Amosando publicacións coa etiqueta Facer Escola. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Facer Escola. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de xullo de 2024

A Visita do Equipo EMAO á Fundación Serralves [OUTRAS NOVAS]

Yayoi Kusama (Matsumoto, 1929)

 
Este pasado martes a Escola de Artes e Oficios organizou unha saída cultural á cidade de Porto para visitar a Fundación Serralves, sede do Museo de Arte Contemporánea máis importante de Portugal. O Museo inaugurado a 6 de Xuño de 1999 foi deseñado polo arquitecto Álvaro Siza Vieira.
Nesta ocasión visitamos a exposición Yayoi Kusama: 1945 — Hoxe que narra a historia da vida e obra da artista xaponesa. Con cerca de 160 traballos, incluíndo pinturas, deseños, esculturas, instalacións e materiais de arquivo, esta exposición percorree a carreira de Kusama desde os seus primeiros deseños, feitos na súa adolescência durante a Segunda Guerra Mundial ata ás súas obras de arte imersivas máis recentes. Organizada cronoloxicamente e por temas, esta exposición retrospetiva conduce os visitantes a través da produción creativa de toda unha carreira, dividida por grandes tópicos: Infinito, Acumulación, Conectividade Radical, Biocósmico, Morte e Forza de Vida. 
 
Tamén visitamos a exposición Pre/Pos - Declinacións visuais do 25 de Abril que conmemora os 50 anos da Revolución dos Cravos. Nun arco cronológico de 1970 a 1977, a exposición rexistra como o universo das artes refletiu as experiencias e sentimentos que acompañaron o proceso revolucionario e como este se desenvolveu entre o entusiasmo utópico e a aprehensión contida. Exhíbense máis de 300 obras para reflexionar sobre as tensións, contradicións e os paradoxos de antes e despois deste cambio.
 
Outras exposicións que puidemos visitar foron Anagramas Improbables, que promove o diálogo entre artistas de diferentes xeracións e xeografías para contextualizar a arte lusa na escena internacional, e a dedicada ao arquitecto portugués Álvaro Siza que ten como escenario o novo edificio do museo deseñado por el. O proxecto de Ryoji Ikeda, Micro/Macro [pavilhão], un dos máis destacados compositores eletrónicos e artistas visuais do Xapón, que explota as características esenciais do propio son e de elementos visuais como a luz, tanto a través da precisión matemática como da estética matemática.
 
Unha visita moi completa na que non podía faltar un paseo polo Parque de Serralves  que ocupa unha superficie de 18 hectáreas e é composto por unha gran diversidade de magníficos espazos harmoniosamente interligados, uns preciosos xardíns onde hai especies de plantas e árbores tipicamente portuguesas, unha rosaleda, un xardín de plantas aromáticas, un lago e paseos con esculturas. Sen esquecer o Treetop Walk Serralves, un paseo entre as copas das árbores ou a visita a Casa do Cinema de Manoel de Oliveira.
 
Estas visitas inscríbense dentro do programa formativo e de relacións interinstitucionais para o profesorado e persoal da Escola. Aquí tedes algunhas fotos dunha xornada moi proveitosa. 
 

luns, 15 de abril de 2024

15-4-2024. Obradoiro de Emprendemento. Vigo Emprende [OUTRAS NOVAS]

Luns 15 e Martes 23 de abril 


 

Logo das primeiras entrevistas do noso orientador laboral, Xosé Alberte Cea, cos docentes e  o alumnado resulta evidente que unha das principais inquedanzas é saída laboral moi relacionada co autoemprego,  que ainda sendo unha saída de interese, suscita numerosas dúbidas.

Por esta razón programáronse dous talleres co Servizo Municipal de Apoio ó Emprendemento, un para o luns 15 de abril ás 16.00 horas e outro para o martes 23 de abril ás 10.00.

Estes obradoiros servirán como presentación deste servizo ao alumnado que poderá comprobar o que este pode achegarlles. Darase unha idea xeral do que é hoxe emprender, cun enfoque orientado ó traballo en talleres e aos oficios. Na parte final haberá tempo para facer preguntas.

martes, 27 de xuño de 2023

Visita á EMAO da Fundaçao Ricardo do Espírito Santo Silva de Lisboa [OUTRAS NOVAS]

 
Hoxe recibimos a visita de dous mestres e catro alumnas da FRESS - Fundação Ricardo do Espírito Santo Silva de Lisboa. Durante a mañá e parte da tarde visitaron a nosa Escola. Desexamos que a visita fose proveitosa. Agradecemos a José Carmo, mestre de Deseño Dixital e Deseño de moble, a iniciativa. Tamén a Luciano, mestre de carpintería e talla, e ás súas alumnas o interese demostrado en cada unha das aulas. Esperamos que máis pronto que tarde podamos devolvervos a visita. Foi un pracer!!!
 
 

mércores, 19 de abril de 2023

A Visita do Equipo EMAO A Coruña [OUTRAS NOVAS]

Praza de España, A Coruña
 

Onte unha nutrida representación do persoal da Escola de Artes e Oficios fixo unha saída a cidade da Coruña na que visitamos a exposición Steven Meisel 1993 A Year in Photographs na Fundación MOP, que se centra principalmente no traballo do fotógrafo neoiorkino durante 1993, un ano verdadeiramente decisivo na súa carreira. Doce meses de intenso traballo onde destaca, sobre todo, a colaboración coa revista Vogue, na que chegou a asinar 28 portadas e máis de 100 editoriais. 

Continuamos cun apaixonante percorrido pola exposición "Picasso branco no recordo azul" no Museo de Belas Artes da Coruña, da man do seu comisario Antón Castro. Unha exposición organizada conxuntamente polo Estado español e o Estado francés nos principais museos das cidades picassianas con motivo do cincuenta aniversario da morte de Pablo Picasso, o 8 de abril de 2023, e no marco da Celebración Picasso 1973-2023. Moitas grazas a Antón pola excelente visita guíada.

Pola tarde e para rematar a xornada visitamos o estudio do deseñador, artesán e artista, Arturo Álvarez, que nos recibiu marabillosamente. Arturo Álvarez nos seus primeiros anos explora e traballa con conceptos figurativos, baseados na natureza. Nun segundo período, avanza cara á abstracción explorando formas xeométricas simples. Na actualidade, está a desenvolver novas formas de expresión e linguaxe, coa luz como tema principal e o ser humano e as súas relacións como protagonista. O recoñecemento do seu traballo, ao longo dos seus vinte e cinco anos de carreira, chegou en forma de prestixiosos premios internacionais e numerosos premios como innovador no campo da luz.

Estas visitas inscríbense dentro do programa formativo e de relacións interinstitucionais para o profesorado e persoal da Escola. Aquí tedes algunhas fotos deste día tan extraordinario.

xoves, 23 de febreiro de 2023

Entroido 2023 na EMAO [OUTRAS NOVAS]

 

Este ano o equipo da EMAO quixemos recrear, co espírito do entroido, unha foto de 1924 publicada en Vida Gallega, entón un grupo de profesores e empregados da Escola Municipal de Artes e Oficios reuníronse para despedir a Balbino Vázquez, catedrático deste centro docente e tenente coronel de infantería que foi nomeado delegado gubernativo en Béjar.


 

mércores, 25 de maio de 2022

A Visita a Porto do Equipo EMAO [OUTRAS NOVAS]


Onte, unha numerosa representación dos mestres e do persoal non docente da Escola, fixemos unha visita á Escola Artística Soares dos Reis, da cidade portuguesa de Porto e unha visita profesional ao Museo de Arte Contemporánea de Serralves, nesa mesma cidade. A visita á Soares dos Reis rememora tamén a que o alumnado daquela Escola (fundada a fin do S. XIX, ao mesmo tempo cá EMAO) fixo á nosa no ano 1934 e que foi amplamente recollida na prensa da época. Agradecemos á Escola Soares dos Reis a atención recibida por parte dos seus profesores e reiteramos as nosas felicitacións polo seu labor educativo.
Esta visita inscríbese dentro do programa formativo e de relacións interinstitucionais para o profesorado e persoal da Escola. Aquí tedes algunhas fotos desta xornada inesquecible: