Amosando publicacións coa etiqueta Gravado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gravado. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de abril de 2026

Giovanni B. Piranesi: catálogo completo de grabados [BIBLIOGRAFÍA]

 

Hai uns días que podedes ver na vitrina da sala de lectura o libro sobre a obra de Piranesi, aquí tedes unha breve reseña.

Giovanni Battista Piranesi : catalogo completo delle acqueforti = catálogo completo de grabados = catálogo completo das águas-fortes / [textos de] Luigi Ficacci.-- Köln : Taschen, cop. 2011

Giovanni Battista Piranesi (1720-1778) foi un arqueólogo, arquitecto, investigador e excelente gravador italiano. Destacou realizando, entre outras moitas cousas, miles de gravados de edificios reais e imaxinarios. Formouse como arquitecto, na década de 1740 trasladouse a Roma. Na Cidade Eterna inició a súa carreira como gravador, colaborando na edición das primeiras guías ilustradas de Roma.

Piranesi foi un artista que realizou toda a súa produción en debuxo e gravado. Todos os seus gravados fíxoos coa técnica chamada gravado á augaforte. Nalgunhas das súas estampas atopamos outras técnicas complementarias ao gravado á augaforte que tiñan a función de enriquecer a imaxe con valores tonais de grises, técnicas como o gravado á punta seca, que achegaba á imaxe negros aveludado. Tamén o gravado ao buril, co que intensificou as liñas dos primeiros planos ou o gravado lavado, onde se aplica directamente o mordente sobre o ferro para crear grises moi sutís.

A excepcional destreza de Piranesi coa técnica da augaforte atopou o seu medio de expresión nunha serie de publicacións centradas, maioritariamente, na Roma antiga.

xoves, 10 de xullo de 2025

XVI PREMIO ATLANTE DE GRABADO [OUTRAS NOVAS]

O xurado do XVI Premio Atlante, convocado polo Museo de Artes do Gravado, deu a coñecer o pasado 5 de xullo o fallo nas súas diferentes categorías. 

Felicitamos á nosa compañeira a profesora de Talla e escultura en madeira Rosa García Martínez polo seu gravado en relevo gofrado e fotografa “Habitación con vistas” que  obtivo o Premio Galicia-Pedras de Santiago.

"Habitación con vistas" de Rosa García Martínez
 

O galardón  Ramiro Carregal Rey, foi para o florentino Marco Poma polo seu aguafuerte en ferro de zinc “Cratere Nord-Est

O fotopolímero e punta seca “In Grembo #1” do italiano, a litografía e xilografía láser “Nube” de Áurea Muñoz do Amo e a litografía “Hope Springs Eternal” do tailandés Nuttakarn Vajasut repartíronse os tres premios Concello de Ribeira.

Outro premio foi o Manuel Ayaso, para menores de 25 anos, levoullo a italiana Sara Vettorello por unha punta seca en ferro de cobre.

Membros do xurado cos traballos que resultaron premiados

 Fonte: https://www.diariodearousa.com/articulo/o-barbanza/florentino-marco-poma-gana-premio-grabado-ramiro-carregal-rey-dotado-5000-euros-5356284

martes, 10 de xuño de 2025

Escola de Verán 2024-2025. Do 4 ao 22 de xullo de 2025 [ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS DE VIGO, EMAO]

EMAO. CURSOS MONOGRÁFICOS
ESCOLA DE VERÁN 2024-2025
Do 4 ao 22 de xullo de 2025
 
 
Prazo de presentación de solicitudes : 00:00 horas do 16 de xuño ata as 24 horas do 20 de xuño de 2025. Toda a información
 
CONDICIÓNS COMÚNS A TÓDOLOS CURSOS
 
Duración dos cursos: 36 horas
Datas: Entre o 4 e o 22 de xullo de 2025. Horario de mañá
Lugar: Aulas e talleres da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO)
Prazas limitadas: Ver número máximo de alumnos/as na convocatoria específica
 
Inscrición: Gratuíta. Mediante envío de correo electrónico, no prazo indicado a continuación, a
emao@vigo.org, cos seguintes datos (imprescindibles):
  • Asunto: [nome do curso]
  • Nome e apelidos do/a solicitante
  • DNI
  • Enderezo de correo electrónico no que desexan recibir a confirmación de admisión, se éo caso.

Admisión de solicitudes:
  • Non poderán inscribirse as persoas matriculadas na EMAO no curso 2024-2025
  • Só se admiten persoas maiores de 16 anos
  • Só serán válidas as solicitudes que cumpran estritamente as condicións indicadas nesta convocatoria para cada curso en concreto.
  • A inscrición farase por estrita orde de recepción do correo electrónico de solicitude, ata cubrir o máximo de prazas ofertadas.
  • O prazo para solicitar a inscrición será desde as 00.00h do 16 de xuño, ata as 24.00h do 20 de xuño de 2025. Non serán válidas as solicitudes presentadas con anterioridade e posterioridade a estas datas.
  • A confirmación da matrícula realizaraa a EMAO exclusivamente por correo electrónico. No caso de producírense vacantes no primeiro día do curso, convocarase á lista de reserva.
 
 
 
“GOZA DO VERÁN CUN BORNAL FEITO Á MAN”

 



Impartido por Pepe Pereira, mestre da especialidade de ARTESANÍA EN COIRO da EMAO.

Destinatarios/as: Persoas interesadas en achegarse ao Coiro e descubrir as súas posibilidades creativas e prácticas. Preferiblemente sen coñecementos previos.
Datas: do 7 ao 16 de xullo, de 09.30h a 14.00h. Duración: 36 horas. 
Obxectivo: Realizar un bornal de pastor con peto interior realizado integramente á man e en coiro. 

PROGRAMA
Obxectivos:

O bornal de caza é unha bolsa de pel ou coiro que os pastores e os cazadores levaban no seu lombo para portar os elementos de uso cotián que empregaban nas súas saídas ao campo ou ao monte. Nesta aproximación realizaremos unha peza deste tipo que estará elaborada integramente á man. Traballaremos sobre dous tamaños de padrón adaptándonos ao gusto do alumno tanto nesta selección coma na decoración. Queremos revivir esta peza en desuso e que resulta moi cómoda e práctica.

Contidos:

- Aproximación ao coiro e aos procesos de curtido 
- Introdución aos complementos de coiro para caza e pastoreo 
- Achegamento á decoración do coiro (costuras decorativas, texturas e tinguido) 
- Inmersión na costura de “Guarnicioneiro”

Material a achegar polo alumnado:

Coiro vacún (3 pés); serraxe (6 pés); correas de vacún (2); 10 metros de tireta de coiro e 3 fibelas. Non fai falla traer os materiais o primeiro día, hai posibilidade de facer unha compra en grupo de materiais para abaratar o custo.

Alumnado máximo: 12  


“PLENEIRISMO. Parte II”

 



Impartido por Darío A. Basso e Federico Fernández, mestres das especialidades de PINTURA e DEBUXO ARTÍSTICO da EMAO.

Destinatarios/as: calquera persoa interesada.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 09.00h a 13.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: No curso 2023/24 os obradoiros de Pintura e Debuxo realizamos un Monográfico onde abordamos e emulamos aos Mestres da pintura e o debuxo ao natural, no que se coñece na historia da arte como “Pleneirismo”. Para este curso 2024/25 realizamos unha segunda parte desta andaina pictórica pola cidade, cun cambio significativo da contorna a debuxar. O que antes era natureza, mar, arboreda e rochas na contorna de Samil, desta vai ser formigón, asfalto e tráfico pintando polo centro da cidade de Vigo. Os obradoiros de Pintura e Debuxo en conxunto propoñen a práctica desta actividade realizando inicialmente uns exercicios de aula para posteriormente saír pola contorna da cidade de Vigo co alumnado, fomentando nesas prácticas finais a expresión da cor, a composición e a perspectiva a “plein air”.

PROGRAMA:  
Obxectivos:

- Coñecer dun xeito introdutorio a historia da pintura do natural 
- Introducir ao alumnado na pintura ao aire libre 
- Representar a contorna urbana e a súa pulsión a través da cor 
- Fomentar dun xeito práctico a expresión da cor, a composición e a perspectiva a “plein air” nun entorno urbano
 
Contidos:

- Introdución a pintura do natural. Historia
- Introdución ás técnicas pictóricas de procedemento rápido
- A liña como elemento compositivo nunha paisaxe urbana 
- A liña e a mancha como elementos xeradores de texturas e movemento. 
  Impresionistas e postimpresionistas 
- A aplicación da teoría da cor para capturar a paleta presente nunha paisaxe urbana 
- Diferentes perspectivas que se presentan nunha composición urbana. Lineal e atmosférica
- Introdución á perspectiva italiana. Convencionalismos. Utilización práctica 
- Expresión da pulsión da cidade a través da propia interpretación creativa do alumnado

Material a aportar polo alumnado:

Taboleiro formato A3; pinzas; bloque de debuxo multitécnica, formato A3; lapis; pinceis varios.

Alumnado máximo: 15  


“OURIVARÍA CON MATERIAIS NATURAIS E RECICLADOS ”

 


Impartido por Sandra de Jesus, mestra da especialidade de OURIVARÍA da EMAO.

Destinatarios/as: calquera persoa, sen necesidade de que teña coñecementos previos.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 09.30h a 13.30h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Este monográfico está enfocado á experimentación e á aplicación de materiais naturais e reciclados na creación de xoias ou obxectos, na liña da xoiaría contemporánea, encamiñando o enfoque á xoiaría de autor. A intención é realizar e rematar unha peza con materiais naturais como ramas, follas, musgos, pedras ou vidros da praia, cunchas, etc. ou con materiais de reciclaxe como plásticos, partes de obxectos desbotados, papel, etc., pero ademais incorporaremos a reprodución dalgún destes obxectos a través da técnica de fundición en area a pequena escala.

PROGRAMA:

Obxectivos:

- Construír unha peza con materiais naturais (pedras atopadas, ramas de árbores, musgos, follas, cunchas...) 
- Construír unha peza con materiais de reciclaxe (plásticos, cauchos, papel, partes doutros obxectos...)
- Realizar a fundición dalgún elemento dos escollidos en fundición en area para incorporar ou elaborar unha peza
- Aplicar, segundo e acorde ás capacidades e coñecementos do alumna/o, as distintas técnicas básicas de construción con metal 
- Lograr dúas pezas artísticas, funcionais e na liña da xoiaría contemporánea

Contidos:

- Introdución histórica e artística do traballo con materias naturais e de reciclaxe. 
- Busca de materiais e exploración das súas posibilidades construtivas
- Explicación e práctica da técnica de fundición directa en area
- Elaboración de bosquexos
- Elaboración do plan de construción 
- Traballo cos materiais e co metal, que neste caso será fío ou prancha de latón
- Montaxe final e remate das pezas

Material a aportar polo alumnado:


Os materiais e consumibles que se empregarán terán un custo aproximado de 15 -20 €, que implica a compra de fío de latón e distintos consumibles comúns como brocas, fíos de segueta, lixa, etc.; o primeiro día do curso indicaráselles que é o que se merca co bote. Precisan tamén mandil ou bata para traballar.

Alumnado máximo: 12


“CONFECCIÓN A TODA COR ”
 
 


Impartido por Alba Pardo e Emma Pintos, mestras das especialidades de SERIGRAFÍA ARTÍSTICA e MODA E CONFECCIÓN da EMAO.

Destinatarios/as: calquera persoa, sen necesidade de que teña coñecementos previos.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 09.00h a 13.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Achegar ao alumnado a serigrafía téxtil e a confección de pezas sinxelas.

PROGRAMA:

- Achegamento ao proceso básico da serigrafía 
- Preparación de ferramentas e materiais para estampado téxtil 
- Proceso de estampado e fixado da tinta sobre téxtil 
- Achegamento ao manexo da máquina de coser 
- Nocións básicas do corte do tecido 
- Confección dunha tote bag 
- Confección dunha peza de roupa sinxela

Material a achegar polo alumnado:

Cinta de embalaxe; cinta de pintor; tesoiras para téxtil; acetato transparente; cinta métrica; alfinetes (especificaranse as medidas o primeiro día)

Alumnado máximo: 10


“REPARACIÓN E MANTEMENTO DE INSTRUMENTOS DE VENTO TRADICIONAIS
 (GAITA, PITO, REQUINTA)” 


Impartido por Carlos Corral, mestre da especialidade de CONSTRUCIÓN ARTESANAL DE INSTRUMENTOS MUSICAIS -CAIM- GAITA da EMAO.

Destinatarios/as: en xeral, persoas que estean en posesión dalgún instrumento de vento tradicional que necesite algún tipo de reparación ou mantemento.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 10.00h a 14.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Coñecer tódolos aspectos importantes para un bo mantemento do instrumento; saber efectuar pequenas reparacións que se poden realizar sen necesidade de acudir a un artesán (cambiar cortizas gastadas, substituír unha anela rota, renovar o aspecto exterior, sexa encerado, aceitado ou vernizado, etc.

PROGRAMA: o programa poderá ser flexible en función das necesidades dos instrumentos achegados polo alumnado pero, previsiblemente, constará de:

- Cambio de cortizas 
- Pulido 
- Vernizado 
- Encerado 
- Aceitado 
- Cambio de anelas 
- Hidratación de cortizas 
- Cambio de foles, etc.

Material a achegar polo alumnado:

Instrumento ou instrumentos sobre os que traballar (gaita, pito, requinta...).

Alumnado máximo: 6


“BANCO DE CARPINTEIRO”
 

Impartido por Xaime Rivas, mestre da especialidade de CONSTRUCIÓN ARTESANAL DE INSTRUMENTOS MUSICAIS -CAIM- ZANFONA da EMAO.


Destinatarios/as: persoas interesadas en adquirir habilidades relacionadas coa carpintaría/artesanía.

Datas: do 7 ao 22 de xullo, de 10.00h a 13.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Familiarizarse coa ferramenta manual propia da carpintaría. Coñecer as técnicas que permitan o emprego das mesmas en condicións óptimas.

PROGRAMA

- Construción dun portacandelas ornamental 
- Elaboración de diferentes tipos de encaixes 
- Construción dun quebranoces

Material a achegar polo alumnado:

Madeira de faia en táboa (gasto compartido entre os asistentes); taboleiro de contrachapado (gasto individual).

Alumnado máximo: 6  
 

“O GRAVADO E BORDADO, TRABALLO CREATIVO SOBRE PAPEL” 
 


Impartido por Marian Núñez e Rosa García, mestras das especialidades de DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS e TALLA E ESCULTURA EN MADEIRA da EMAO.

Destinatarios/as: alumnado creativo con interese en coñecer e experimentar a técnica do gravado en relevo e o bordado sobre papel.

Datas: do 4 ao 16 de xullo, de 10.00h a 14.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Desenvolver e comprender o gravado en relevo como medio expresivo xunto ao bordado en papel para xerar estampas artísticas.

PROGRAMA

- A obra seriada, principios xerais 
- Clasificación das técnicas gráficas de gravado e estampaxe 
- Iniciación aos conceptos de gravado e estampaxe
- Introdución á arte gráfica 
- O gravado en relevo 
- O linogravado
- O monotipo. A imaxe impresa non seriada 
- Coñecemento do fío e ferramentas 
- Técnicas básicas do bordado 
- Aplicación do bordado sobre o gravado

Material a aportar polo alumnado:

Pranchas de gravado en linóleo; papel de gravado; papel de calco; fíos; agullas; esponxa

Alumnado máximo: 10.

mércores, 9 de outubro de 2024

Gladys Muñoz e os seus ex libris [SERIGRAFÍA]

Este venres 11 de outubro contaremos coa presenza de Gladys Muñoz na hemeroteca da escola onde organizaremos unha charla informal sobre a técnica dos ex libris. Gladys iniciou os seus estudos na Escola de Belas Artes Rogelio Yrurtia e na Escola Nacional de Belas Artes Prilidiano Pueyrredón na que se graduou como profesora de gravado. Estudou técnicas de litografía no Taller Experimental de Gráfica da Habana. Participou en exposicións e bienais de gravado, nacionais e internacionais, individuais e colectivas na disciplina de ex libris. Participou e recibiu premios en competencias e exposicións nacionais e internacionais de gravado entre os que destacan: 

II Salón Internacional de Miniprint, Rosario, Arxentina (2002). 
Concurso Internacional O Espírito de Gdansk Arquitectura, Polonia (2009).
XIV Bienal Internacional de pequeno formato e ex libris, Ostrów, Wielkopolski (2011). 
Terceiro Concurso Internacional de Ex libris Biblioteca Pública de Opole, Polonia (2012).
 Terceiro Concurso Internacional de Ex libris Benedek Elek, Biblioteca de Debrecen, Hungría. 
Quinta Bienal Internacional de Ex libris e Mini-Print, Boguszów-Gorce, Polonia (Primeiro premio por ex libris e premio especial ao conxunto de obras enviadas. Competición Internacional de Ex libris Kosciuszko, Wroclaw, Polonia (2012). Competición Internacional de Ex libris Riešè Gymnasium, Lituania (2013). 
Oitava Competición Internacional de Ex libris Xilográficos Pawel Steller, Katowice, Polonia (2012 e 2013). 
VII Competencia Iberoamericana de Gravado Xylon, Arxentina (2014). Bienal Internacional de Pequeno Formato e Ex libris, Ostrów Wielkopolski (Mencións, 2014 e 2016). 
Bienal Internacional de Ex libris e Contratalla, Tarragona, Catalunya, España (Mencións, 2010, 2011, 2016 e 2017) Concurso Internacional de Ex libris do Quixote, Contratalla, Tarragona, Catalunya, España. (Mención, 2016). 
III Concurso de Ex libris Subotica 2017, Serbia (Mención).
The Forth International Prints & Ex libris, Chang Zhou Wu. (Premio á dedicación e excelencia, 2018).

luns, 7 de outubro de 2024

11-10-2024. Venres da EMAO presenta Ex-Libris por Gladys Muñoz [SERIGRAFÍA]

Gladys Muñoz é unha artista formada en varias escolas de Belas Artes de Arxentina, onde obtivo o título de profesora de gravado. Afondou na técnica litográfica no Taller Experimental da Habana e participou en diversas exposicións internacionais de gravado, con premios e mencións de honra en ex libris. Neste encontro Gladys falaranos do que é un ex libris e amosaranos procesos de elaboración de gravado en relevo e policromía a prancha perdida.

Presentado por Alba Pardo (mestre de Serigrafía artística da EMAO)
Data: 11 de outubro de 2024
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

mércores, 24 de abril de 2024

Exposición Colmeiro, punta seca [SERIGRAFÍA]

Visitamos a exposición Colmeiro, punta seca presentada pola Fundación Laxeiro e composta por corenta e oito gravados de Manuel Colmeiro (1901-1999) datados entre finais dos anos trinta e a década dos corenta, algúns deles inéditos, que foron reunidos e publicados nunha carpeta en 2022 pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, de Ribeira. Estes corenta e oito gravados están expostos xunto ás matrices orixinais.

 


luns, 15 de maio de 2023

Venres da EMAO 19-5-2023. Presenta Historia do Gravado en Galicia por Carlos L. Bernárdez [SERIGRAFÍA ARTÍSTICA]

 

Dentro da historia da arte galega o gravado segue a ser, en boa medida, un gran descoñecido mesmo para persoas interesadas no noso pasado artístico.

Carlos L. Bernárdez ofrecerá un achegamento histórico que pon de manifesto a singularidade da nosa tradición no ámbito da estampa percorrendo un amplo espazo cronolóxico, desde o século XVI até inicios do XIX.

Presenta: Alba Pardo. Mestra de Serigrafía artística
Data: 19 de maio 2023
Hora: 19:00
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios 

Entrada libre ata completar aforo.

xoves, 18 de novembro de 2021

Un Humanismo Moderno. Colmeiro-Seoane-Picasso-Vertés [SERIGRAFÍA]

Xa que na aula estamos a traballar as diferentes técnicas de gravado resultounos moi didáctica a exposición "Un Humanismo moderno. Colmeiro-Seoane-Picasso-Vertés", organizada pola Asociación Amigos do Pintor Colmeiro e maila Fundación Museo de Artes do Gravado de Ribeira, coa colaboración do Concello de Vigo.

A mostra reúne significativos exemplos do traballo gráfico e da ilustración de dúas figuras cimeiras da arte galega: Manuel Colmeiro e Luís Seoane, que no exilio arxentino e durante os anos corenta desenvolven unha estética con resonancias clasicistas. En diálogo cos nosos autores exponse a famosa Suite Vollard de Pablo Picasso, cen gravados feitos en diversas técnicas: buril, punta seca, augatinta ao azucre e augaforte, elaborados entre setembro de 1930 e xuño de 1936 e as ilustracións de Dafnis e Chloé (1954) realizadas polo artista de orixe húngara Vertès, un gravador afincado en Francia que desenvolve unha obra con indubidábeis referencias picassianas nos mesmos anos que os traballos do noso exilio.