luns, 20 de xullo de 2020

Monográfico: Pregaduras [DEBUXO]

En xullo de 2017 no obradoiro de Debuxo realizamos un monográfico específico de debuxo de pregaduras. Foron 30 horas que deron para moito. A idea era indagar na evolución da representación das mesmas na historia da arte, de coñecer algúns recursos e da posta en práctica dos mesmos debuxando do natural. Os contidos do monográfico resumíanse nos seguintes puntos:
• EVOLUCIÓN O LONGO DA HISTORIA
• ELEMENTOS GRÁFICOS
• PRÁCTICA DE TÉCNICAS
• OBSERVACIÓN E PRÁCTICA A TRAVÉS DE LÁMINAS
• PRÁCTICAS CON ESCENARIOS REAIS

A idea partira dun debuxo que sempre poño como exemplo cando tocamos este tema: As almofadas de Durero realizadas con tinta e pluma.


As almofadas de Durero
Este estudo de pregaduras debuxadas en 1493, cando Durero só tiña 22 anos, son o principio pero tamén poden ser o fin. Desde o meu punto de vista Durero adiántase ao seu tempo nos seus estudos de obxetos cotiáns como este, porque intenta comprender as formas a través da pura observación e resólveas dunha maneira moi intelixente, sen que ninguén lle dese unha pauta... dun xeito totalmente intuitivo. Ademais vai marcar unha tendencia, un modo de facer que ainda hoxe en día resulta sorprendente.


Temos que ter en conta que toda a representación, o debuxado ou pintado, coa temática das pregaduras anterior a Van Eych semella cartón, non tea, e Durero 60 anos despois, nun alarde da simplificación, consegue o efecto da pregadura utilizando a liña, non a mancha.


Retrato de home con turbante. 1433

O Renacemento supón unha volta aos valores da cultura grecolatina, sendo o periodo de transición entre a idade antiga e a moderna. A concepción estética é unha concepción realista de imitación da natureza e unha visión ideal de perfección sobrenatural. Xa no Gótico veremos exemplos de imitación desa realidade e polo tanto da imitación sobre plano das pregaduras que xeran os tecidos.
Exemplos presentes nas iluminacións dos códices como o Román de la Rose, o libro das horas de Turín Milán, As moi pequenas horas de Ana de Bretaña... son exemplos das primeiras aproximacións naturalistas da representación dos tecidos.

Román de la Rose. S. XIII

Libro da horas de Turín-Milán. S.XIV

Moi pequenas horas de Ana de Bretaña. S. XV

No Renacemento, coa utilización de novos medios e técnicas na aplicación da cor e a potenciación dos volumes a través das luces e sombras dá como resultado que en poucos anos a representación pictórica e debuxística alcance niveis de realidade nunca vistos ata a data. O debuxo ademais convértese nunha disciplina autónoma. Aparece o primeiro material didáctico e o obradoiro será o lugar de ensinanza, aprendizaxe e investigación onde mestre e alumno traballan man a man.

Temos exemplos no Quattrocento italiano desta evolución tan notable e que resultará inspiradora para os artistas posteriores. A representación das pregaduras é máis sutil. A utilización de veladuras facilita a representación das transparencias.

Lamentación sobre Cristo morto. Andrea Mantegna. 1470

O nacemento de Venus. Sandro Botticelli. 1484

Pero o paradigma de artista renacentista que utiliza o debuxo como medio para realizar estudos de todo tipo será Leonardo da Vinci (1452-1519). Os seus estudos en debuxo de teas e pregaduras gozan dun delicado realismo, de movemento, de captación do visto dun xeito analítico, do gusto por sacarlle o máximo rendemento aos recursos gráficos.

Estudo de pregaduras de Leonardo

E a partir deste momento a representación do mundo naturalízase e todos os artistas do Cinquecento italiano experimentarán e buscarán a representación dese realismo a través dos estudos de debuxo. Rafael, Durero, Miguel Ánxo, consevan estudos de pregaduras realizadas en carbón, sanguina, lapis chumbo... iluminadas con albaialde. Tamén utilizan tintas e sepias. Toda unha colección de debuxos desta temática en variadas técnicas.

Estudo de pregaduras de Durero

Estudo de pregaduras de Rafael
Estudo de pregaduras de Miguel Anxo
No Barroco a representación segue a ser realista. Existe unha intención de conmover emocionalmente ao espectador cunha deliberada ausencia de sensualidade. En España existirá unha influencia moi marcada do tenebrismo de Caravaggio.

Morte da Virxe. Caraviggio.1606

O Greco, Velázquez, Rubens, Rembrand... son uns mestres da figuración, da composición dinámica e da representación das pregaduras. A pincelada e o trazo faise máis áxil pero as sensacións son de teas que caen, que se moven.

Debuxo preparatorio de Rubens
Pero no Barroco o debuxo en xeral perde autonomía na representación. Existe moito debuxo preparatorio ou grandes papeis para murais. En España a influencia escurialense de procedencia italiana dará grandes debuxantes como Vicente Carducho que se manexa en tódolos ámbitos da representación e será unha gran influencia posterior.
O gran debuxante e gravador do Barroco, que toma a Durero como guía, desenvolve os seus estudos de liña e entende a simplificación como unha evolución normal da representación, será Rembrand. A utilización da liña faise esencial e a técnica do gravado esixe o seu dominio de forma que un complementa ao outro.

Gravado de Rembrand

Gravado de Rembrand
A intención naturalista da representación segue estando presente. Os gravadores do XVII exploran o recurso da liña motivados polo soporte, xa se traballará sobre metal,  co fin de representar a realidade dun xeito fiable. Como o gravador holandés Salomon Savery que demostra nas súas pezas unha destreza indubitable na resolución das pregaduras utilizando a liña e o volume.


Detalle de gravado de Savery
Tras o Barroco a representación das pregaduras volta a unha representación clásica. O século XVIII e a primeira metade do XIX estarán marcados por un notable clasicismo. Unha volta á representación dos grandes mestres renacentistas en grandes composicións. O clasicismo tómase como modelo de ensinanza nas academias de debuxo e manterase ata finais do século XIX.

Debuxo preparatorio de Jacques Louis David


Debuxo preparatorio de Jacques Louis David

Debuxo de Ingres
Debuxo de Ingres

 Ainda que existirá outro debuxo fóra das academias que será o que dará impulso ás vangardas. A representación intelectualízase, non existe unha intención naturalista, máis ben búscase unha interpretación do artista que ve a realidade dun xeito subxectivo, deixando incluso marxe ao observador para completar esa representación. A representación farase expresión. As pregaduras reinterprétanse de moitos xeitos. Cada artista ten a liberdade de representar ao seu xeito.

Debuxo de Van Gogh
Apunte de Gaugin

Debuxo de Klimt
Debuxo de Picasso
Como vemos, a representación das pregaduras, e a representación no debuxo en xeral, está dominada por dous recursos cos que se xoga dun xeito autónomo ou mesturado, a liña e a mancha. Dominar estes recursos así como ter a capacidade de analizar a forma e o espazo, e ser quen de interpretalo sobre o papel, son as bases para a representación en debuxo. No Monográfico das pregaduras foi o que traballamos:

1.OBSERVAMOS COMO RESOLVEN OUTROS
2. PRACTICAMOS COS RECURSOS UTILIZADOS
3. APLICAMOS PARA RESOLVER NÓS

Os resultados foron notables. Gran parte do alumnado que nos acompañou descubriu ou redescubriu o debuxo e posteriormente matriculouse na especialidade. Aquí deixo algúns destes resultados conseguidos en 30 horas de traballo.













Na especialidade traballamos as pregaduras con escenarios reais. Traballamos dun xeito parecido a como o fixeramos daquela. O bo desta expeciencia foi que moito do alumnado entendeu que o debuxo é unha disciplina que se pode aprender. Que require esforzo e concentración, pero que todos somos quen de poder debuxar da realidade. Iso non significa ser artista. Eu sempre digo que todos sabemos escribir pero non todos somos escritores. Co debuxo pasa o mesmo. Saber debuxar non te converte en debuxante. O importante é o que teñas que contar a través do debuxo. Debuxar pregaduras é puro exercicio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!