venres, 29 de outubro de 2021

The Art Museum [BIBLIOTECA]

Hoxe subimos ao expositor un "Museo Imaxinario" proxectado pola editorial Phaidon.  

Non volo perdades!!!


 

The art museum / [conceived by Richard Schlagman].-- London : Phaidon Press Limited, cop. 2011

A mellor colección de arte xamais reunida, esta obra ofrece a experiencia do museo sen as fronteiras do espazo e o tempo, conduce ao lector nun percorrido polo mundo e a través das diferentes etapas históricas. As súas salas e galerías exhiben máis de 3000 cadros, esculturas, frescos, fotografías, tapices, frisos, instalacións, performances, vídeos, xilografías, biombos, pezas de cerámicas e manuscritos que narran a historia da arte mundial. 

É o único museo que reúne á Mona Lisa de Leonardo da Vinci, os mellores autorretratos de Rembrandt, as Meninas de Velázquez, o Guernica de Picasso, cerámica chinesa, xilografías de Hokusai, pezas de ouro do Perú, pinturas rupestres de Lascaux e obras de Cy Twombly e Brice Marden. Con galerías codificadas por cores, textos sobre o movemento artístico, a cultura ou o tema exposto en cada sala, e etiquetas explicativas de cada obra, é un museo espazoso, fácil de percorrer, educativo, estimulante, un auténtico festival visual. O primeiro museo de arte mundial verdadeiramente accesible, aberto 24 horas ao día, 365 días ao ano.

martes, 26 de outubro de 2021

EL ALMA DEL AGUA [TALLA E ESCULTURA]


A ALMA DA AUGA MIRA CARA MANHATTAN

Foto de el Periódico

 

24 metros de altura mide “El Alma del Agua”, a nova escultura de  Plensa que cambiou a paisaxe de Nova York. Instalada nunha dársena do peirao de  Newport en Nova  Yersey observa a cidade dende o seu pedestal e pide acougo a Manhattan.

Con esta peza Jaume  Plensa, un dos escultores máis recoñecidos do mundo, reivindica escoitar o son da auga. Como en todas as suas obras é moi importante a elección do lugar no que van ser instaladas.  Plensa é un escultor caracterizado por estudar en profundidade a relación que se xera entre o espazo no que traballa , o individuo e a memoria colectiva do lugar, cada obra está onde está porque ese é o seu lugar; así obras como  Dreams instalada nunha localidade mineira do Reino  Unido, na que os veciños de  St.  Helens foron actores fundamentais na súa elección; ou a Fonte Crown creada para ser unha escultura viva na que retratos de cidadáns de Chicago expulsan auga pola súa boca como  Gárgolas xigantes de luz e convidan a interactuar coa peza nun lugar de encontro, unha praza,  xerando un espazo lúdico que nos aparta do ruído cotián.


Foto de El País 


O retrato dunha nena, Carlota, tomou forma en fibra de vidro e po de mármore, foi transportada en 23 contedores de 12 metros de longo, cun  montage complicado de 114 pezas diferentes. Preséntase na paisaxe para reclamar a calma, o espazo de meditación e dirixir a mirada cara á inmensidade da auga para honrala como facían as tribus antigas buscando a alma da auga.

https://www.elperiodico.com/es/ocio-y-cultura/20211020/alma-plensa-emerge-aguas-hudson-12308395

https://elpais.com/espana/catalunya/2021-10-23/la-mala-suerte-de-plensa-con-barcelona.html

venres, 22 de outubro de 2021

Fotos da Conferencia "Pepe Cáccamo. A transmutación dos obxectos" [VENRES DA EMAO]

Esta tarde na hemeroteca tivo lugar a conferencia de Pepe Cáccamo, "A Transmutación dos obxectos" actividade organizada e coordinada polo mestre de pintura Darío Álvarez Basso, primeiro venres da EMAO despois do Covid. Aquí tedes as fotos cortesía da mestra de Escultura e talla en madeira, Rosa García. 
Agradecemos a todos/ as a asistencia ao acto e lamentamos que debido ás restricións de aforo numerosas persoas interesadas non puidesen entrar na sala. Esperamos que máis pronto que tarde se vaia recuperando a normalidade. Ata o vindeiro venres!!!
 

XV Biennal Internacional de Cerámica de Manises [OUTRAS NOVAS]

 

O Concello de Manises convoca a XV Bienal Internacional de Cerámica de Manises. O concurso conta, unha vez máis, con dúas categorías: Cerámica de Arte e Deseño de Produto, dentro das cales se establecen diferentes premios dotados de contía económica. O obxectivo do certame é, por tanto, dobre. Por unha banda, poñer en valor a cerámica de autor como medio de expresión artística. Neste sentido, os últimos anos preténdese atraer todos aqueles creadores que utilicen a cerámica como vía de expresión, independentemente da súa formación, para acoller a pluralidade, a diversidade e a complexidade da arte contemporáneo. Doutra banda, apoiar os produtos de deseño con capacidade de ser reproducidos industrialmente, un aspecto moi importante para o desenvolvemento e a innovación do sector cerámico industrial do noso territorio.

O prazo de inscrición finalizará o 15 de novembro de 2021. BASES

 

mércores, 20 de outubro de 2021

A Zanfona [CAIM zanfona]


O ministerio de cultura e deporte, a través da diputación de Pontevedra, presenta este pequeno documental sobre a zanfona, onde explico a grandes rasgos a historia e a construción do cordófono.

venres, 15 de outubro de 2021

Presentación do libro Catas na Memoria de Carlos Méixome na hemeroteca da EMAO [OUTRAS NOVAS]


 

O Ateneo Atlántico, en colaboración con Edicións Laiovento, organiza a presentación do libro Catas na memoria: a represión franquista no Val Miñor de Carlos Méixome, será o vindeiro martes 19 de outubro ás 19:00 na nosa hemeroteca.

No acto, xunto co autor, participarán o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo e Telmo Comesaña da Asociación viguesa pola memoria do 36. Actuará como presentadora a historiadora Rosa Pascual.

xoves, 14 de outubro de 2021

Presentación da Asociación de Alumn@s e Amig@s da Escola Municipal de Artes e Oficios: Móvete EMAO [OUTRAS NOVAS]

Andrea Moccio [SERIGRAFÍA]

 Andrea Moccio naceu en Buenos Aires en 1964. Estudou na Escola Nacional de Belas Artes Prilidiano Pueyrredón e nos talleres de Matilde Marín, Alfredo Portillos, Diana Aisenberg. Traballou nos talleres interdisciplinarios de Christian Boltanski, na Escola de Belas Artes de París e no taller de edición de obra gráfica en serigrafía de Manuel Belo, no Centro Arteleku, San Sebastián. Ten un taller serigráfico en Arxentina onde da cursos e leva a cabo traballos por encargo. Neste post centrarémonos no seu traballo como artista creando instalacións de papel serigrafiado e no seu traballo de edición en obra gráfica e de edición de libros en colaboración con recoñecidos artistas. Comezaremos visualizando o vídeo da serie documental "Mulleres de Oficio. Artes aplicadas ao papel" Capítulo 1: Andrea Moccio. Serigrafía. Realizado por Filis Producións. Buenos Aires, Arxentina, 2017.

 

luns, 11 de outubro de 2021

Lámpadas basadas nos gravados de Anni Albers [SERIGRAFÍA]

Seguindo o fío de Anni Albers, dende o taller de serigrafía artística realizamos unha serie de lámpadas baseadas na súa obra gráfica como híbrido entre texto e téxtil, lenzo e páxina, xogando coas tramas e urdimbres, labirintos e nós, marañas e fíos. Este traballo estivo exposto no vestíbulo da entrada da escola e foi realizado para a exposición EMAO/BAUHAUS.

venres, 8 de outubro de 2021

Os gravados de Anni Albers [SERIGRAFÍA]


Neste post indagaremos no traballo da obra Anni Albers como gravadora a partir dos anos 60, pero para iso primeiro faremos un previo percorrido pola súa vida e as orixes do seu traballo no campo téxtil facendo o que ela chamaba "tecidos pictóricos". Anni Albers (Berlín, Alemaña, 12 de xuño de 1899 - Orange ( Connecticut), USA, 9 de maio de 1994), de nacemento Annieliese Fleischmann, foi unha deseñadora téxtil, tecedora, pintora e deseñadora alemá, profesora da Escola da Bauhaus. 

En 1922 entrou como estudante na Escola da Bauhaus de Weimar, onde fixo o curso preliminar con Georg Muche e Johannes Itten. As mulleres non podían acceder a algunhas disciplinas, polo que Anni non puido entrar no taller de vidro no seu segundo ano e tivo que optar polo de tecido a cargo de Gunta Stölzl. O deseño téxtil da Bauhaus centrouse máis no campo práctico profesional durante esa década e para cando concluíu os seus estudos no curso 1929/30, Annie xa demostrara sobradamente a súa maestría nesta área. Por exemplo, creou un exitoso tecido insonoro, reflector e lavable (feito principalmente de algodón e celofán) especificamente para un auditorio musical. 

Elaboración da Almofada das Palilleiras [OUTRAS NOVAS]

O mércores pasado as alumnas do novo ingreso da especialidade de Deseño e encaixe de palillos, coa axuda da súa mestra Marian Núñez, afanábanse na elaboración da almofada, o principal aparello no labor da palilleira; encima van todos os demais utensilios é tamén o lugar onde fica o encaixe. Constrúean as propias  palilleiras cun feixe de palla de trigo, orxo ou centeo. Un ritual que se repite na Escola cos alumnos/as que inician esta especialidade.



mércores, 6 de outubro de 2021