Amosando publicacións coa etiqueta Coiro Contidos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Coiro Contidos. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de abril de 2025

Presentación da revista "La Gaceta de la Lezna" [ARTESANÍA EN COIRO]

Impulsada polo noso mestre da especialidade de Artesanía en Coiro, Pepe Pereira, presentouse o día 5 de abril de 2025, no Museo Provincial de Pontevedra, a revista especializada nesta artesanía "La Gaceta de la Lezna". Con este motivo enlazamos en EMAO EN LIÑA o texto completo de presentación deste acto:

Pódese descargar o documento completo aquí

RESUME DA PRESENTACIÓN:

Boa tarde a todos e todas. É unha honra darvos a benvida ao Museo de Pontevedra para presentar o número cero de *La Gaceta de la Lezna*, revista especializada na artesanía en coiro. Este acto é, ademais, unha homenaxe a un oficio que forma parte da nosa identidade cultural.

Queremos aproveitar esta ocasión para reflexionar sobre a diferenza entre unha artesanía trivial, convertida en produto de consumo, e a que se fundamenta na tradición, evolúe e dialoga co presente, podendo mesmo acadar categoría artística.

O coiro leva séculos acompañándonos. O 25 de outubro, día de San Crispín e San Crispiniano, recorda a importancia histórica deste oficio. Durante xeracións, artesáns anónimos transformaron este material en pezas útiles e fermosas. É hora de poñer nome e voz a eses creadores e tamén aos mestres actuais que manteñen vivo o oficio sen apenas visibilidade en redes nin mercados masivos.

Pepe Pereira leva anos reivindicando este legado dende a EMAO. En colaboración con artesáns de gran prestixio —como José Villar, Nelson Gómez Callejas ou Michael Nadeau— ofreceu ao seu alumnado contacto directo co saber vivo. Villar, por exemplo, combina técnicas tradicionais e innovación, desenvolvendo mesmo ferramentas propias. É un exemplo do equilibrio entre raíces e vangarda.

Hai tamén iniciativas solidarias, como a “Iniciativa Verde Cuero” durante a pandemia, que demostran que a artesanía pode conectar co presente desde os seus valores.

A EMAO xoga un papel esencial na transmisión deste saber. A especialidade de Artesanía en Coiro, renovada en 2010, ofrece formación ampla e rigorosa. Desde 2013, a escola organiza exposicións monográficas que amosan pezas únicas de mestres convidados e do seu propio alumnado, unindo tradición e contemporaneidade.

A participación nas X Xornadas dos Oficios do Coiro de Allariz foi un recoñecemento ao traballo constante do noso taller. A exposición alí presentada, con trece pezas de antigos alumnos e alumnas, resumía trece anos de creación, cunha miscelánea de técnicas tradicionais e experimentais.

Todo isto lévanos a afirmar que a artesanía do coiro é patrimonio cultural vivo. Non é só un legado do pasado, senón un saber-facer en evolución. Como tal, require recoñecemento, apoio e continuidade.

Aquí entra *La Gaceta de la Lezna*: unha revista que nace como altofalante para os e as protagonistas do oficio. Entrevistas, reportaxes, reflexións... todo cabe nesta publicación feita con amor e respecto ao coiro. A elección do nome “Lezna” —ferramenta que une— simboliza a súa vocación de conectar tradición, innovación e comunidade.

Esta revista non é só para especialistas. É para quen valora o feito a man, o traballo coas mans e coa alma. Para quen entende que na artesanía hai humanidade, memoria e futuro.

Grazas á EMAO, ao Concello de Vigo, ao Museo de Pontevedra, a Pepe Pereira, a Rebeca Amoedo e a todas as persoas que fixeron posible este proxecto. Que *La Gaceta de la Lezna* sexa un faro e un fío condutor para toda a comunidade artesá.

Parabéns, e que viva a artesanía en coiro!

martes, 28 de novembro de 2023

Venres da EMAO 1-12-2023. Presenta “Do lixo ao prato” Master class de po de coiro [COIRO]


 
Os subprodutos do coiro son normalmente tratados como materia inútil, sen alma nin futuro, pero esta formulación é errónea xa que ese po de coiro está aínda cheo de posibilidades construtivas e decorativas. A nosa particular "Cuerámica" é un exemplo diso, é un proceso barato, sostible e con moita capacidade de ser un medio de expresión. Esta clase será unha introdución a esta técnica experimental e o aproveitamento dos desfeitos do coiro.

Presentado por Pepe Pereira (mestre de Artesanía do Coiro na EMAO)
Data: 1 de decembro de 2023
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo

venres, 29 de setembro de 2023

"O Coiro da EMAO" [COIRO]



Esta fin de semana na vila de Allariz, provincia de Ourense, celebraranse as “X Xornadas dos Oficios do Coiro". Estes encontros de artesáns, artistas e afeccionados, adoitan ser un lugar de aprendizaxe, experiencias e inspiración, pero sobre todo de encontro, onde compartir experiencias, consellos e coñecer xente coa que hai algo en común, o traballo do coiro.

Desde o ano 2013, o Museo do Coiro vén organizando esta actividade que contén cursos, talleres, exposicións, conferencias, mercados... unha oportunidade única na península xa que son os únicos encontros deste tipo que se celebran, e os máis lonxevos de Europa. Impartiron talleres artesáns da talla de Juan García Olmedo, Michael Nadeau, Nelson Gómez Callejas, Rene Berends, José Villar, Franklin Pereira…

Desde hai uns anos a EMAO e o Museo do Coiro teñen un vínculo de colaboración na promoción e recoñecemento dos Oficios Tradicionais do Coiro. Existe ademais unha coincidencia temporal fortuíta xa que o ano no que se celebraron as primeiras Xornadas coincide co ano no que na EMAO inauguramos a nosa primeira exposición monográfica de coiro “100X100 COIRO” (2013). 
 
Este ano desde a organización propúxosenos formar parte das xornadas dunha maneira especial, cunha exposición do noso traballo como Escola, dando a coñecer o que cada día o que cada día apréndese, constrúese e decórase na nosa aula. Como profesor da especialidade é un orgullo recibir este encargo de Miriam e Ernesto que son os responsables do Museo do Coiro e a alma mater das Xornadas dos Oficios do Coiro.
Este recoñecemento ao traballo que a Escola leva facendo por manter os oficios tradicionais é o premio a tantos anos de traballo de profesionais como Andrea, Mercedes, Virginia e máis eu (Pepe) e aos centos de alumnos que pasaron polo noso taller. 
Desde mediados do século XX cada curso comeza con moita ilusión e ganas, e moitos proxectos acaban sendo realidade. Nun principio a nosa especialidade na escola denominouse Repujado en Cuero, e nela empezouse ensinando ás mulleres esta especialidade decorativa que co tempo iríase ampliando. No ano 2010 cámbiase a denominación da especialidade e pasa a chamarse Artesanía do Coiro, un concepto que abarca máis técnicas, materiais, pezas e contidos en xeral que dan aos nosos alumnos un abanico de posibilidades para a súa formación que son a semente dun oficio. Ademais como xa dixen desde o ano 2013 vimos celebrando unha Exposición Bienal baixo dúas ideas fundamentais: achegar o traballo de grandes artesáns e artistas do coiro aos nosos alumnos e achegar o traballo do coiro ao público da cidade de Vigo.
 
Para esta exposición, que é a primeira monográfica na que os nosos alumnos exhiben o aprendido fóra de Vigo, expuxemos a idea destes trece anos de Artesanía do Coiro, con trece pezas de alumnos destes últimos anos que ilustran a variedade do noso taller. Unha mistura de técnicas tradicionais e  experimentais, pezas decorativas e pezas prácticas. Queremos demostrar que o coiro é un material vixente e con futuro, cunha gran amplitude de posibilidades técnicas e de variacións do material. Esta exposición non sería posible sen a participación dos alumnos seleccionados: Sandra, Nancy, Antonina, Lorena, Fran, Manuel, Xema,Lúa, Loli, Ruth, Miguel, Belén e Valeria, e todos os que están representados co seu traballo na peza catorce, que representa o noso futuro baseado nas pegadas que abren o camiño. 
Podedes visitar a exposición ata o 29 de outubro no Museo do Coiro





luns, 13 de xullo de 2020

Ferramentas para traballar o Coiro e II (Repuxado) [COIRO]

Comezamos hoxe cun repaso ás ferramentas que empregamos para decorar o Coiro cunha técnica sen dúbida senlleira da nosa Escola, o Repuxado.

Plastilina
O material sobre o que imos traballar é a plastilina, pódese empregar calquera, nós a que estamos a empregar na Escola é esta; as de cores tamén se poden empregar pero nalgunha ocasión tivemos alguna problema con manchas na flor do Coiro, así que dende aquela empregamos preferiblemente de cor branca. Existen outras, como por exemplo ás da marca Play-Doh, que son biodegradables con máis facilidade; nós desaconsellámolas xa que coa auga de mollar o coiro poden apodrecer.

Como substituto deste material pódese empregar tamén pasta de modelar, pero non se podería reutilizar. Puntualmente e para algunhas pezas determinadas na Escola tamén empregamos poliespán ou cartón pluma.

martes, 7 de xullo de 2020

Ferramentas para traballar o Coiro I [COIRO]

Como xa falamos nos nosos encontros virtuais para evitar os problemas que tivemos neste curso co confinamento e a falta de material e ferramentas, fai falla que os nosos alumnos vaian preparando un pequeno kit de ferramentas para poder traballar na casa e así que non pare o ritmo de traballo durante o curso.
Imos comezar a partir de hoxe unha serie de entradas neste blog coas que pretendemos amosar as diferentes ferramentas para traballar as diferentes técnicas que estamos a aprender no curso.

venres, 12 de xuño de 2020

5 Ideas para aprender [COIRO]

Para esta fin de semana que se presenta chuviosa imos facer cinco propostas para que vexades en Youtube. Son cinco pequenos vídeos que vos servirán para sacarlle máis proveito ó Coiro.
O primeiro deles é un video do noso amigo norteamericano Jim Linnell que nos amosa como podemos facer planos, modelos ou padróns cos que reproducir varias veces o mesmo debuxo dun xeito moi sinxelo. Para os máis curiosos, a ver ¿quen ve no vídeo un souvenir que lle regalamos a Jim cando nos visitou na EMAO?



venres, 3 de abril de 2020

Graciñas, Quimicefa [COIRO]

Teño que confesar que son algo desordeado, os meus alumnos sábeno ben... e ademáis teño o meu material espallado entre dous trasteiros, o meu taller almacén, a miña casa e a Escola. O último día que estiven na Escola, o 13 de marzo trouxen material e ferramentas para casa, polo que puidese pasar, pero non me trouxen tintes, nin pátinas, soamente un pequeno bote de Laca Acuosa que teño que ir dosificando porque non sei canto vai durar isto... Así que mentres que vou facendo pezas para os tutoriais que vou facendo noto que se me quedan cortos no acabado e na aplicación de cor, levo un par de días dandolle voltas ás diferentes opcións para engadir un toque de cor e onte pola noite se acendeu a bombilla cando vin a caixa do Quimicefa  que os Reis Magos lle trouxeron a Pepe e a Fermín este ano; abrín a caixa e alí estaba... Bicarbonato Sódico. Grazas Quimicefa. Aquí vos deixo un pequeno paso a paso dun tinte caseiro que aprendín hai case 20 anos nun curso de Coiro que fixen con Miro Magariños como profesor.

Material:
Auga, Bicarbonato Sódico e Coiro de curtido vexetal sen tinguir.

Podemos mercar este produto quimico nos Supermercados ou Farmacias.
Mesturamos con auga na proporción que desexes, iso sí, ten en conta que vai ser moi difícil volver a conseguir o mesmo ton.
Trata de diluir ben a mestura, xa que se quedan grans poden producir manchas máis escuras.
Comparación, en seco, tinguido e sen tinguir

Dúas pingas secas dunha mestura máis concentrada.

Proba de goteo, aínda húmido.
 A ver que vos sae... ¡sorte!

xoves, 2 de abril de 2020

Repuxado sobre molde ou Embossing [COIRO]

Como nos quedamos un pouco colgados nas pezas que realizamos durante o curso de Iniciación e Básico estivemos a preparar un pequeno tutorial para explicar dunha forma sinxela un método de traballo que nos pode facilitar pequenos traballos seriados, ou cando queremos definir as formas dun xeito mellor definido, o problema aquí sería que canto máis precisión busquemos mellor necesitaremos dominar o bisturí ou incluso a gubía xa que conleva un traballo de talla no Coiro.

Nota: Os medios son os que teño na casa, xa que parte do material está na Escola e outra parte no taller.... así que aínda que sinxelo espero que vos sirva.

1- Transferimos o debuxo a un trozo de Coiro.



 2-Cortamos un, ou máis anacos de Coiro ata completar co grosor dos anacos a altura que queiramos para o molde. Neste caso, estamos empregando unha vaquetilla de 4mm, podemos empregar outro tipo de peles, incluso ó cromo xa que polo que vas a ver soamente as vamos a pegar e tallar. O número de capas de coiro que vaias empregar pode aumentar ou diminuir en función do grosor do Coiro a empregar.


3- Para facilitar a adherencia do bloque, conven raspar ou lixar a flor, para eliminar o brillo que poida ter, e así que a superficie quede preparada para o agarre.


4- O aspecto da flor debe ser algo "aterciopelado", o das capas interiores, non a superficial.


5- Pegamos as capas con cola blanca, tamén se pode usar a de contacto, pero coa branca o lixado e o tallado poden resultar máis limpos, xa que a peza vai quedar máis dura e o con contacto a unión quedaría algo máis "gomosa".


6-Neste caso e dado o grosor das capas optamos por cortar a figura da primeira capa, para non ter que forzar moito o corte e así sexa algo máis doado. Outra opción sería cortar as siluetas soltas e despois pegalas.


7- Isto xa vai collendo forma...


8- Coa axuda do matacantos e o bisturí (tamén che serviría unha gubia) comezamos o tallado, que neste caso será redondear os bordes, pero poderíamos incluso chegar a facer vaciados.


9- Podemos ir comendo do borde ata dentro coa profundidade en inclinación que queiramos. Incluso coa virutilla, pegandoa na superficie podemos  conseguir efectos de volumen.


10-Unha vez redondeado conven darlle unha man de lixa para suavizar os bordes o máximo posible para facilitar o moldeado.


11- Bruñimos os bordes e a flor con fruición para que o Coiro que vamos a traballar non se nos quede pegado e sexa doado sacarlle o molde can rematemos.


12- Como diría Manuel (un alumno de hai uns anos) "cando cheire a allo" sabrás que está ben bruñido, chega o momento de cortar o Coiro que vamos a moldear, que sexa algo máis grande que o molde e o mollaremos.


 13- Debemos ter en conta sempre que a carne é a parte máis permeable do Coiro, polo tanto antes de comezar a moldear conven empapar a carne. Xa que despois non imos ter acceso á parte que cubre o molde.

14- Recomendamos tamén romperlle un pouco planchado á flor para que o Coiro se adapte ben ó molde.


15- Estiramos o Coiro e o centramos sobre o molde.


16- Cos buriles que traemos de serie, os dedos, asentamos o Coiro sobre o molde, e comezamos a asentar o contorno, para ir estirandoo.


 17-Canto máis amoldemos coa mán, menos traballo teremos que facer no axuste.


 18-Coa axuda dos buriles comezamos a  traballar a superficie e os bordes tratando de definir ben as formas e alternando as zonas a traballar xa que ó estirar o Coiro se nos pode perder a forma que buscamos.


19-Unha vez obtida a forma desexada, deixamos secar o Coiro.


 20- Se vos fixades, no borde do molde poderedes comprobar que axustamos ó máximo sobre o molde, de non facelo así a linea o redor do molde sería máis ancha e o molde "bailaría".


21- Cando esté ben seco o Coiro moldeado podemos retirar o molde con facilidade, de ahí que o mesmo molde nos sirva para realizar pequenas pezas en serie.


 22- Como sempre que facemos un repuxado conven poñerlle un recheo, neste caso cola blanca e anacos de papel de cociña, se estiveramos en García Barbón 5 probablemente empregaríamos pó de Coiro, do que se trata é de que quede cheo por completo o moldeado.


 23- Aplicmos capa de cola, e capa de papel, presionamos un pouco o papel para que se empape, e outra capa de cola.... e así ata chegar ó borde.


 24-Aquí podedes ver a definición do borde da altura alcanzada e a forma redondeada do molde.


25- E voilá..... un moldeado en Coiro de todo corazón.




NOTA ACLARATORIA: Os medios ó noso alcance son os que son debido ó confinamento, que nos pillou co equipo disperso por diferentes  lugares.

mércores, 1 de abril de 2020

Diferenza entre coiro e COIRO [COIRO]

Está en inglés, pero penso que este video é moi facil de comprender, espero que vos resulte aclarador. O narrador é Serge Volken, un gran Maestro Artesán de Suiza que entre outros meritos ten haber gañado o Premio Stohlman do ano 2017. Este video pertence a unha serie de videos que grabou para o fabricante de produtos para o coiro Fiebing´s


venres, 27 de marzo de 2020

A coitela Xiratoria [COIRO]

Para a fin de semana vos deixamos un video que aínda que está en inglés resulta moi ilustrativo sobre unha ferramenta esencial para a técnica do labrado, a Coitela Xiratoria. Moitas Grazas a Ralf Meisel polo traballo que fixo e por permitirnos compartilo. 


mércores, 25 de marzo de 2020

Tutorial para probar [COIRO]

Deixamosvos aquí unha ligazón ao Tutorial para facer unha pulseira tecida en coiro realizado pola nosa compañeira de oficio e empresa May Iglesias. Esperemos que vos guste.


martes, 24 de marzo de 2020

Lembranzas [COIRO]

Lembramos estes días cousas que pasaron e que poida que non viviramos coma se merecían, e quedando noso recordo...
Alá polo 2013 dende a Especialidade de Artesanía en Coiro da Emao, coa colaboración dos Mestres de aquel momento e moitos artesáns sacamos adelante un proyecto que se chamou "100x100 Coiro", unha exposición na que só había Coiro, e do bó.
Chegaron pezas de diferentes países e por primera vez conseguimos poñer o nome da Emao nos principais círculos coirísticos.
Aquí vos deixo un vídeo que o resume, pero... ¿Alguén sería capaz de lembrarme os nomes de algún participante?
Disfrutadeo.

Tempo para Aprender [Coiro]

Como diría o especulador "onde hai crise hai oportunidade" así pois aqui vos deixo unha oportunidade de aprender.
A empresa norteamericana Tandy Leather Factory (https://tandyleather.eu/) conta dende hai anos cunha Biblioteca dixital na que se poden mercar libros, videos, patróns, deseños e moito material didáctico elaborado por prestixiosos profesionais como Al Stohlman, Tony Laier, Jim Linnell e moitos más.









                                                                                                                                                                                                                                           

En esta ligazón vos podedes descargar un montón de material, que con motivo do 100 aniversario de esta empresa ten un custo de 0€, só tedes que rexistrarvos e realizar todo o proceso para a compra ata o final, que terá un custe de 0.
https://www.leathercraftlibrary.com/


luns, 23 de marzo de 2020

Experimentos caseiros con Coiro [COIRO]

Estar pechado na casa durante dez días con dous nenos cambia un pouco a vida do "confinamento" así que onte pola tarde preparamos un vídeo realizando un experimento sobre a técnica da que vos falamos a semana pasada do moldeado ao baleiro.


Detallamos aquí o paso a paso; se tedes algunha dúbida aquí estamos para respostala. E xa por adiantado perdón pola montaxe do vídeo: Spielberg daba comunicando cando o chamamos.

Materiais:
- Auga.
- Xabrón lavalouzas (Fairy ou similar)
- Bolsa para almacenar roupa ao baleiro
- Auga temperada
- Coiro fléxible de curtido vexetal.

Ferramentas:
- Aspiradora.
- Ferramenta de Corte.
- Molde Ríxido.

Pasos:
1- Calcular o tamaño do coiro que vaiamos precisar, que sexa máis grande có molde e que o cubra tendo en conta o grosor.
2- Cortamos o Coiro.
3- Mesturamos a auga temperada co xabrón.
4- Estiramos e enrugamos o Coiro para rachar o pranchado da flor.
5- Introducimos o Coiro na auga mesturada, rachamos a fibra ao coiro e deixamos que entre ben a auga pola flor e pola carne.
6- Deixámolo na auga un par de minutos.
7- Poñemos o molde sobre unha superficie ríxida e o cubrimos co coiro.
8- Preparamos o Coiro tratando de evitar que queden enrugas cara a parte exterior.
9- Aquelamos a peza a moldear no interior da bolsa.
10- Pechamos herméticamente a bolsa.
11- Coa aspiradora extraemos o aire da bolsa ao máximo. E xa notaremos a forma do moldeado.
12- Deixade repousar entre 12 e 24 horas. Revisade, xa que se a bolsa non é moi boa pode perder algo de baleiro; se é o caso podemos volver a baleirar coa aspiradora.
13- Pasado o tempo de repouso, abrimos a bolsa e deixamos secar un pouco o coiro, sen sacalo do molde.
14- Mentrres o coiro siga húmido podemos axustar cun buril ou pregadeira as formas e detalles que non queden abondo definidas co baleiro.

Agora vos toca xogar a vós.

P.D. Grazas a todo o equipo de producción dos estudos onde gravamos este vídeo, Pepe, María e Fermín.

venres, 20 de marzo de 2020

Moldeado por baleiro (Despresión) [COIRO]

Como sabedes unha das premisas que seguimos no noso obradoiro é o coñecemento e aplicación das técnicas tradicionais do noso oficio, pero nos encanta xogar co coiro e facer experimentos. Este que vos presentamos é un dos últimos que fixemos e a verdade é que pode dar moito xogo.
A técnica do moldeado non é nada novo, emprégase dende hai séculos para construir pezas en coiro e tamén para decorar. Este novo método que estamos a probar resulta máis doado, xa que o proceso de estirado da pel e adaptación nono realizamos nós, senón que o fai unha máquina aínda que a nosa man vai ser imprescindible.
Recoñezo que este días vai ser un pouco complexo realizar este proceso como o fixemos nós, xa que os nosos amigos dos supermercados están bastante atarefados facendo o noso confinamento mellor e traballando a un ritmo moi duro para que nós poidamos quedar na casa para frear ao bicho. Así que grazas e vai por eles, os que se están a esforzar por nós.

Tecnicamente podémoslle chamar Moldeado por Baleiro ou, como nos explicou o outro día o noso alumno Manuel, por despresión.

1- Comezamos buscando un molde que nos guste, debe ser ríxido e se non o é, como neste caso, podemos enchela de plastilina ou pasta de modelar; é necesario que o recheo quede ben presionado xa que no baleiro se pode deformar e perderiamos o acabado que percuramos.
Debemos axeitar o molde sobre unha base ríxida que resista á auga e recortar un anaco de coiro non moi groso e flexible (Badana, tenreira ou poltro) de tamaño un pouco máis grande co tamaño da base e tendo en conta o grosor do molde. Enchouparemos o Coiro e rachareémoslle un chisco a fibra estirándoo e enrugándoo, rachándolle o pranchado.
Un pequeno consello que axuda a desengraxar o coiro é que cando o mollemos lle botemos un pouco de Fairy, Mistol ou similar.  KH7 nunca, dou fe.


 2- Chega o momento de achegarnos ao supermercado ou chacinería e que o noso superheroe introduza o molde no seu soporte cuberto polo coiro mollado nunha bolsa de baleiro  coma as que se empregan para envasar os embutidos, de aí o nome que lle damos coma o Moldeado Charcutero. As nosas  probas foron realizadas a -0.98 bares xa que Manuel nos explicou que o máximo que se pode conseguir en despresión é de -0´99 bares. Aquí podedes ver o resultado  dunha proba dunhas flores repuxadas. Cómpre que o manteñades no baleiro durante 24 horas para que o coiro se axeite de todo ao molde.





3- Abrimos a bolsa, extraemos o molde co coiro e deixámolo  secar un pouco ou de todo, ou ao ar ou cun deshumidificador, pero nunca con calor, xa que endurecería o coiro demasiado.

















4- Unha vez seco aconsellamos sacar o coiro do molde e se ten detalles sacarlle unha foto, xa que despois non debemos sacalo do molde ata que o rematemos porque podemos perder algunha das formas.











5-Humedecemos un pouco o Coiro pola carne e tamén pola flor; colocamos o coiro sobre o molde e comezamos o proceso de axuste e retoque dos detalles; podemos humedecer o coiro varias veces, pero nunca en exceso. Se che fai falla móllao moitas veces, pero mellor moitas veces pouco cá unha demasiado.












6- Unha vez realizados os detalles e acadado o nivel de detalle desexado só queda aplicar algún tipo de endurecedor pola carne coma se de un repuxado se tratase e unha vez seco de todo darlle cor se queredes e un acabado protector. Neste caso démoslle varias mans de laca acuosa Tarragó.







Podedes empregar tamén outro tipo de moldes, que teñades por casa como por exemplo esta cuncha que tiñamos na clase.

E agora plantéxovos un reto: ¿quén ousa experimentar con eito na casa e mandarnos os resultados? Pista: ¿Tedes na casa unha bolsa das que se empregan para gardar roupa nos armarios e que para que non ocupen espacio teñen unha válvula para extraer o aire? ¿Tedes unha aspiradora? ¿Un bombín dos que se empregan para inflar as colchonetas de praia?

Espero moitas fotos.

MOITO COIRO