Amosando publicacións coa etiqueta Debuxo Historia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Debuxo Historia. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de abril de 2022

Frankenstein ou o moderno Prometeo [DEBUXO]

No ano 1818 publicouse en Inglaterra  a que ía ser considerada a primeira novela de ciencia fición, "Frankenstein ou o modeno Prometeo", da xoven autora Mary Shelley. Hai catro anos conmemoráronse,  pois, os douscentos anos da publicación deste texto tan vixente hoxe en día, e no obradoiro de Debuxo comenzamos un proxecto para recordar esta data: ilustrar o Frankinstein orixinal de Shelley utilizando a técnica do gravado en linóleo.


mércores, 15 de decembro de 2021

Exit Through the gift shop: DEBUXO

Durante este curso académico o obradoiro de Debuxo vai presentar tres películas documentais cuxo late motiv é a arte urbana. Desde fai varios anos, e sobre todo ca aparición de Banksy como artista acaparador de portadas nos medios, tanto polo seu arte como pola súa enigmática personalidade, a arte urbana xa está presente no que poderíamos denominar "mercado", cando este nacera dun xeito puramente vandálico e subcultural.

Nos anos 90 o que anteriormente coñecíase como "graffiti" comenza a ter outras características para pasar a chamarse Street art. Figuras como Shepard Fairey, dan un xiro técnico, estético e conceptual as obras que utilizan o entorno urbano como soporte,  ca utilización de plantillas e carteis que queren sorprender aos peóns, pero tamén remover conciencias e provocar cambios na sociedade.

Obra de Farey da campaña OBAY

martes, 20 de xullo de 2021

73. DIN MATAMORO estudante da EMAO coa Mirada Acesa dende os 12 anos [PINTURA]

Matamoro Irago, Eduardo: Din Matamoro (Vigo, 1958).

É un grandísimo pintor, membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes.
Nestes momentos ten unha extraordinaria exposición no MARCO de Vigo (ata o 7 de novembro), co titulo A mirada acesa.

Pois ben… nos arquivos do EMAO (onde se atopa unha parte importante da historia cultural viguesa), consérvase o documento coa matrícula de inscrición do noso artista, que xa con 12 anos (en 1971), estudou debuxo na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.
¡Algo que nos en orgullece!... sabendo, ademais, que o debuxo, desde o principio da súa carreira, é unha columna clave do seu traballo.

A súa exposición A mirada acesa (que en próximo apuntamento estudaremos con detemento), é unha adoitada demostración de que a pintura é en orixe e fin: LUZ.

Dende aquí convidamos a visitala.

xoves, 4 de febreiro de 2021

Sumi-e [DEBUXO]

O sumi-e é unha arte gráfica/pictórica cuxa orixe se atopa en China. Desenvolveuse na dinastía Tang entre o s.IV e o s. VIII. Foron os monxes budistas zen os que practicaron esta arte e os que a introduciron en Xapón no s.XIV, momento de gran esplendor artístico que coincide co período do Renacemento italiano.

Xu Wei. 1521-1593
 
Pero un dos pioneiros do sumi-e, antes de que se denominara deste xeito, foi Gu Kaizhi. O historiador de arte da dinastía Tang, Zhang Yanyuan, dixo para describir os debuxos de Gu Kaizhi (S.IV) : "Os seus trazos teñen unha presenza rotunda e están cheos de forza e relaciónanse obedecendo a un movemento circular que se renova constantemente. O seu estilo é soberano e solto, o ritmo é rápido como o vento e os lóstregos".

martes, 1 de decembro de 2020

Propiedade intelectual [DEBUXO]

IBAÑEZ

O gran Ibáñez, que non necesita presentación, deixou a editorial Bruguera no ano 1985. Bruguera presentara suspensión de pagos no ano 1982 e no 1986 bota o peche, ou mellor dito,se tranforma en Ediciones B do grupo Z. Ibáñez levaba na editorial desde o ano 1957. No 1958 creara os seus míticos e incombustibles personaxes, Mordadelo e Filemón. 


Bosquexos de Mortadelo. 1957

Estes representaron a BD máis rentable da editorial. Ibañez foi un traballor incansable que chegou a entregar a editora 20 páxinas semanais de historietas, un autentico despropósito pensando que Ibañez ademáis é  guionista e debuxante das súas historietas.

Cando Ibáñez decide deixar Bruguera atópase con que o dereito intelectual dos personaxes corresponde a Bruguera. Ibañez non ten dereito a continuar debuxando a Mortadelo e Filemón se non é para Bruguera. Así estaban as cousas.


martes, 27 de outubro de 2020

Grandes obras Ilustradas: Bruguera [DEBUXO]

Estes días atopeime con uns libros que sempre levo na memoria. Foi unha alegría velos novamente, xa que formaron parte da miña infancia e supoño que son responsables, entre otras cousas, de porqué  me dedico a esto do debuxo. Agora 40 anos despois retoman o motivo polo que foron creados, ser leidos por un cativo. Trátase da colección da Editorial Bruguera "Grandes obras ilustradas" que comenzou a editarse no ano 1967  en forma de revista, eu conservo unhas cantas delas, para logo convertirse en libros recopilatorios monográficos. Tanto as revistas como os libros acadaron un grandísimo éxito ata o peche da editorial no ano 1985 . Trátase de novelas clásicas da literatura xuvenil, adaptacións en forma de banda deseñada cas que disfrutei moitísimo sendo cativo. Foi un xeito de ler a través do texto e a imaxen a autores como Emilio Salgari, Julio Verne, Jonathan Swif e un grandísimo etc...toda unha galería de autores  con 272 adaptacións literarias. Estas publicacións foron un xeito fantástico de dar a coñecer a literatura xuvenil clásica a xuventude dos 70, ofrecendo tanto unha lectura máis sinxela destes textos como un xeito barato de ter acceso a eles.


venres, 3 de xullo de 2020

Alicia II. Sir John Tenniel [DEBUXO]

Alicia no país das marabillas é un tesouso da fala inglesa e un clásico da literatura universal.  Foi escrito por Lewis Carroll, ou mellor dito polo Reverendo Charles Lutwidge Dodgson... aínda que o reverendo insistía en que el e Carroll eran personalidades diferentes... unha sorte de duplicidade aceptada, incluso buscada polo excentrico reverendo. Ademais o reverendo Dodgson era poeta, gran escritor e coleccionista de cartas, fotógrafo, matemático... e estaba moi interesado polos fenómenos psíquicos. A esta personalidade tan enxeñosa tocoulle vivir na época victoriana, gran momento de esplendor para o imperio británico, comandado pola raiña Victoria, e gran momento para a súa literatura... Dickens, Brontë, Wilde... momento no que Londres era a capital do mundo, sendo a cidade máis poboada ata que foi superada por NY en 1925.f
Alicia é unha obra grande, difícil de encaixar nun xénero literario. Como di Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro na introdución da Alicia de 1984 para a ed. Xerais:  "...deixando a cuestión da forma, o material imaxinativo non ten tampouco precedentes, nin a ausencia de moralexas. Tense insistido moito neste último contraste con toda a literatura infantil anterior e gran parte da seguinte" ... " Alicia é ... "outra cousa" da literatura.

Lewis Carroll

xoves, 25 de xuño de 2020

Proxecto Fernando [DEBUXO]

Fernando é un alumno do grupo Avanzado que estivo a realizar o seu proxecto nun contexto moi especial  coincidindo coa pandemia do covid. Fernando é sanitario e traballa nunha residencia de anciáns pública.
O seu proxecto titulouse, xa polo mes de xuño do ano pasado, "Olvido". Consistía na realización dunha chea de debuxos sinxelos e rápidos que retratasen a estes anciáns. Debuxos de libreta ou pequenos anacos de papel a liña executados en rotring, rotulador ou boli bic. Era importante que estes debuxos fosen case realizados ás agachadas, xa que lle coincidía coas horas de traballo polo que non se podía permitir un tempo longo de execución... poucos minutos, incluso segundos, non moito máis. Antes de que comezase a pandemia, os anciáns aparecían sentados, posando, incluso sorrintes. Eran anciáns cunha demencia leve. Fernando apuntaba os comentarios que os retratados lle facían cando vían o debuxo, empatizando a través dos trazos. Era un xeito de manter unha relación que lles produciría un sorriso, establecendo unha comunicación de certa intimidade.


Anciáns posando para Fernando 

venres, 5 de xuño de 2020

Carapuchiñas ilustradas I [DEBUXO]

Atopámonos no século XVII en Francia. A época de esplendor de Luis XIV, o rei Sol, paradigma do monarca absolutista. Fastuoso, expansionista e centralista. Neste contexto e formando parte da alta burguesía ligada á coroa vivirá Charles Perrault, protexido de Colbert, o consexeiro do rei.
Perrault é coñecido por ser o autor recompilador de contos universais como Barba azul, O gato con botas, Polgariño, A bela durminte do bosque, Cincenta e posiblemente o máis universal de todos, Carapuchiña vermella. Todos estes contos foron escritos para satisfacer a pequena sobriña de Luis XIV, Elisabeth de Orleans.
Temos que ter en conta que neste século comezara un movemento que foi decisivo para a literarura infantil: Os recompiladores de contos populares e a adaptación escrita dos mesmos por parte destes autores. O primeiro recompilador dos contos de tradición oral foi o napolitano Basile no seu libro O Pentamerón. Posteriormente e no mesmo século teremos en Francia a  Jean de La Fontaine a  Madame D´Aulnoy, e como non o noso protagonista Charles Perrault.
Os contos de Perrault aparecen por primeira vez no seu libro Historias e contos de tempos pasados, máis coñecido como Contos de mamá Gansa. Foron escritos no ano 1683 pero publicados en 1697, cando Perrault xa contaba con 69 anos. Existe unha controversia coa autoría destes contos atribuídos tamén a Pierre Darmancour, fillo de Perrault. Son contos denominados morais. En todos aparece unha moral final na historia que determina unha maneira de comportarse.



mércores, 20 de maio de 2020

O Quixote ilustrado IV [DEBUXO]

Chegamos ao século XX. Se hai unha palabra que defina a arte deste século poderíamos dicir que é vangarda. A esencia revolucionaria dese termo maniféstase xa que implica ir na primeira liña de fronte con ansia transformadora e de ruptura. Esa transformación cultural, social, será rupturista e desemboca nas grandes Guerras do século e na guerra Civil española.
No século XX haberá crises económicas, movementos sociais na procura de dereitos civís. Loita de poderes antagónicos. Reordenamentos nas fronteiras do mundo. Armamento nuclear. Conquista do espazo... No século XX o home alcanza un desenvolmento tecnolóxico e social descoñecido en toda a historia da humanidade e ademais en moi curto espazo de tempo.
No mundo da imaxe, o cine e a banda deseñada irán da man e popularizaranse. A ilustración toma a rúa xunto coa publicidade. Os movementos artísticos "maniféstanse" e a figuración perde a hexemonía, pero esta será de ida e volta. Mátase a pintura moitas veces, aínda que sempre renacerá. O concepto e a verbalización  son esencia da arte contemporánea en detrimento da técnica e do obxecto artístico.  O acceso á cultura popularízase. A música farase imprescindible para a xuventude... marcará o seu modo de vida e a sua estética. O século XX foi tan intenso que aínda temos que dixerilo.
Pero neste contexto  o Quixote segue aí, traducido a máis de 140 linguas como obra magna da literatura universal en lingua española.  O seu autor da nome ao Instituto Cervantes, presente en 45 paises, promove no mundo a ensinanza e o estudo e a difusión do español.

OS QUIXOTES NO SÉCULO

mércores, 6 de maio de 2020

Cadernos atopados: Arqueoloxía [DEBUXO]

Un tema que me parece apaixonante, e que moitas veces quixen investigar, é o dos tesouros debuxísticos que pasan desapercibidos, pequenas xoias artísticas descoñecidas que se perden na historia da arte entre as grandes obras que se escriben con maiusculas.
Xoias de artistas descoñecidos, outros esquecidos, outros e outras que ían ser pero non foron polas circunstancias vividas ou o contexto; ou ben, pezas de grandes artistas que foron consideradas "obra menor" por tratarse de debuxos ou bocetos. Libretas, pequenos debuxos que aparecen nun caixón e que resultan ser non só pequenos anacos da historia senón verdadeiras obras de arte.

Nos meus anos como mestre de debuxo chegaron ás miñas mans dous exemplos disto que vos comento que darían para indagar máis nestas historias narradas a través do debuxo:

PRIMEIRO EXEMPLO

Ano 1942. Un mozo vigués alístase na división azul e é enviado á fronte. Cando sae de Vigo en ferrocarril  leva unha pequena libreta no bolso da súa chaqueta. Nela comeza un diario escrito e debuxado. Esa libreta chega a Rusia, vive na trincheira e recolle nas pequenas páxinas a vida e os acontecementos vividos dese soldado. Rematada a guerra, regresa a Vigo e garda a libreta nun caixón. Non a volta a abrir, quere esquecer.
Anos despois, no ano 2009, un alumno de debuxo da EMAO, sobriño daquel mozo soldado xa falecido, aparece na aula con este precioso documento. O caderno contiña moito texto nunha minúscula letra case ilexible e uns cantos debuxos a cor en acuarela e plumiña. Escenas de soldados. Un francotirador agochado nunha árbore, unha enfermeiría con soldados feridos deitados nos leitos... que dan conta da barbarie vivida.

Non conservo ningunha imaxe deste diario de guerra do soldado galego pero temos exemplos de libretas de debuxo na fronte. Neste caso dun soldado americano, Victor A. Lundy, que desempoou estes cadernos despois de 70 anos. Estas libretas son un documento gráfico da guerra marabilloso.

DEBUXOS DE LUNDY



xoves, 23 de abril de 2020

O Quixote ilustrado III [DEBUXO]

Hoxe é día 23 de abril, o día do libro, e quero retomar os Quixotes ilustrados para conmemoralo.

Atopámonos no século XIX, caracterizado principalmente como século de revolucións, tanto sociais como tecnolóxicas. Esta revolución tecnolóxica chegará aos usos gráficos coa aparición da litografía en 1796 e da fotografía en 1839; posteriormente xa o cine, en 1895. Estes dous descubrimentos ou invencións, litografía e fotografía, popularizarán o acceso ao mundo da imaxe, xa que a súa realización e copia se abarata. Popularízase a prensa periódica ilustrada e o libro ilustrado.
Como estilos artísticos, visto dun xeito xeral , o século comenza co Neoclásico herdado do XVIII. Este estilo remata coa caída de Napoleón en 1815. Continúa co Romanticismo entre 1820 e 1850 ,o Realismo entre 1855 e 1870, e o Impresionismo e Postimpresionismo desde 1873 ata finais de século. Non podemos esquecer outras correntes como a irmandade Prerrafaelista británica, os posteriores Arts & Crafts  o Rexionalismo en España e o inicio en 1893 do Expresionismo co "berro" de Munch... Unha sorte de estilos que cambiarán para sempre o xeito de entender a imaxe artística, e por conseguinte a imaxe como ilustración.

Pedra litográfica

luns, 20 de abril de 2020

O Quixote ilustrado II [DEBUXO]

Atopámonos no século XVIII, o século das luces e da Ilustración, dos grandes pensadores como Descartes, Rouseau, Espinozza, do poderío británico como potencia colonial.
En arte é o século dos estilos Rococó e Neoclásico, o primeiro hedonista e compracente e que expresará, sen querelo, a decadencia da monarquía absoluta, e o segundo como unha esperanza revolucionaria que toma a antigüidade clásica como referente estético.

O QUIXOTE DE COYPEL: ROCOCÓ EN ESTADO PURO

Un Quixote fóra de contexto.

Comezamos os Quixotes do S. XVIII en Fancia. O pintor parisino Antoine Coypel recibe o encargo de  decorar as residencias reais. Con ese fin realizará unha serie de tapices para o pazo de Versalles coa temática quixotesca. Este traballo que se materializa en 27 pezas levoulle a Coypel media vida, desde 1714 ata 1751. O resultado é un Quixote irreal, ao estilo indolente da época, pero curioso. Ver como a paisaxe ruda castelá se troca en paisaxe verde e como os espazos interiores están decorados ao gusto do exquisito estilo francés da época... resulta curioso.

Cartón para o Quixote. Coypel 1751

martes, 14 de abril de 2020

O Quixote Ilustrado I [DEBUXO]

O QUIXOTE ILUSTRADO. S. XVII


Na rúa Atocha número 87 de Madrid localízase hoxe a Sociedade Cervantina, lugar onde no ano 1605 se imprimira o primeiro Quixote. Esta imprenta chamada do Madrigal era propiedade de María Rodríguez  Rivalde, e o impresor ao cargo dela era Juan de la Cuesta. De aquí saíron as primeiras 1500 copias do libro máis famoso da literatura universal en castelá. O Quixote foi unha novela de grande éxito xa desde o principio, e demóstrano as seis edicións do texto ese primeiro ano de 1605, e tamén as prontas traducións ao inglés e ao francés.
Pero o que nos ocupa neste espazo é o Debuxo, a imaxe, a ilustración, e esas primeiras edicións non conteñen ningunha ilustración. Ben é sabido que grandes pintores como Dalí ilustraron o Quixote, ou ben a estes artistas o texto inspirioulles unha imaxe, como a Honoré Daumier  ou a Picasso.


Daumier 1868. Picasso 1955. Interpretacións do Quixote

Dalí. 1965
Pero, cando se materializou o Quixote en imaxe por primeira vez? Como evoluíu? Quen ideou o Quixote máis icónico? Que aconteceu en España?

Desde o principio da súa edición  houbo un interese por ilustrar o Quixote, por trasladar a forza do texto a imaxes. Primeiro, cunha imaxe na páxina principal, atopamos a edición valenciana de 1605, cunha  xilografia prestada ou roubada que representa un cabaleiro pero que non é o Quixote.  Podería ser calquera outro libro de cabalería.

mércores, 8 de abril de 2020

A resurrección do Víbora [DEBUXO]

O Víbora, foi unha mítica revista de banda underground que tras 25 anos de vida nos quioscos en xaneiro de 2005 botou o peche. No Víbora publicaron as súas historietas autores nacionais tan recoñecidos como Gallardo, Max ou Nazario e internacionais como Robert Crumb, Peter Bagge, ou Shelton, con quen coñecimos os peculiares inmortais Freak Brothers.

A revista estaba editada pola editorial La Cúpula que segue en activo ofrecendo o mellor dos autores de novela gráfica. Hoxe é o formato preferido dos lectores de banda.


Pero o Coronavirus e a cuarentena provocada polo mesmo debía ter algo positivo. O Víbora resucita, e gratis, grazas ao director da Cúpula Emilio Bernárdez. A editora realizará unha antoloxía na súa web a partir de hoxe. Nela colaboran os propios autores presentes na edición de papel, en total uns 20, que elixirán os seus traballos favoritos semanalmente.


Este é un bo xeito de resucitar os momentos mellores da banda da nosa adolescencia e xuventude para os que vivimos a época gloriosa das revistas de banda en papel, e de descubrir aquela época  para os máis novos que non tiveron esa oportunidade.

El Víbora

Grazas a La Cúpula!!!

xoves, 2 de abril de 2020

Crónicas de Nuremberg [DEBUXO]

Situámonos na segunda metade do século XV. A concepción do mundo está mudando, as ideas humanistas de Dante Alighieri, Francesco Petrarca e Giovanni Boccaccio , pioneiros deste pensamento renovador no século anterior, estenderánse por toda Europa e revolucionarán as artes e as ciencias en un movemento coñecido como Renacemento. O concepto Renacemento foi formulado polo historiador do S.XIX Jacob Burckhardt como o periodo histórico que abrangue desde Giotto S.XIV ata Michelangelo S.XVI, considerando este momento histórico como o inicio da idade Moderna. Son dous os acontecementos ocurridos polos que Burckhardt fai esta consideración: A invención da imprenta en 1450 e o descubrimento de América en 1492.

A Divina Comedia de Dante

A divina Comedia ilustrada por Gustave Doré. S.XIX

A imprenta difundirase por todo o territorio europeo a gran velocidade, e con ela todo o coñecemento. A cidade de Nuremberg será o seu epicentro e a primeira productora de libros entre os S. XV e XVI . Esta produción de libros demandará mestres artesans de todo tipo, entre eles xilógrafos, grabadores e creadores de imaxes que embelezan as edicións dos libros. Un destes mestres xilógrafos será Michael Wolgemut, coñecido por ser o mestre de Alberto Durero, pero tamén por deixar a sua pegada na obra editada màis ambiciosa dos libros incunables (Editados entre 1450 e 1500), As Crónicas de Nuremberg.

luns, 23 de marzo de 2020

Conversas con Hergé [DEBUXO]

Este ano, na parte que corresponde a historia co grupo Medio, visualizamos dúas películas: a de Tomi Ungerer, do que nos namoramos polo seu carisma e humanidade, ademais de pola súa obra tan deliciosa e a de Robert Crumb, cun carácter ben distinto do anterior, pero sobre no que tamén é recurrente o sexo como tema, pero abordado dun xeito ben diferente ao de Tomi. Hoxe deixovos un terceiro autor de banda deseñada, Hergé. Outro tipo de personalidade, outro tipo de obra, o que nos demostra que o contexto, as circunstancias, a educación recibida e o como un se enfronte a todo iso, en este caso a través do debuxo, condicionan as obras dos artistas. O sexo tamén está presente, no caso de Hergé, dun xeito reprimido.
"Conversaciones con Hergé" de Numa Sadoul, é un libro clásico, no que Hergé queda espido dun xeito insólito ante un xove xornalista que non dá creto. Este documental trata sobre este libro.