EXPOSICIÓN A MÚSICA NA EMAO
"CAIXAS DE MÚSICA NON SONORAS"
O alumnado do curso básico 2023-2024 da Especialidade de Ourivaría elaborou a peza da exposición de final de curso “A Música na EMAO”.
Aproveitamos un exercicio de clase como é a elaboración dunha caixa de latón con bisagra e decorada con gravado ao ácido para adaptala a temática da exposición, para iso visitamos os obradoiros de construción de instrumentos tradicionais, Gaita e Zanfona onde os seus mestres Carlos Corral e Xaime Rivas explicáronnos como se constrúen, as distintas pezas que os compoñen e como soan os instrumentos que alí se elaboran. Tamén visitamos e estivemos nun ensaio da Orquestra SonDeSeu, onde puidemos ver e escoitar en situ o traballo desta Orquestra da ETRAD, e destes instrumentos da música tradicional e folk, ademais de indagar de modo persoal sobre a música tradicional galega e as nosas costumes, todo isto serviu para que o alumnado se inspirase e crear así a súa propia caixa.
A seguir podedes ler como naceu e en que se inspira cada unha destas caixas de música non sonoras, todas elas acompañadas dun enlace a un tema musical ou video relacionado coa súa temática.
ARPA E CRISANTEMO - Cristina H. |
Esta caixa representa a conexión que existe entre a música e a natureza. Inspirada nun dos temas que escoitamos ensaiar a SonDeSeu para o concerto de “Entreterras”, o tema chámase “Facer o pino” do músico portugués Daniel Pereira Cristo e que tocado pola Orquestra comezaban tocando as arpas. Así pois a tapa da caixa leva esta flor gravada sobre a que posa unha reprodución dunha arpa.
"Facer o Pino" de Daniel Pereira Cristo
HIMNO GALEGO - Marán A. |
Esta caixa está inspirada no himno galego, na tapa superior leva gravada parte da partitura de este tema musical, que conxuga o poema Os Pinos de Eduardo Pondal con unha composición musical de Pascual Veiga.
HimnoGalego interpretado por Luar na Lubre
A MÚSICA NO TEMPO - Natalia L.V. |
Cando se presentou este proxecto, pensei:
Caixa de música...¿? ¡Un tocadiscos!
Así que, no meu proxecto quixen representar instrumentos artesanais e tradicionais, así como os reprodutores de música eléctricos.
Porque a música acompáñanos dende tempos ancestrais nas nosas vidas.
A música é vida, a vida é música.
Galicia Canibal dos Resentidos
MÚSICA ,VIDA e NATUREZA - Jennifer M. |
Cando penso en música tradicional galega, imaxino os que me precederon, cantando, bailando, brindando, comendo e rindo, compartindo a vida ó son dunha muiñeira, un día calquera de festa.
Dende ese imaxinario meu, á miña memoria ven esta foto da miña avoa xunto os meus bisavós, na carballeira de Escairón (Lugo) no 1956.
A miña avoa Basilisa, aínda xove e coas ilusións intactas, no medio dun contexto cru, campesiño, de posguerra, e de ditadura imposta, mira ó futuro con esperanza.
A música supoño, faríalles esquecer todo e alimentaría esas esperanzas que se esbozan no sea sorriso, dun futuro mellor.
Ese pequeno instante de alborozo nas súas vidas, estou segura de que imprimíalles forza para seguir adiante e non desistir. Porque a música ten ese poder catártico e sandaor de transformar as penas en alegrías, de traer luz onde só hai escuridade.
Coma homenaxe os meus antepasados e tamén a todas esas carballeiras que foron testemuño de foliadas e infinitos seráns en Galiza, fago presente este elemento vexetal na ornamentación decorativa da miña caixa, para que non se esqueza que a natureza sostén a vida.
Música, vida e natureza son indivisibles no folclore galego. E desa inspiración nace a intención de fusionalos nesta peza de forma conxunta".
Muiñeira de Chantada interpretada por Milladoiro
FENTOS E PANDEIRETAS - Irene M.B. |
A idea desta obra que combina música e natureza provén da tradición galega, onde os sons do entorno, como os ríos E os montes, mestúranse con melodías populares.
Inspirada nas paisaxes de Galicia, tanto sonoras como naturais, esta creación busca conectar a esencia galega e convertela en algo tanxible a través da ourivaría.
Adios rios, adios fontes de Rosalia de Castro interpretada por Amancio Prada
CANTA - Raquel D. |
Os versos gravados nesta caixa proceden de Maneo de Caión, unha canción popular galega do século XV.
Comparto Polo Margariteño de Soledad Bravo como oda ao canto como forma de expresión e emancipación.
PANDEIRETA e FERRIÑAS - Marta F. |
Como fan da pandeireta escollín este instrumento tradicional e popular que de primeiras é sinxelo e versátil pero que pode pasar moi desapercibido case sen importancia.
Fai un tempo fun a clases de pandeireta e en canto poida espero retomalo, así que esta foi a miña inspiración.
Para min un artista que mellor representa o espírito deste instrumento é Xabier Díaz no tema a
Muiñeira de Limiñoa que é perfecta para acompañar a miña caixiña.
GAITA - Mabel C. |
Tras a visita ao obradoiro de CAIM Gaita inspireime na gaita como instrumento tradicional e representativo da música folclórica galega, a miña caixa leva gravada na tapa superior unha gaita e a maiores construín unha pequena reprodución moi florida.
A esta caixa acompañaa a Muiñeira de Cambados de Xaquín Xesteira mestre e xefe de estudos da ETRAD.
CAIXA HARMÓNICA - Eva C. |
A idea de fusionar a tradición da construción de instrumentos coa ourivería máis contemporánea xurdiu despois de visitar o taller de construción de zanfonas e gaitas. Do mesmo xeito que no obradoiro os artesáns que transforman a madeira en instrumentos, nós transformamos o metal nunha 'caixa-homenaxe' a zanfona, recreando nesta caixa distintas partes da zanfona como é a tapa da roda ou os ocos da caixa harmónica.
Xota dos perruchos interpretada por Xulio Dezagoire
ORGANISTRUM e ZANFONA - Pili G. |
Esta caixa está inspirada no Organistrum, instrumento medieval de corda fretada do século XII predecesor da zanfona, o gravado da tapa superior está inspirado no calado da reprodución do Organistrum que aparece esculpido no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, e ademais esta caixa leva un manubrio como o da zanfona con pomo de tallado en madeira de ébano.
Ondas do mar de Vigo - Organistrum
CANTIGAS - Regina B-R. |
Dende pequena sentín paixón pola Idade Media.
Cursei o Master de Arte, Cultura e Literatura medieval na universidade e a música litúrxica acompañoume moitas horas de estudo.
Esta caixa está inspirada na miniatura iluminada das Cantigas de Alfonso X é un homenaxe a nosa tradición musical e da mal chamada “Época oscura” .
Emilio Villalba interpretando Cantiga de Santa María
SILENCIOS - Elizabeth L. |
Neste libro escóndense as claves e os silencios que pasean e xogan pola EMAO, cando a creatividade repousa e as notas musicais dormen . . .
SENNOME (千の日) |
Na nosa visita ao CAIM de zanfona para inspirarnos vin que algunhas pezas tiñan certa liberdade creativa como é o caso dos elementos tensores chamados clavixas e como tiñamos que facer unha caixa con certas medidas pareceume que a propia peza adaptábase bastante ben á idea, así que decidín intentar facer unha clavixa cun gravado dun "daruma" que é un amuleto xaponés ao que se lle pinta un ollo¹ cando temos un propósito por cumprir e cando este se cumpre píntaselle o outro ollo e de aí o título escollido "sen no me" que significa literalmente "o(s) ollo(s) de Sen²".
¹ realmente o ollo que tería que estar pintado é o dereito
² o kanji 千 ten dúas lecturas, sen e chi, sen de por sí é o número mil pero tamén pode ser a "abreviatura" dun nome de alguén que empeza por "chi", como Chihiro, da película "A viaxe de Chihiro"
"Agradecer a Santiago de Prado alumno do curso Superior de CAIM Zanfona por prestarnos unha clavixa co seu deseño que tiña a maiores para coller medidas de referencia, esta clavixa é a que se expón coa caixa"
SOAN AS CUNCHAS - Irene M.V. |
''Soan as cunchas entre o vento e o mar de Vigo''.
Grazas a todo o grupo de Básico que traballou intensamente neste proxecto
para sacar adiante todas estas marabillosas
caixiñas de música non sonoras. ;DDD
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!