luns, 24 de xuño de 2024

Caixas de música non sonoras [OURIVARÍA]


EXPOSICIÓN A MÚSICA NA EMAO

"CAIXAS DE MÚSICA NON SONORAS"

 


O alumnado do curso básico 2023-2024 da Especialidade de Ourivaría elaborou a peza da exposición de final de curso “A Música na EMAO”. 

Aproveitamos un exercicio de clase como é a elaboración dunha caixa de latón con bisagra e decorada con gravado ao ácido para adaptala a temática da exposición, para iso visitamos os obradoiros de construción de instrumentos tradicionais, Gaita e Zanfona onde os seus mestres Carlos Corral e Xaime Rivas explicáronnos como se constrúen, as distintas pezas que os compoñen e como soan os instrumentos que alí se elaboran. Tamén visitamos e estivemos nun ensaio da Orquestra SonDeSeu, onde puidemos ver e escoitar en situ o traballo desta Orquestra da ETRAD, e destes instrumentos da música tradicional e folk, ademais de indagar de modo persoal sobre a música tradicional galega e as nosas costumes, todo isto serviu para que o alumnado se inspirase e crear así a súa propia caixa.

A seguir podedes ler como naceu e en que se inspira cada unha destas caixas de música non sonoras, todas elas acompañadas dun enlace a un tema musical ou video relacionado coa súa temática. 


ARPA E CRISANTEMO - Cristina H.

Esta caixa representa a conexión que existe entre a música e a natureza. Inspirada nun dos temas que escoitamos ensaiar a SonDeSeu para o concerto de “Entreterras”, o tema chámase “Facer o pino” do músico portugués Daniel Pereira Cristo e que tocado pola Orquestra comezaban tocando as arpas. Así pois a tapa da caixa leva esta flor gravada sobre a que posa unha reprodución dunha arpa. 

"Facer o Pino" de Daniel Pereira Cristo


HIMNO GALEGO - Marán A.

Esta caixa está inspirada no himno galego, na tapa superior leva gravada parte da partitura de este tema musical, que conxuga o poema Os Pinos de Eduardo Pondal con unha composición musical de Pascual Veiga.

HimnoGalego interpretado por Luar na Lubre



A MÚSICA NO TEMPO - Natalia L.V. 

Cando se presentou este proxecto, pensei:

Caixa de música...¿? ¡Un tocadiscos!

Así que, no meu proxecto quixen representar instrumentos artesanais e tradicionais, así como os reprodutores de música eléctricos.

Porque a música acompáñanos dende tempos ancestrais nas nosas vidas.

A música é vida, a vida é música.

Galicia Canibal dos Resentidos 



MÚSICA ,VIDA e NATUREZA - Jennifer M.

Cando penso en música tradicional galega, imaxino os que me precederon, cantando, bailando, brindando, comendo e rindo, compartindo a vida ó son dunha muiñeira, un día calquera de festa.

Dende ese imaxinario meu, á miña memoria ven esta foto da miña avoa xunto os meus bisavós, na carballeira de Escairón (Lugo) no 1956.


A miña avoa Basilisa, aínda xove e coas ilusións intactas, no medio dun contexto cru, campesiño, de posguerra, e de ditadura imposta, mira ó futuro con esperanza.

A música supoño, faríalles esquecer todo e alimentaría esas esperanzas que se esbozan no sea sorriso, dun futuro mellor.


Ese pequeno instante de alborozo nas súas vidas, estou segura de que imprimíalles forza para seguir adiante e non desistir. Porque a música ten ese poder catártico e sandaor de transformar as penas en alegrías, de traer luz onde só hai escuridade.

Coma homenaxe os meus antepasados e tamén a todas esas carballeiras que foron testemuño de foliadas e infinitos seráns en Galiza, fago presente este elemento vexetal na ornamentación decorativa da miña caixa, para que non se esqueza que a natureza sostén a vida.

Música, vida e natureza son indivisibles no folclore galego. E desa inspiración nace a intención de fusionalos nesta peza de forma conxunta".

Muiñeira de Chantada interpretada por Milladoiro



FENTOS E PANDEIRETAS - Irene M.B.

A idea desta obra que combina música e natureza provén da tradición galega, onde os sons do entorno, como os ríos E os montes, mestúranse con melodías populares.

Inspirada nas paisaxes de Galicia, tanto sonoras como naturais, esta creación busca conectar a esencia galega e convertela en algo tanxible a través da ourivaría.

Adios rios, adios fontes de Rosalia de Castro interpretada por Amancio Prada



CANTA - Raquel D. 

Os versos gravados nesta caixa proceden de Maneo de Caión, unha canción popular galega do século XV.

Comparto Polo Margariteño de Soledad Bravo como oda ao canto como forma de expresión e emancipación.




PANDEIRETA e FERRIÑAS - Marta F.

Como fan da pandeireta escollín este instrumento tradicional e popular que de primeiras é sinxelo e versátil pero que pode pasar moi desapercibido case sen importancia. 

Fai un tempo fun a clases de pandeireta e en canto poida espero retomalo, así que esta foi a miña inspiración.

Para min un artista que mellor representa o espírito deste instrumento é Xabier Díaz no tema a 

Muiñeira de Limiñoa que é perfecta para acompañar a miña caixiña.



GAITA - Mabel C.

Tras a visita ao obradoiro de CAIM Gaita inspireime na gaita como instrumento tradicional e representativo da música folclórica galega, a miña caixa leva gravada na tapa superior unha gaita e a maiores construín unha pequena reprodución moi florida.

A esta caixa acompañaa a Muiñeira de Cambados de Xaquín Xesteira mestre e xefe de estudos da ETRAD.


CAIXA HARMÓNICA - Eva C.

A escola ten sido unha fonte constante de inspiración na vida dos artesáns e luthiers ao longo da súa historia.

A idea de fusionar a tradición da construción de instrumentos coa ourivería máis contemporánea xurdiu despois de visitar o taller de construción de zanfonas e gaitas. Do mesmo xeito que no obradoiro os artesáns que transforman a madeira en instrumentos, nós transformamos o metal nunha 'caixa-homenaxe' a zanfona, recreando nesta caixa distintas partes da zanfona como é a tapa da roda ou os ocos da caixa harmónica.

Xota dos perruchos interpretada por Xulio Dezagoire



ORGANISTRUM e ZANFONA - Pili G. 

Esta caixa está inspirada no Organistrum, instrumento medieval de corda fretada do século XII predecesor da zanfona, o gravado da tapa superior está inspirado no calado da reprodución do Organistrum que aparece esculpido no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, e ademais esta caixa leva un manubrio como o da zanfona con pomo de tallado en madeira de ébano.

Ondas do mar de Vigo - Organistrum



CANTIGAS - Regina B-R.

Dende pequena sentín paixón pola Idade Media.

Cursei o Master de Arte, Cultura e Literatura medieval na universidade e a música litúrxica acompañoume moitas horas de estudo.

Esta caixa está inspirada na miniatura iluminada das Cantigas de Alfonso X é un homenaxe a nosa tradición musical e da mal chamada “Época oscura” .

Emilio Villalba interpretando Cantiga de Santa María



SILENCIOS - Elizabeth L. 

Neste libro escóndense as claves e os silencios que pasean e xogan pola EMAO, cando a creatividade repousa e as notas musicais dormen . . .

Silencios Azuis · Xoana



SENNOME (千の日)

Na nosa visita ao CAIM de zanfona para inspirarnos vin que algunhas pezas tiñan certa liberdade creativa como é o caso dos elementos tensores chamados clavixas e como tiñamos que facer unha caixa con certas medidas pareceume que a propia peza adaptábase bastante ben á idea, así que decidín intentar facer unha clavixa cun gravado dun "daruma" que é un amuleto xaponés ao que se lle pinta un ollo¹ cando temos un propósito por cumprir e cando este se cumpre píntaselle o outro ollo e de aí o título escollido "sen no me" que significa literalmente "o(s) ollo(s) de Sen²".

¹ realmente o ollo que tería que estar pintado é o dereito
² o kanji 
千 ten dúas lecturas, sen e chi, sen de por sí é o número mil pero tamén pode ser a "abreviatura" dun nome de alguén que empeza por "chi", como Chihiro, da película "A viaxe de Chihiro"

"Agradecer a Santiago de Prado alumno do curso Superior de CAIM Zanfona por prestarnos unha clavixa co seu deseño que tiña a maiores para coller medidas de referencia, esta clavixa é a que se expón coa caixa"

AZanfona- Xaime Rivas Dacosta



SOAN AS CUNCHAS - Irene M.V.

''Soan as cunchas entre o vento e o mar de Vigo''.

Baiuca– Morriña


Grazas a todo o grupo de Básico que traballou intensamente neste proxecto 

para sacar adiante todas estas marabillosas 

caixiñas de música non sonoras. ;DDD



Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!