centenario do nacemento de Corbal expuxeron no museo unha maravillosa obra " O fardel da guerra 1936-1986", realizada ca técnica da monotipia. Esta obra é unha conmovedora narración gráfica a través dunha chea de estampas que fala do alzamento militar, da represión, do exilio, da crueldade dos vencedores e do papel que xogou a igrexa no movemento do nacional catolicismo.
Agardamos aprender moito desta técnica e deixar unha pequena pegada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!