Amosando publicacións coa etiqueta Pintura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pintura. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de maio de 2026

29-5-2026. Venres da EMAO presenta "Nesta casa hai un artista. Tributo aos irmáns Álvarez Blázquez" [SERIGRAFÍA E PINTURA]


A exposición Serigrafía Galega 1971 reuniu no seu día a 19 artistas plásticos galegos, nomes que hoxe son ineludibles na historia da pintura galega.

Como colofón á exposición "Serigrafía galega 1971. Tributo aos irmáns Álvarez Blázquez", que a EMAO -en colaboración coa asociación Legado Activo Beiras Cal (LABC)- programou no Espazo EMAO ata o vindeiro venres día 5 de xuño, neste Venres da EMAO achegarémonos a eles -coa secretaria do LABC, Carme Varela- a través da ollada de especialistas e familiares que nos falarán sobre o momento creativo no que se atopaban cando se embarcaron na aventura de protagonizar a primeira colección de serigrafía da arte galega.

Presentado por Darío Basso e Alba Pardo (comisarios da exposición e mestres de Pintura e Serigrafía artística, respectivamente, da EMAO)
Data: 29 de maio de 2026
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

luns, 23 de marzo de 2026

27-3-2026. Venres EMAO presenta a conferencia "Raymond Roussel" por Hermes Salceda [PINTURA]


Nesta conferencia, Hermes Salceda explora a figura de Raymond Roussel, un escritor francés fundamental para comprender as conexións entre a literatura e a arte na modernidade.

Roussel desenvolveu un método de escritura baseado en xogos de palabras, asociacións inesperadas e estruturas formais moi rigorosas, que transformou a súa obra nun laboratorio creativo.


Presentado por Darío Basso (mestre de Pintura da EMAO)
Data: 27 de marzo de 2026
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo

xoves, 13 de novembro de 2025

14-11-2025. Venres da EMAO presenta a Villalobos [PINTURA]

 

Ao longo da súa traxectoria, Villalobos desenvolveu unha linguaxe visual propia, na que conflúen a tradición e a experimentación, a memoria e a contemporaneidade. A súa obra invítanos a reflexionar sobre a identidade, o territorio e as emocións humanas a través das formas, cores e materiais que dialogan entre si cunha forza poética inconfundible.
Nesta conferencia adentrarémonos no seu proceso creativo, nas súas principais influencias e a evolución da súa proposta artística, co propósito de comprender mellor como Villalobos conseguiu construír un espazo singular dentro do panorama da arte actual.


Presentado por Darío A. Basso (mestre de Pintura da EMAO)
Data: 14 de novembro de 2025
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

martes, 21 de outubro de 2025

Exposición-Homenaxe a Aurora Murias [EXPOSICIÓNS EMAO]



Este martes, 21 de outubro ás 19.00 horas tera lugar a inauguración da exposición Homenaxe a Aurora Murias, situada nas escaleiras da entrada de García Barbón 5 e nas vitrinas do corredor de acceso á biblioteca, poderase visitar ata o martes 11 de novembro. 
 
Aurora Murias (1960-2025) foi alumna da EMAO nas especialidades de Cerámica, Debuxo e actualmente cursaba Pintura cando faleceu de xeito repentino no mes de abril. Estivo tamén neste último ano vinculada ao grupo dos Urban Sketchers de Vigo, asistindo a algunhas das convocatorias propostas ás que se suma alumnado e antigo alumnado da EMAO, polo que Aurora era moi coñecida e recoñecida. 
 
Aurora foi mestra de ioga e de infantil, sendo a primeira mestra en Galicia de atención pedagóxica domiciliaria. Elaborou un proxecto pioneiro para nenos e nenas con déficit de atención onde puxo en práctica a base do ioga para tratar estes casos: Como atallar os problemas de comportamento cunha metodoloxía baseada no control das emocións, 1999-2000. Aurora segue formándose no eido da arteterapia, o debuxo primal e a cerámica. No ano 2005 sofre unha enfermidade cerebral grave que a obriga a xubilarse tomando a decisión de poñer en práctica con ela mesma o que sabía funcionaba co seu alumnado. Ese tesón e vontade de non afastarse e estar presente fíxoa unha persoa moi activa. Nas artes plásticas atopou unha motivación. 
 
Aurora foi unha persoa moi querida e deixou unha pegada en todos aqueles que a coñeceron, por iso desde este pequeno refuxio cultural que é a EMAO, a súa casa en tres especialidades, queremos facerlle unha pequena homenaxe con esta exposición que abrangue pinturas, debuxos e algunha peza cerámica. 
 
Adeus Aurora. Botámoste en falta.

Texto de Federico Fernández
(Mestre de Debuxo na EMAO)

luns, 16 de xuño de 2025

20-6-2025. Inauguración da exposición "Castelao na EMAO" [ESPAZO EMAO]


A inauguración da Exposición "Castelao na EMAO", comisariada polo profesorado das especialidades de Serigrafía artística e Talla e escultura en madeira da Escola municipal de Artes e Oficios (EMAO), terá lugar o venres, día 20 de xuño, ás 19,00h, no Espazo EMAO.

Dentro da programación anual da EMAO prevese, ao remate de cada curso académico, a produción dunha exposición cos resultados dun proxecto que, partindo dunha idea xeradora única, dea lugar a interpretación, despregue do traballo e saber facer dos distintos talleres.

Neste ano 2025, a escola e as súas especialidades renderán homenaxe, no Ano dedicado a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao polo 75 cabodano do seu pasamento, ao polifacético persoeiro da cultura e da política, figura clave na historia recente do noso país, e considerado un dos fundadores da Galicia contemporánea.

A EMAO súmase así á multitude de actos e homenaxes que, por toda Galicia, se están a desenvolver neste ano, salientando a obra do pintor, debuxante, humorista, escritor, pensador e político. O alumnado e mestres das diferentes especialidades da Escola presentan a súa particular visión deste personaxe universal. En paralelo á exposición, nas vitrinas do corredor da Biblioteca da EMAO pódense contemplar unha selección bibliográfica de títulos relacionados coa vida e a obra de Castelao, pertencentes aos fondos da Biblioteca da Escola.

Esta exposición estará aberta entre os días 20 de xuño e o 17 de outubro de 2025 (pechada o mes de agosto). 

FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: "Castelao na EMAO"
Lugar: Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro.
Datas: do 20 de xuño ao 17 de outubro de 2025 (agosto pechado)

Horario:
- Do 20 de xuño ao 30 de xuño: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
- Do 1 de xullo ao 12 de setembro (agosto pechado): de luns a venres, laborables, de 10:30h a 13:30h
- Do 15 de setembro ao 17 de outubro: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h

Comisariado: Alba Pardo, mestra de Serigrafía artística e Rosa García, mestra de Talla e escultura en madeira, coa colaboración do profesorado de Debuxo, Pintura, CAIM Gaita, Moda e confección, Ourivería, Artesanía en coiro, Deseño e encaixe de palillos e CAIM Zanfona.
Cartaz: Federico Fernández Alonso
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2025
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez Arteaga

martes, 10 de xuño de 2025

Escola de Verán 2024-2025. Do 4 ao 22 de xullo de 2025 [ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS DE VIGO, EMAO]

EMAO. CURSOS MONOGRÁFICOS
ESCOLA DE VERÁN 2024-2025
Do 4 ao 22 de xullo de 2025
 
 
Prazo de presentación de solicitudes : 00:00 horas do 16 de xuño ata as 24 horas do 20 de xuño de 2025. Toda a información
 
CONDICIÓNS COMÚNS A TÓDOLOS CURSOS
 
Duración dos cursos: 36 horas
Datas: Entre o 4 e o 22 de xullo de 2025. Horario de mañá
Lugar: Aulas e talleres da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO)
Prazas limitadas: Ver número máximo de alumnos/as na convocatoria específica
 
Inscrición: Gratuíta. Mediante envío de correo electrónico, no prazo indicado a continuación, a
emao@vigo.org, cos seguintes datos (imprescindibles):
  • Asunto: [nome do curso]
  • Nome e apelidos do/a solicitante
  • DNI
  • Enderezo de correo electrónico no que desexan recibir a confirmación de admisión, se éo caso.

Admisión de solicitudes:
  • Non poderán inscribirse as persoas matriculadas na EMAO no curso 2024-2025
  • Só se admiten persoas maiores de 16 anos
  • Só serán válidas as solicitudes que cumpran estritamente as condicións indicadas nesta convocatoria para cada curso en concreto.
  • A inscrición farase por estrita orde de recepción do correo electrónico de solicitude, ata cubrir o máximo de prazas ofertadas.
  • O prazo para solicitar a inscrición será desde as 00.00h do 16 de xuño, ata as 24.00h do 20 de xuño de 2025. Non serán válidas as solicitudes presentadas con anterioridade e posterioridade a estas datas.
  • A confirmación da matrícula realizaraa a EMAO exclusivamente por correo electrónico. No caso de producírense vacantes no primeiro día do curso, convocarase á lista de reserva.
 
 
 
“GOZA DO VERÁN CUN BORNAL FEITO Á MAN”

 



Impartido por Pepe Pereira, mestre da especialidade de ARTESANÍA EN COIRO da EMAO.

Destinatarios/as: Persoas interesadas en achegarse ao Coiro e descubrir as súas posibilidades creativas e prácticas. Preferiblemente sen coñecementos previos.
Datas: do 7 ao 16 de xullo, de 09.30h a 14.00h. Duración: 36 horas. 
Obxectivo: Realizar un bornal de pastor con peto interior realizado integramente á man e en coiro. 

PROGRAMA
Obxectivos:

O bornal de caza é unha bolsa de pel ou coiro que os pastores e os cazadores levaban no seu lombo para portar os elementos de uso cotián que empregaban nas súas saídas ao campo ou ao monte. Nesta aproximación realizaremos unha peza deste tipo que estará elaborada integramente á man. Traballaremos sobre dous tamaños de padrón adaptándonos ao gusto do alumno tanto nesta selección coma na decoración. Queremos revivir esta peza en desuso e que resulta moi cómoda e práctica.

Contidos:

- Aproximación ao coiro e aos procesos de curtido 
- Introdución aos complementos de coiro para caza e pastoreo 
- Achegamento á decoración do coiro (costuras decorativas, texturas e tinguido) 
- Inmersión na costura de “Guarnicioneiro”

Material a achegar polo alumnado:

Coiro vacún (3 pés); serraxe (6 pés); correas de vacún (2); 10 metros de tireta de coiro e 3 fibelas. Non fai falla traer os materiais o primeiro día, hai posibilidade de facer unha compra en grupo de materiais para abaratar o custo.

Alumnado máximo: 12  


“PLENEIRISMO. Parte II”

 



Impartido por Darío A. Basso e Federico Fernández, mestres das especialidades de PINTURA e DEBUXO ARTÍSTICO da EMAO.

Destinatarios/as: calquera persoa interesada.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 09.00h a 13.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: No curso 2023/24 os obradoiros de Pintura e Debuxo realizamos un Monográfico onde abordamos e emulamos aos Mestres da pintura e o debuxo ao natural, no que se coñece na historia da arte como “Pleneirismo”. Para este curso 2024/25 realizamos unha segunda parte desta andaina pictórica pola cidade, cun cambio significativo da contorna a debuxar. O que antes era natureza, mar, arboreda e rochas na contorna de Samil, desta vai ser formigón, asfalto e tráfico pintando polo centro da cidade de Vigo. Os obradoiros de Pintura e Debuxo en conxunto propoñen a práctica desta actividade realizando inicialmente uns exercicios de aula para posteriormente saír pola contorna da cidade de Vigo co alumnado, fomentando nesas prácticas finais a expresión da cor, a composición e a perspectiva a “plein air”.

PROGRAMA:  
Obxectivos:

- Coñecer dun xeito introdutorio a historia da pintura do natural 
- Introducir ao alumnado na pintura ao aire libre 
- Representar a contorna urbana e a súa pulsión a través da cor 
- Fomentar dun xeito práctico a expresión da cor, a composición e a perspectiva a “plein air” nun entorno urbano
 
Contidos:

- Introdución a pintura do natural. Historia
- Introdución ás técnicas pictóricas de procedemento rápido
- A liña como elemento compositivo nunha paisaxe urbana 
- A liña e a mancha como elementos xeradores de texturas e movemento. 
  Impresionistas e postimpresionistas 
- A aplicación da teoría da cor para capturar a paleta presente nunha paisaxe urbana 
- Diferentes perspectivas que se presentan nunha composición urbana. Lineal e atmosférica
- Introdución á perspectiva italiana. Convencionalismos. Utilización práctica 
- Expresión da pulsión da cidade a través da propia interpretación creativa do alumnado

Material a aportar polo alumnado:

Taboleiro formato A3; pinzas; bloque de debuxo multitécnica, formato A3; lapis; pinceis varios.

Alumnado máximo: 15  


“OURIVARÍA CON MATERIAIS NATURAIS E RECICLADOS ”

 


Impartido por Sandra de Jesus, mestra da especialidade de OURIVARÍA da EMAO.

Destinatarios/as: calquera persoa, sen necesidade de que teña coñecementos previos.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 09.30h a 13.30h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Este monográfico está enfocado á experimentación e á aplicación de materiais naturais e reciclados na creación de xoias ou obxectos, na liña da xoiaría contemporánea, encamiñando o enfoque á xoiaría de autor. A intención é realizar e rematar unha peza con materiais naturais como ramas, follas, musgos, pedras ou vidros da praia, cunchas, etc. ou con materiais de reciclaxe como plásticos, partes de obxectos desbotados, papel, etc., pero ademais incorporaremos a reprodución dalgún destes obxectos a través da técnica de fundición en area a pequena escala.

PROGRAMA:

Obxectivos:

- Construír unha peza con materiais naturais (pedras atopadas, ramas de árbores, musgos, follas, cunchas...) 
- Construír unha peza con materiais de reciclaxe (plásticos, cauchos, papel, partes doutros obxectos...)
- Realizar a fundición dalgún elemento dos escollidos en fundición en area para incorporar ou elaborar unha peza
- Aplicar, segundo e acorde ás capacidades e coñecementos do alumna/o, as distintas técnicas básicas de construción con metal 
- Lograr dúas pezas artísticas, funcionais e na liña da xoiaría contemporánea

Contidos:

- Introdución histórica e artística do traballo con materias naturais e de reciclaxe. 
- Busca de materiais e exploración das súas posibilidades construtivas
- Explicación e práctica da técnica de fundición directa en area
- Elaboración de bosquexos
- Elaboración do plan de construción 
- Traballo cos materiais e co metal, que neste caso será fío ou prancha de latón
- Montaxe final e remate das pezas

Material a aportar polo alumnado:


Os materiais e consumibles que se empregarán terán un custo aproximado de 15 -20 €, que implica a compra de fío de latón e distintos consumibles comúns como brocas, fíos de segueta, lixa, etc.; o primeiro día do curso indicaráselles que é o que se merca co bote. Precisan tamén mandil ou bata para traballar.

Alumnado máximo: 12


“CONFECCIÓN A TODA COR ”
 
 


Impartido por Alba Pardo e Emma Pintos, mestras das especialidades de SERIGRAFÍA ARTÍSTICA e MODA E CONFECCIÓN da EMAO.

Destinatarios/as: calquera persoa, sen necesidade de que teña coñecementos previos.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 09.00h a 13.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Achegar ao alumnado a serigrafía téxtil e a confección de pezas sinxelas.

PROGRAMA:

- Achegamento ao proceso básico da serigrafía 
- Preparación de ferramentas e materiais para estampado téxtil 
- Proceso de estampado e fixado da tinta sobre téxtil 
- Achegamento ao manexo da máquina de coser 
- Nocións básicas do corte do tecido 
- Confección dunha tote bag 
- Confección dunha peza de roupa sinxela

Material a achegar polo alumnado:

Cinta de embalaxe; cinta de pintor; tesoiras para téxtil; acetato transparente; cinta métrica; alfinetes (especificaranse as medidas o primeiro día)

Alumnado máximo: 10


“REPARACIÓN E MANTEMENTO DE INSTRUMENTOS DE VENTO TRADICIONAIS
 (GAITA, PITO, REQUINTA)” 


Impartido por Carlos Corral, mestre da especialidade de CONSTRUCIÓN ARTESANAL DE INSTRUMENTOS MUSICAIS -CAIM- GAITA da EMAO.

Destinatarios/as: en xeral, persoas que estean en posesión dalgún instrumento de vento tradicional que necesite algún tipo de reparación ou mantemento.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 10.00h a 14.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Coñecer tódolos aspectos importantes para un bo mantemento do instrumento; saber efectuar pequenas reparacións que se poden realizar sen necesidade de acudir a un artesán (cambiar cortizas gastadas, substituír unha anela rota, renovar o aspecto exterior, sexa encerado, aceitado ou vernizado, etc.

PROGRAMA: o programa poderá ser flexible en función das necesidades dos instrumentos achegados polo alumnado pero, previsiblemente, constará de:

- Cambio de cortizas 
- Pulido 
- Vernizado 
- Encerado 
- Aceitado 
- Cambio de anelas 
- Hidratación de cortizas 
- Cambio de foles, etc.

Material a achegar polo alumnado:

Instrumento ou instrumentos sobre os que traballar (gaita, pito, requinta...).

Alumnado máximo: 6


“BANCO DE CARPINTEIRO”
 

Impartido por Xaime Rivas, mestre da especialidade de CONSTRUCIÓN ARTESANAL DE INSTRUMENTOS MUSICAIS -CAIM- ZANFONA da EMAO.


Destinatarios/as: persoas interesadas en adquirir habilidades relacionadas coa carpintaría/artesanía.

Datas: do 7 ao 22 de xullo, de 10.00h a 13.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Familiarizarse coa ferramenta manual propia da carpintaría. Coñecer as técnicas que permitan o emprego das mesmas en condicións óptimas.

PROGRAMA

- Construción dun portacandelas ornamental 
- Elaboración de diferentes tipos de encaixes 
- Construción dun quebranoces

Material a achegar polo alumnado:

Madeira de faia en táboa (gasto compartido entre os asistentes); taboleiro de contrachapado (gasto individual).

Alumnado máximo: 6  
 

“O GRAVADO E BORDADO, TRABALLO CREATIVO SOBRE PAPEL” 
 


Impartido por Marian Núñez e Rosa García, mestras das especialidades de DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS e TALLA E ESCULTURA EN MADEIRA da EMAO.

Destinatarios/as: alumnado creativo con interese en coñecer e experimentar a técnica do gravado en relevo e o bordado sobre papel.

Datas: do 4 ao 16 de xullo, de 10.00h a 14.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Desenvolver e comprender o gravado en relevo como medio expresivo xunto ao bordado en papel para xerar estampas artísticas.

PROGRAMA

- A obra seriada, principios xerais 
- Clasificación das técnicas gráficas de gravado e estampaxe 
- Iniciación aos conceptos de gravado e estampaxe
- Introdución á arte gráfica 
- O gravado en relevo 
- O linogravado
- O monotipo. A imaxe impresa non seriada 
- Coñecemento do fío e ferramentas 
- Técnicas básicas do bordado 
- Aplicación do bordado sobre o gravado

Material a aportar polo alumnado:

Pranchas de gravado en linóleo; papel de gravado; papel de calco; fíos; agullas; esponxa

Alumnado máximo: 10.

luns, 19 de maio de 2025

23-5-2025. Venres da EMAO presenta a proxección do documental dirixido por Tamra Davis "Basquiat" [PINTURA]

  

Jean-Michel Basquiat, un xove artista vangardista que pintaba grafitis en Brooklyn e chegou a ser un dos personaxes máis controvertidos e famosos da pintura contemporánea mundial. Tras ser descuberto por Andy Warhol a principios dos 80, as súas exposicións convertéronse nun acontecemento dentro do mundo artístico neoiorquino. 
Mentres os seus cadros eran adquiridos por importantes museos e coleccionistas privados, incapaz de dixerir un éxito tan fulgurante, mergullouse no mundo das drogas. Adicto á heroína, morreu dunha sobredose aos 27 anos.


Presentado por Darío Basso (mestre de Pintura da EMAO)
Data: 23 de maio de 2025
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.