xoves, 16 de xullo de 2020

A Biblioteca Encadeada da Catedral de Wells [BIBLIOTECA]

Catedral de Wells, Somerset (Reino Unido)

A partir do século XII a biblioteca deixa de ser un mero depósito de libros e vaise convertendo nun lugar de lectura. Isto ocorre sobre todo nos conventos de novas ordes relixiosas (franciscanos, dominicos, agostiños, carmelitas, etc.). Trátase de espazos de uso permanente e exclusivo para a lectura e o traballo intelectual. Adoitan ser salas espazosas, con numerosas xanelas e abundante luz, situadas no claustro ou en edificios anexos, provistas de armarios e pupitres, onde os libros se encadean ao pupitre ou a unha barra de ferro, para evitar as subtraccións.
As bibliotecas catedralicias desenvolvéronse así mesmo na Baixa Idade Media, e contiñan libros de culto e do ensino que se impartía nas catedrais. Cando eran poucos, os libros colocábanse no coro, a sancristía ou a sala capitular. Estas bibliotecas foron aumentando os seus fondos con doazóns de bispos e cóengos; ao aumentar estes fondos adaptáronselles habitacións especializadas no claustro, con armarios, bancos, atrís e libros encadeados.





Un bo exemplo destas bibliotecas medievais encadeadas é a biblioteca da Catedral de Wells, que foi construída a mediados do século XV sobre o Claustro Oriental, no seu momento foi a biblioteca medieval máis grande de Inglaterra.
Unha biblioteca encadeada é unha biblioteca onde os libros están unidos ao seu andel por unha cadea que é o suficientemente longa como para permitir que os libros se saquen dos seus estantes e se lean, pero non se retiren da biblioteca. O habitual é que tivesen a cadea unida ao libro a través dunha argola polo bordo dianteiro, non polo lombo, que sufriría un maior desgaste ao movelo dentro e fóra do estante.



Os libros estarían colocados nos estantes ao revés do habitual, para que cada libro se puidese quitar e abrir sen necesidade de darlle a volta, evitando así enredar as súas cadeas. De feito, orixinalmente non habería estantes na biblioteca, os libros estaban colocados nos seus atrís debaixo das xanelas onde había máis luz. Estes comezaron a colocarse a partir de mediados do século XVI. As cadeas estaban feitas de ferro forxado en quente mergullado en aceite de linaza para evitar a oxidación.




A Biblioteca Encadeada da Catedral de Wells alberga unha colección de libros publicados con anterioridade ao ano 1800. Son uns 2800 volumes, na súa maioría de teoloxía, pero non faltan outras materias como as ciencias, a medicina, a historia, os descubrimentos xeográficos, etc. Recompilados durante os séculos XVI, XVII e XVIII. Tamén posúe algúns manuscritos valiosos pero moitos perdéronse durante a Reforma relixiosa.
Entre os libros impresos destaca o incunable “Naturalis Historia” impreso en Venecia por Nicholas Jenson en 1472, é unha enciclopedia escrita en latín polo procurador imperial romano Plinio o Vello. Esta é unha das maiores obras individuais que sobreviven do Imperio romano nos nosos días, que pretendía abarcar todo o coñecemento que nese momento se tiña.




Outras publicacións notables son a edición de 1555 da obra "De humanis corporis fabrica" de Andrés Vesalio,  un dos libros máis influentes sobre anatomía humana, e unha copia da primeira edición inglesa de 1606 da obra de Abraham Ortelius "Theatrum Orbis Terrarum", considerado o primeiro atlas moderno que contén mapas gravados en cobre coloreados á man e ilustrados por fantásticas bestas mariñas.




No ano 2002 creouse unha sala de lectura con acceso ás publicacións e revistas publicados despois do ano 1800. Unha colección que complementa e amplía a da Biblioteca encadeada, con modernas traducións e comentarios de obras teolóxicas e espirituais, así como publicacións sobre a historia da catedral. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!