Amosando publicacións coa etiqueta Expo A música na EMAO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Expo A música na EMAO. Amosar todas as publicacións

luns, 24 de xuño de 2024

Fotos da inauguración da exposición "A música na EMAO" [ESPAZO EMAO]

Caixas de música non sonoras [OURIVARÍA]


EXPOSICIÓN A MÚSICA NA EMAO

"CAIXAS DE MÚSICA NON SONORAS"

 


O alumnado do curso básico 2023-2024 da Especialidade de Ourivaría elaborou a peza da exposición de final de curso “A Música na EMAO”. 

Aproveitamos un exercicio de clase como é a elaboración dunha caixa de latón con bisagra e decorada con gravado ao ácido para adaptala a temática da exposición, para iso visitamos os obradoiros de construción de instrumentos tradicionais, Gaita e Zanfona onde os seus mestres Carlos Corral e Xaime Rivas explicáronnos como se constrúen, as distintas pezas que os compoñen e como soan os instrumentos que alí se elaboran. Tamén visitamos e estivemos nun ensaio da Orquestra SonDeSeu, onde puidemos ver e escoitar en situ o traballo desta Orquestra da ETRAD, e destes instrumentos da música tradicional e folk, ademais de indagar de modo persoal sobre a música tradicional galega e as nosas costumes, todo isto serviu para que o alumnado se inspirase e crear así a súa propia caixa.

A seguir podedes ler como naceu e en que se inspira cada unha destas caixas de música non sonoras, todas elas acompañadas dun enlace a un tema musical ou video relacionado coa súa temática. 

Fotos da Montaxe da exposición "A música na EMAO" [ESPAZO EMAO]

Phi: A música feita vestido [MODA E CONFECCIÓN]

 Música, do grego "Mousike": a arte das musas.


domingo, 23 de xuño de 2024

POLIFONIA [ESCULTURA E TALLA NA MADEIRA]

INTERPRETACIÓN  VOLUMÉTRICA DÁ PEZA MUSICAL YUMEJI, COMPOSITOR SHIGERU
 
 
 
Polifonía  De o gr. πολυφωνία polyphōnía 'variedade de tons'. 1. f. Mús. Conxunto de sons simultáneos en que cada un expresa a súa idea musical, pero formando con os demais un todo harmónico.

A nosa proposta para esta exposición onde o tema para traballar é a música, parte da idea de realizar unha peza colectiva, na que cada alumno e alumna traballen sobre o mesmo tema, interpretándoo desde a subxectividade, para formar unha composición na que todas as pezas encaixen como un quebracabezas que ao sumarse o todo teña o sentido esperado, unha polifonía volumétrica na que se poida entender a peza musical. 

 

ELECCIÓN DA PEZA MUSICAL COA QUE TRABALLAR 

O tema musical co que traballamos é YUMEJI, obra do compositor xaponés Shigeru Umebayashi para a banda sonora do filme In The Mood For Love, 2000. É o tema principal que o cineasta Wong Kar-wai elixiu para acompañar os momentos de encontros dos protagonistas que xunto á coidada fotografía, crea unha película dunha gran beleza estética caracterizada por un tempo narrativo pausado. Ese tempo pausado é un precioso valse con toque de tristeza e desolación, cun ritmo marcado ao longo da interpretación, que mergulla ao que o escoita nunha parte da historia, como un detonador de emocións. 

   

COMO COMEZAMOS A TRABALLAR? 

 Decidimos facer unha peza conxunta na que todos sumasen o seu parte; a súa interpretación volumétrica do tempo do valse YUMEJI. Como é unha peza musical que fala de emocións, decidimos utilizar unha figura humana dividida en fragmentos, un quebracabezas, no que cada peza fose unha experiencia sensitiva persoal, pero que no seu conxunto puidésese encaixar a melodía e o tempo do valse. Así decidimos dividir a peza musical en tantos fragmentos como pezas formaban a nosa figura e repartir os pequenos fragmentos por tempos que irían correlativos co valse. Isto levounos por suposto moitas horas de debate enriquecedor en grupo, no que se achegaron moitas ideas ata chegar a unha decisión consensuada; as pezas tiñan que estar divididas en dúas capas: Unha marca o tempo que percorre o valse de principio a fin e unha segunda capa onde a melodía xoga e enrédase subindo e baixando ao longo do tema por encima dese tempo marcado do valse. 

 

ELABORACIÓN DA PEZA 

Comezamos o noso traballo escoitando unha e outra vez a peza, era moi importante entendela, e para iso era fundamental debuxar o son que tiñamos que converter en formas, de maneira que a partir das pautas decididas, cada un dos alumno e alumnas interpretase a nivel formal eses fragmentos da peza. Para iso fixéronse bosquexos, que nos levaron a acordar como deberiamos interpretalos para que ningún sobresaíse sobre outro, e a peza fluíse de maneira harmónica sen distraccións. Unha vez decididos os bosquexos que se ían a realizar, gravamos xunto á música un vídeo que acompaña a peza exposta e que podemos ver na sala de exposicións. Porque creémos que era necesario que se entenda o proceso, como se elabora unha peza a nivel conceptual, como se interpretou ese son e levounos á forma. A partir de aí comezouse a traballar a escultura individualmente axustándonos a eses bosquexos consensuados, para conseguir que ese quebracabezas funcionase como un todo, sen distorsions, no que a subxectividade de cada alumno e alumna construíse un todo harmónico, no que entender a peza e transmitir ese conxunto de emocións que sentimos cando a escoitamos, que nos traslada a un lugar íntimo sen estridencias nin adornos superfluos, soamente un lugar de intimidade no que entender a música e o volume escultórico a través dos sentidos. 

 

Rosa García, 
Mestra de escultura e talla da EMAO

venres, 21 de xuño de 2024

Reveriano Soutullo na Escola de Artes e Oficios. Os primeiros pasos dun gran compositor [BIBLIOTECA]

 
 
A exposición temática “A música na EMAO” que se inaugura este próximo luns, rende homenaxe a esta manifestación artística que desde os primeiros tempos da Escola tivo o seu oco nos seus plans de estudo. Unha mostra diso é o caso do músico Reveriano Soutullo Otero (1880-1932). Un dos compositores máis influentes e importantes do primeiro terzo do século XX a quen se lle fai un pequeno recordatorio nunha vitrina do Espazo EMAO.

En 1894 ingresa na Escola de Artes e Oficios de Vigo, onde realiza os seus primeiros estudos oficiais co pianista e pedagogo, Gregorio Elola, o seu primeiro mestre de piano. Neste centro recibiron tamén formación as súas irmás Natalia, as xemelgas Carmen e Aurora e a excelente pianista Fantina. No ano 1900 Reveriano trasládase a Madrid para continuar os seus estudos no Conservatorio de Música e Declamación desta cidade, ainda que sempre mantivo unha estreita relación coas colectividades musicais e culturais da cidade olívica, contribuíndo ao engrandecimiento da mesma con cada logro artístico que obtiña.

Soutullo fíxose moi popular polos seus traballos con Juan Vert, La leyenda del beso, El último romántico, La del soto del parral, entre outros moitos, era tamén recoñecido polas súas múltiples composicións e arranxos para banda e polas súas continuas colaboracións cos grandes da zarzuela española.

Na Biblioteca da EMAO conservamos unha copia manuscrita do “Himno a Vigo” con letra de Pío L. Cuiñas e música de Reveriano Soutullo, esta peza foi estreada o 6 de agosto de 1907 pola Banda de Música de Vigo, xunto cos orfeóns de La Oliva e do Círculo Católico e os nenos das escolas salesianas.

En 1931 no Libro de Oro da provincia de Pontevedra, da editorial PPKO dirixida por José Cao Moure, tamén antigo alumno da Escola, publícase o Nocturno para violín e piano da Suite de Orquesta sobre Cantos Gallegos titulada “Vigo”, escrito expresamente para esta publicación.

Na vitrina incluimos o CD Evocación / música de Reveriano Soutullo ; Alejo Amoedo, piano.-- [Baiona, Pontevedra] : Dos Acordes, 2016. Cun folleto con información sobre a vida e obra de R. Soutullo.
 

luns, 17 de xuño de 2024

24-6-2024. Inauguración da exposición "A Música na EMAO" [ESPAZO EMAO]


Dentro da programación anual da EMAO prevese, ao remate de cada curso académico, a produción dunha exposición cos resultados dun proxecto que, partindo dunha idea xeradora única, dea lugar a interpretación, despregue do traballo e saber facer dos distintos talleres.

Neste ano 2024, a escola e as súas especialidades renderán homenaxe á música, manifestación artística cunha presencia destacada entre as súas paredes. Dende a década dos anos oitenta, a EMAO acolleu entre as súas senlleiras pedras un importante patrimonio musical. Nesa década e nas seguintes agromaron iniciativas que deixaron un pouso profundo na escola e na cidade:

Desde a Aula de Música Moderna e Electrónica, con Bibiano Morón (da que saíron numerosos grupos e músicos con traxectorias destacadas), pasando polo Obradoiro de Instrumentos Musicais Populares Galegos, con Antón Corral (xérmolo da actual especialidade de CAIM -Construción Artesanal de Instrumentos Musicais-, unha das maiores e máis salientables singularidades desta institución e orixe da actividade profesional de numeroso alumnado, como luthiers e artesáns), ata a creación do Conservatorio de Música Tradicional, con Rodrigo Romaní, orixe da actual Escola municipal de música folk e tradicional (E-TRAD), como evolución da anterior e que xerou a aparición dun bo feixe de músicos e grupos de nivel internacional, nos que destaca actualmente, entre outros, a Orquestra Folk de Galicia, SondeSeu.

Moitos son xa, pois, os artesáns e músicos que iniciaron a súa vida profesional entre estes muros, confirmando que a actividade musical, en sentido amplo, ademais de achegar unha mellora na vida das persoas, configura un importante sector de actividade económica e emprego, polo que paga a pena apostar.

Nesta homenaxe, a exposición permitirá ver dende o eclecticismo da creación artística de cada unha das especialidades non relacionadas directamente coa música, ata os instrumentos construídos polo alumnado das especialidades de CAIM.

Esta exposición estará aberta entre os días 24 de xuño e o 25 de outubro de 2024 (pechada o mes de agosto).

FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: "A música na EMAO"
Lugar: Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro
Datas: do 24 de xuño ao 25 de outubro de 2024 (agosto pechado)
Horario:

  • Do 24 de xuño ao 28 de xuño: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
  • Do 1 de xullo ao 13 de setembro (agosto pechado): de luns a venres, laborables, de 10:30h a 13:30h
  • Do 16 de setembro ao 25 de outubro: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h

Comisariado: Carlos Corral, mestre de Construción Artesanal de Instrumentos Musicais -CAIM- Gaita e Rosa García, mestra de Talla e escultura en madeira, coa colaboración do profesorado de Debuxo, Pintura, Serigrafía artística, Moda e confección, Ourivería, Artesanía en coiro, Deseño e encaixe de palillos e CAIM Zanfona.
Cartaz: Federico Fernández Alonso
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2024
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez Arteaga