O día 23 de abril inaugurouse a exposición Proxectos 19 no Espazo Emao. Tras dous anos de espera motivada por distintas circunstancias, por fin o espazo puido acoller esta exposición tan esperada. O alumnado de Debuxo, como o resto do alumnado que realizou os proxectos do curso Avanzado no ano 19, agardaba impaciente poder amosar os resultados. Estes proxectos teñen nomes e apelidos, teñen esforzo e dedicación e o resultado é visible se visitades a exposición. Quero amosar aos autores e autoras dos proxectos de Debuxo, de xeito que coñezades un pouco máis a tarefa realizada, os porqués destes proxectos, as motivacións e as problemáticas no proceso, para que sirva ao alumnado dos Grupos Superiores que hoxe están preparando os novos proxectos que se escollerán para o curso 21/22 no Curso Avanzado.
PAULA LAGO
Historia de Dores
Paula tiña un grande interese en colaborar coa súa nai achegando os seus debuxos aos textos que esta ten escritos co fin de, quen sabe, poder editalos nun futuro. Inicialmente buscaba unha estética coa que se sentise cómoda para "ilustrar". Acadar unhas imaxes coas que gozar do proceso, tanto da parte técnica, buscando soltura e inmediatez, como do resultado final.
A primeira parte do proxecto consistiu en buscar, investigar na parte estética. Empapouse de obras de diversos artistas tanto de hoxe como do século pasado. Buscaba un modo de facer que mesturase a perfección coa historia de Dores. Atopou nesa busca a Bernard Buffet, unha sorte de pintor expresionista tardío francés dos anos 60.
 |
| Obra de Buffet do ano 1960 |