luns, 15 de xuño de 2026

19-6-2026. Inauguración da exposición "140. Escola de Artes e Oficios" [ESPAZO EMAO]

 

A Escola de Artes e Oficios de Vigo creouse en 1886 da man da Sociedade de Socorros Mutuos La Cooperativa, presidida por Manuel Diego Santos, coa axuda do seu presidente honorario, Eduardo Chao. A Escola viña cubrir a demanda dunha formación técnica para os obreiros, que poderían así perfeccionar os seus oficios ademais de completar a súa instrución básica. Comezou a súa andaina custeada polo esforzo persoal de particulares, pero non foi suficiente para o sostemento do centro. Así pois, en 1888, a Escola pasou a ser municipal; será o Concello de Vigo quen desde entón se ocupe do seu funcionamento e mantemento.

Esta Escola tivo como primeira sede o número 3 da Rúa do Circo (hoxe rúa Eduardo Iglesias), nun edificio que, ante o constante aumento de matrícula, pronto quedou pequeno. No ano 1900, despois de 14 anos, a Escola abandona a sede da rúa do Circo para trasladarse ao edificio que actualmente ocupa, un encargo de José García Barbón ao arquitecto Michel Pacewicz.
Para levar a cabo este proxecto, García Barbón doou os terreos, custeou o edificio e completou a súa doazón con material de ensino, maquinaria e libros para formar a biblioteca que aínda hoxe existe e que no seu momento foi a primeira biblioteca pública da cidade. Sempre coa convicción de que sería para o beneficio da clase obreira, a "cuxa instrución, cultura e progreso van unidos o progreso, adianto e cultura dos pobos".

Con motivo do seu 140 aniversario, as once especialidades que se imparten actualmente na EMAO, e máis a Biblioteca, renden unha homenaxe á Escola a través de 12 obras que nacen dunha visión e análise interno, e que se formalizan de maneira artística, sen tanta institucionalidade.

Honramos ás propias especialidades, aos 140 anos de vida, aos mestres e aos alumnos que por aquí pasaron; en definitiva, á nosa propia historia, a través de propostas que o alumnado dos distintos obradoiros materializaron con dedicación e oficio para levar a bo fin cada unha destas obras.

FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: 140. Escola de Artes e Oficios
Lugar: Espazo EMAO. Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. (Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro)
Datas: do 19 de xuño ao 16 de outubro de 2026
Horario: De luns a venres, laborables de 19.00 a 21.00 horas (do 19 ao 30 de xuño e do 15 de setembro ao 16 de outubro), e de 10:30h a 13:30h (do 1 de xullo ao 14 de setembro). Agosto pechado
Comisariado: Esther Quintas, mestra de Cerámica artística, e Sandra de Jesus, mestra de Ourivaría, da EMAO.
Cartel: Federico Fernández, mestre de Debuxo artístico da EMAO
Imaxe cartel cedida por: Davida
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2026
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez Arteaga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!