venres, 31 de xullo de 2020

En agosto, a EMAO pecha.... ¡vémonos en setembro! [ADMINISTRACIÓN]

Proxecto de teito para sala de lectura realizado
polo alumno José Cameselle
(que anos despois crearía a histórica
Cristalería La Belga).
Ano 1910 -Arquivo da EMAO-
Rematamos hoxe, 31 de xullo, un curso moi  complexo, cheo de incógnitas, de necesaria e continua autoavaliación, de tomas de decisión sobre un terreo ignoto e esvaradizo, no intento de paliar no posible os efectos sobre a actividade da nosa Escola da crise do COVID-19.

Dous días despois de decretado o peche de tódalas actividades da Escola por mor da declaración do Estado de Alarma, decidimos crear este Blog, como un instrumento de emerxencia para manter o contacto co alumnado e coa sociedade neses momentos difíciles.
Eramos conscientes, obviamente, de que o Blog non podería substituir ao traballo e a docencia en aulas e talleres, especialmente tratándose dun ensino que como o noso, está intimamente vencellado á práctica e á experiencia directa.

A medida que pasaron os días o noso Blog foi medrando e collendo a forma e a autonomía abonda como para que, aos poucos, se fose despegando do motivo da emerxencia inicial para irse consolidando  como unha desas cousas extraordinarias que finalmente conseguen vir para quedárense.

xoves, 30 de xullo de 2020

Pesentación do Taller de Pintura da EMAO. Mestre: Darío Basso [PINTURA]

Taller de Pintura EMAO.

BAUHAUS

1. ¿QUE?
1.1 - A pintura é unha das expresións artísticas máis antigas, que comprende todas as creacións artísticas feitas sobre superficies, aplicable a calquera técnica ou tipo de soporte físico ou material. É unha linguaxe universal que utiliza o ser humano para transmitir mensaxes, conceptos e inquietudes persoais.
1.2 - Para isto é necesario coñecer con profundidade a técnica que necesitamos utilizar para que o diálogo co outro sexa claro e conciso.
1.3 - Na aula de pintura da Escola Municipal de Artes e Oficios aprenderemos como falar coas imaxes, adquirindo, coa práctica e a teoría, os fondos coñecementos que os nosos mestres, ao longo Historia e ata os nosos días, ofrécennos co seu traballo e así atopar a nosa propia voz.

mércores, 29 de xullo de 2020

Presentación da Biblioteca Pública García Barbón- EMAO [BIBLIOTECA]


Un pouco de historia...

A orixe da actual Biblioteca Pública García Barbón está estreitamente vinculada cos obxectivos perseguidos coa creación da Escola de Artes e Oficios por unha sociedade de artesáns chamada “A Cooperativa” en 1886. Esta sociedade recolle unha vella reivindicación das sociedades obreiras e agrarias que crearon na cidade a sensibilidade necesaria para o establecemento dun centro “... que se ocupase de formar ao artesán nas artes e os oficios, completar a súa formación a miúdo deficiente e perfeccionarlos na técnica das súas respectivas profesións”.
Desde 1892 temos noticia da existencia dunha pequena biblioteca na primeira sede da Escola, na antiga rúa do Circo (actual Eduardo Iglesias) que contaba con poucos volumes e estaba destinada ao uso exclusivo de alumnos e profesores.

martes, 28 de xullo de 2020

¿Queres desenvolver o teu proxecto técnico ou creativo nos talleres da EMAO? [ADMINISTRACIÓN]

Arquivo da EMAO. Debuxo de alumno de calderería
da Escola de Artes e Oficios. ca. 1897
Se tes altos coñecementos e/ou experiencia dentro dos campos propios das nosas especialidades, agora podes, sen ter sido previamente alumno/a da EMAO, presentar o teu anteproxecto dentro dunha delas, acceder ao noso Nivel Avanzado e desenvolver o teu proxecto técnico e/ou creativo nos nosos talleres, en réxime de titoría e presencial durante o curso 2020-21.

¿Quen pode presentarse?

Calquera persoa, fose ou non anteriormente alumno/a da EMAO, que dispoña e poida acreditar altos coñecementos/ capacidades/ experiencia/ estudos demostrados ou actividade profesional ou artística actual ou pasada nalgunha das especialidades seguintes:

sábado, 25 de xullo de 2020

Carlos Núñez. Confidencias [CAIM GAITA]

Aproveitando a visita de Carlos Núñez ó noso obradoiro para gravar o vídeo de promoción do seu último libro, "De gaiteiro a gaiteiro", deixounos este vídeo dunha conversa informal, onde nos fala daquela primeira vez que atravesou a porta do obradoiro de instrumentos musicais populares galegos e comezou unha longa e frutífera viaxe.


venres, 24 de xullo de 2020

Xavier Monclús [OURIVARÍA]

A xoiaría de Xavier Monclús é cotiá e divertida.
Este artista barcelonés que actualmente reside en Menorca 
inspírase 
nos obxectos cotiáns e no mundo que o rodea
para realizar unha xoiaría figurativa, onírica e poética 
que nos introduce nun mundo acolledor e sereno. 

Broche "Welcome House" 2017 - prata e esmalte pintado

Presentación da especialidade de Debuxo [DEBUXO]

Nesta entrada de presentación da especialidade faremos un resumo do que aprende o alumnado de Debuxo a través da reflexión acerca desta disciplina nun paseo pola historia, do enfoque que o obradoiro lle dá a esta especialidade da EMAO e por que resulta tan estimulante o seu estudo.
Para empezar poderíamos remitirnos a moitos autores cos que comparto o seu xeito de entender o Debuxo, como John Berguer, Betty Edwards ou o xa citado Peter Jenny ou resumir o que aparece na convocatoria do curso ou no PEMAO,  pero penso que é interesante facer unha reflexión desde dentro do obradoiro, achegando traballos realizados por alumnado relacionando estes con obras de grandes mestres para que vexades que a aprendizaxe do debuxo é posible, que os debuxantes non están tocados por unha divindade que lles dá poderes extraordinarios na observación e a execución dos debuxos... pero require esforzo, moita práctica, concentración e dedicación. O debuxo  é sobre todo unha actividade mental que cansa moito.

O INICIO

O Debuxo é unha actividade primaria, esencial, xa que só necesitamos un útil e un soporte. Calquera utensilio en acción que deixe marca sobre unha superficie considérase debuxo. Se nos remitimos a elementos próximos para executar unha actividade tan básica, podemos pensar no soporte area, terra e no útil man ou pau. Posiblemente o Debuxo comezou así... alguén trazou unha liña sobre a area que foi efémera, do mesmo xeito que se debuxou, o mar  levou  esa liña cando chegou a onda. Como unha canción de berce, un son que se escoita e marcha... pero que queda na memoria.

LIÑAS NAZCA

Liñas nazca. Perú

xoves, 23 de xullo de 2020

Presentación da especialidade de Serigrafía Artística [SERIGRAFÍA]

Enténdese por obra gráfica o conxunto de estampas xeradas mediante unha matriz elaborada cunha das técnicas gráficas e estampada por medio dun sistema de impresión. Distínguense catro grupos fundamentais: en relevo, en oco, planográficas e  permeográficas. A serigrafía é unha técnica permeográfica. Neste post explicaremos que é e que podedes aprender realizando a especialidade de Serigrafía Artística na Emao. Se premes neste enlace podes consultar o plan de estudos pero como ás veces unha imaxe vale máis que mil palabras, deixo aquí algunhas fotografías das actividades fundamentais que facemos no obradoiro.

¿Como podo acceder?
Primeiro hai que realizar a matrícula (se premes aquí tes a información necesaria). O acceso ás prazas vacantes será  cunha proba de acceso no caso de que as solicitudes superen a oferta de prazas e con preferencia para as personas empadroadas na cidade de Vigo (non excluínte). Para información sobre a oferta e os prazos correspondentes podedes consultar a convocatoria neste enlace á convocatoria 2022/23.

¿Que horarios hai?
Información completa horarios curso 22-23.
Resumo:
En horario de tarde a formación desenvólvese durante dous cursos (Básico e Superior). Consta de 10 horas semanais de obradoiro repartidas en dúas tardes e coas  asignaturas complementarias de Debuxo e de Historia da serigrafía e das técnicas de impresión.
En horario de mañá a formación desenvólvese durante tres cursos (Iniciación, Perfeccionamento I e Perfeccionamento II). Consta de 4 horas semanais de obradoiro, impartidas os venres.


Visítanos Carlos Núñez con "De gaiteiro a gaiteiro" baixo o brazo [CAIM GAITA]

Esta semana,co gallo da presentación do seu próximo libro, recibimos a visita de Carlos Núñez e o seu irmán Xurxo, un reencontro entrañable despois de moitos anos, no que lembramos aqueles anos oitenta e principios dos noventa, cando aquel rapaciño de apenas 13 anos entrou no noso obradoiro por primeira vez, quedando atrapado de tal maneira que se converteu na súa segunda casa.

mércores, 22 de xullo de 2020

Presentación da especialidade Artesanía en Coiro [COIRO]


¿Quen somos?
Somos a especialidade de Artesanía en Coiro da Escola Municipal de Artes e Oficios do Concello de Vigo, a EMAO. Somos un centro de formación non regrada para adultos onde a partir dos 16 anos se pode cursar a especialidade, que ten dous itinerarios:
-Itinerario de Mañá: 1 clase á semana de catro horas de duración, durante tres cursos (Iniciación, Perfeccionamento 1 e Perfeccionamento 2).
-Itinerario de Tarde: 2 clases á semana de 5 horas de duración (10 horas semanais), durante dous cursos (Básico e Superior).

Tanto nun itinerario como noutro, unha vez que se remate, pódese acceder voluntariamente ó nivel Avanzado, no que se desenvolve un proxecto aprobado previamente durante un curso.

Presentación da especialidade: DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS [ENCAIXE DE PALILLOS]


Presentación da Especialidade de DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS [ENCAIXE DE PALILLOS]

Que é o que podedes aprender realizando a especialidade de DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, EMAO?

Calendario Azteca realizado coa técnica do Encaixe de palillos, deseño e realización de Natalia Costa

Dende a escola Municipal de artes e oficios de Vigo queremos dar unha visión distinta do que todos podemos ter na cabeza do que é facer de encaixe de palillos, xa que o deseño e a creatividade son o noso punto de distinción como obradoiro artistico.


Algunhas Efémerides do 22 de Xullo: Edward Hopper e Alexander Calder [BIBLIOTECA]

Tal día como hoxe, un 22 de xullo, nacían dous grandes artistas, Edward Hopper no ano 1882 e Alexander Calder en 1898. 

Edward Hopper
Alexander Calder

luns, 20 de xullo de 2020

El Taller, Impresiones Serigráficas [SERIGRAFÍA]

Viviana e Alejandro son dous apaixonados do oficio serigráfico e así o amosan día a día cos seus traballos no obradoiro El Taller Impresiones Serigráficas. Cabe destacar a súa enorme xenerosidade ao compartir en redes sociais os procesos de elaboración que demostran a experiencia de 20 anos de profesión, na nosa aula somos moi fans. Tíñamos preparada unha charla con eles no programa didáctico Venres na Emao que tivo que ser aprazada, como xa sabedes, polo confinamento. Desexamos voltar a reunirnos con eles no curso próximo.
No seu taller fan un servizo personalizado que permite imprimir produción sen mínimos axustándose ás necesidades do cliente e asesorando dende o deseño, a preimpresión a parte técnica (tintas, acabados, etc.). As súas impresións destacan por ser manuais, baseadas na serigrafía tradicional e artesá.

Monográfico: Pregaduras [DEBUXO]

En xullo de 2017 no obradoiro de Debuxo realizamos un monográfico específico de debuxo de pregaduras. Foron 30 horas que deron para moito. A idea era indagar na evolución da representación das mesmas na historia da arte, de coñecer algúns recursos e da posta en práctica dos mesmos debuxando do natural. Os contidos do monográfico resumíanse nos seguintes puntos:
• EVOLUCIÓN O LONGO DA HISTORIA
• ELEMENTOS GRÁFICOS
• PRÁCTICA DE TÉCNICAS
• OBSERVACIÓN E PRÁCTICA A TRAVÉS DE LÁMINAS
• PRÁCTICAS CON ESCENARIOS REAIS

A idea partira dun debuxo que sempre poño como exemplo cando tocamos este tema: As almofadas de Durero realizadas con tinta e pluma.


As almofadas de Durero

xoves, 16 de xullo de 2020

A Biblioteca Encadeada da Catedral de Wells [BIBLIOTECA]

Catedral de Wells, Somerset (Reino Unido)

A partir do século XII a biblioteca deixa de ser un mero depósito de libros e vaise convertendo nun lugar de lectura. Isto ocorre sobre todo nos conventos de novas ordes relixiosas (franciscanos, dominicos, agostiños, carmelitas, etc.). Trátase de espazos de uso permanente e exclusivo para a lectura e o traballo intelectual. Adoitan ser salas espazosas, con numerosas xanelas e abundante luz, situadas no claustro ou en edificios anexos, provistas de armarios e pupitres, onde os libros se encadean ao pupitre ou a unha barra de ferro, para evitar as subtraccións.
As bibliotecas catedralicias desenvolvéronse así mesmo na Baixa Idade Media, e contiñan libros de culto e do ensino que se impartía nas catedrais. Cando eran poucos, os libros colocábanse no coro, a sancristía ou a sala capitular. Estas bibliotecas foron aumentando os seus fondos con doazóns de bispos e cóengos; ao aumentar estes fondos adaptáronselles habitacións especializadas no claustro, con armarios, bancos, atrís e libros encadeados.


mércores, 15 de xullo de 2020

A relación da talla en madeira e a xilografía como linguaxes expresivas (parte 6) [TALLA E ESCULTURA]


Os primeiros artistas gravadores da madeira e as súas alucinantes estampas


Estampa do libro Crónica de Nüremberg

É a partir do século  XV e  XVI cando aparecen os primeiros artistas  talladores como autores da súa obra e non como reprodutores da obra de debuxantes que encargaban os seus ferros a artesáns da madeira. É neste momento cando a talla de madeira e as xilográficas convértense nunha arte demandada e cotizada por editores que buscaban a excelencia nas estampas dos seus marabillosos volumes.


luns, 13 de xullo de 2020

Moku hanga [SERIGRAFÍA]

A impresión xilográfica en Xapón, moku hanga, é unha técnica que sobre todo se coñece polo seu uso no xénero artístico do ukiyo-e e aínda que similar ao gravado xilográfico occidental nalgúns aspectos, o moku hanga diferénciase porque se usan tintas baseadas na auga (en contraposición á xilografía occidental, que usa tintas baseadas no aceite), o que permite unha ampla gama de cores intensas, degradadas e a transparencias. En post anteriores neste blog fixemos un leve percorrido histórico polo ukiyo-e e mollámonos coa onda de Hokusai, seguindo nesa onda tomarémola de exemplo para amosar como se facía o moku hanga da man do artesáns Niinomi Morichika e Nakata Noboru.

A Imprenta e o Libro no Século XVI [BIBLIOTECA]

 Fondo histórico da Biblioteca Pública García Barbón-EMAO

Retomamos hoxe o tema da historia do libro e a imprenta que xa iniciaramos en anteriores entradas do blog, Invención e Difusión da Imprenta, Introdución da Imprenta en España e O libro en España no Século XV.
Durante o século XVI o libro vai adquirindo a aparencia externa que conserva ata os nosos días. Inicialmente, ata mediados do século, o libro impreso conviviu co manuscrito; con todo, as obras foron adquirindo características que as ían diferenciando dos incunables:

Ferramentas para traballar o Coiro e II (Repuxado) [COIRO]

Comezamos hoxe cun repaso ás ferramentas que empregamos para decorar o Coiro cunha técnica sen dúbida senlleira da nosa Escola, o Repuxado.

Plastilina
O material sobre o que imos traballar é a plastilina, pódese empregar calquera, nós a que estamos a empregar na Escola é esta; as de cores tamén se poden empregar pero nalgunha ocasión tivemos alguna problema con manchas na flor do Coiro, así que dende aquela empregamos preferiblemente de cor branca. Existen outras, como por exemplo ás da marca Play-Doh, que son biodegradables con máis facilidade; nós desaconsellámolas xa que coa auga de mollar o coiro poden apodrecer.

Como substituto deste material pódese empregar tamén pasta de modelar, pero non se podería reutilizar. Puntualmente e para algunhas pezas determinadas na Escola tamén empregamos poliespán ou cartón pluma.

venres, 10 de xullo de 2020

Presentación da especialidade de CAIM Gaita [CAIM GAITA]

Visitas escolares
Logo do parón das ensinanzas presenciais, obrigado polo COVID-19, atopámonos preparando o comezo do próximo curso, con especial atención ás medidas de prevención da saúde, coa pretensión de ofrecer as nosas ensinanzas nun entorno seguro e de protección, tanto para alumnos como para todo o persoal da escola.
Aínda que para o próximo curso se prevé unha menor oferta de prazas debido á repetición de curso do alumnado que xa estaba matriculado na especialidade e perdeu a maior parte do curso presencial, esta é unha situación conxuntural que esperamos desapareza nos vindeiros cursos.

xoves, 9 de xullo de 2020

Presentación Especialidade de Ourivaría [OURIVARÍA]

Neste artigo explicaremos que é e que podedes aprender realizando
a especialidade de Ourivaría na Escola Municipal de Artes e Oficio de Vigo,
para elo imos comezar polo principio ;D

Ourivaría 
é unha palabra que procede do latín "Auri faber" e que se refire
ao artesán do ouro. 


Segundo a Real Academia Galega, ourivaría é a 
"arte de traballar os metais preciosos para facer xoias, obxectos de adorno ou de culto, 
útiles para as casas nobres, etc".

Polo tanto un ourive é o "facedor de obxectos de todo tipo, que manipula o ouro e calquera outro material empregando as mesmas ferramentas e con diversas técnicas" 
como expresa Carles Codina no seu libro “Orfebrería”.

Todas estas definicións podemos completalas dicindo que a
Ourivaría é
unha actividade artística que emprega como materiais de construción os metais preciosos pero tamén outros metais base e tamén distintas materias primas (xemas preciosas, esmaltes, madeira, etc), aplicando no proceso creativo diversas técnicas e procedementos metalúrxicos e creativo-artísticos. 

Curso 2020-21: Ábrese o prazo para solicitudes de novo ingreso na EMAO [ADMINISTRACIÓN]

ÁBRESE A CONVOCATORIA DE PRAZAS PARA ALUMNADO DE NOVO INGRESO NA ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS CURSO 2020-21

O comezo do curso 2020-21 quedou condicionado pola interrupción das actividades docentes en marzo como consecuencia da crise provocada pola pandemia COVID-19. Esta circunstancia motivou a decisión de que todo o alumnado matriculado no curso que quedou incompleto, poidan repetir o mesmo curso no que estaban inscritos e, consecuentemente, provocou unha redución das prazas vacantes para o alumnado de novo ingreso.
As prazas de novo ingreso que se ofertan para este curso son as máximas que admite a relación entre alumnos xa matriculados e capacidade máxima de cada aula/taller no escenario da nova normalidade.

Unha vez rematado o prazo de confirmación de matrícula para o alumnado que xa estaba matriculado no curso 2019-20  --que repetirá curso-, a Escola Municipal de Artes e Oficios publica as prazas que quedan vacantes nas especialidades e niveis que se imparten neste Centro e abre o prazo para a preinscrición de alumnado de novo ingreso na EMAO para o curso 2020-21.

As prazas de novo ingreso que se ofertan están en dúas categorías *:
  1. Prazas para alumnado de novo ingreso nos cursos Básico (tardes) e de Iniciación (mañás): destinadas a persoas sen coñecementos previos que queren iniciarse nalgunha das especialidades que oferta no curso 2020-21 a EMAO.
  2. Prazas para alumnado de novo ingreso para os niveis superiores ás que se pode acceder mediante convalidación de estudos ou coñecementos previos dos solicitantes: destinadas a persoas que poden acreditar coñecementos específicos na especialidade na que se queren matricular, que serán valorados pola EMAO mediante valoración do currículum e, se é o caso, mediante unha proba específica de coñecementos. Este accceso pode ser aos niveis Medio, Superior e Avanzado.  O acceso ao nivel Avanzado está destinado a persoas con altos coñecementos na especialidade, que desexe desenvolver durante un ano un proxecto no taller correspondente da EMAO baixo a titoría do mestre/a
(*) Importante consultar a oferta de prazas de 1. e de 2. e os horarios das distintas especialidades e niveis

Prazo: do 9 de xullo ao 4 de setembro para a admisión de solicitudes de pre-inscrición para alumnado  de novo ingreso e do de convalidación para acceso a cursos superiores. Só se pode realizar por internet.
  1. As solicitudes de novo ingreso nos cursos Básico (tardes) e de Iniciación (mañás) realízase só online cubrindo este formulario 
  2. O novo ingreso por convalidación para niveis Medio, Superior e Avanzado (horario tardes) e de Perfeccionamento (horario mañás) será exclusivamente por correo electrónico, seguindo as indicacións do apartado 3 da Convocatoria xeral do curso 2020-21 [número máximo de prazas ofertadas aquí]
O inicio do curso adiántase en 15 días e dará comezo o día 14 de setembro, a diferencia de anos anteriores que comezaba a principios do mes de outubro.

mércores, 8 de xullo de 2020

48. Antón Lamazares. Cap.1. Falar en tempos de cólera [PINTURA]

Antón Lamazares (Maceira, Lalín, 1954):
Poeta e pintor cuxas obras, realizadas sobre madeira e cartón, crean unha linguaxe propia a partir da experimentación con vernices e outras materias.
O seu estilo evolucionou dende un inicial expresionismo cara ao informalismo e á abstracción cunha deriva minimalista.
No seu traballo acolle o diálogo entre alma, memoria, sensualidade, espiritualidade, onirismo e poesía.


Ukiyo-e [SERIGRAFÍA]

Os primeiros Ukiyo-e , "pinturas do mundo flotante" ou "estampas xaponesas", apareceron no século XVII na cidade de Edo (actual Tokio). Trátase de xilografías de gran expresividade que tratan de amosar o efémero, fugaz e transitorio da vida da época nun mundo que flúe, de aí o nome de pinturas do mundo flotante. O ukiyo-e era accessible posto que grazas a técnica xilográfica podía ser producido de forma económica e masiva e polo tanto chegar a gran cantidade de público. 
Hiroshige, intermedio de kabuki, 1820

Roberto Lugo [CERÁMICA]


Roberto Lugo comezou a súa carreira como artista de grafiti antes de descubrir a cerámica. Ceramista, activista social, poeta e educador estadounidense. Lugo utiliza a porcelana como o seu medio de expresión, iluminando a súa superficie aristocrática con imaxes de pobreza, desigualdade e inxustiza social e racial. As obras de Lugo son mesturas multiculturais, formas e técnicas tradicionais de porcelana europea e asiática  reinventadas cunha sensibilidade rueira do século XXI, onde o hip-hop xoga un papel importante. Lugo recibiu o Premio Roma e a bolsa Pew Fellow en 2019. A súa obra está representada nas coleccións permanentes do Museo de Arte do Condado de Los Ángeles, o Museo de Arte de Filadelfia, o Museo de  Brooklyn e o Museo de Arte Walters, entre outros.

Proposta baixo o sol [DEBUXO]



Unha das cousas fantásticas que ten a práctica do debuxo é que se pode desenvolver en calquera lugar. Con un pequeno kit de praia e baixo un parasol podemos tomar apuntamentos do natural e exercitar a retentiva mentres gozamos da brisa mariña. Despois de tres meses confinados penso que merecemos que o noso espírito se nutra do aire e do sol. Pero tamén pode ser momento para estimular o noso ollo e exercitar a nosa man. Divertimento asegurado.



Encaixe de palillos ou a liberdade do confinamento. Cap 42. ASI FOI O MONOGRÁFICO DE VERÁN CON OURIVARIA [ENCAIXE DE PALILLOS]

Monográfico de verán no 2018: Mar de Latón e Fío (Aula de Deseño e Encaixe de palillos e Ourivaría)

Dende as aulas de Deseño e encaixe de palillos e Ourivaría xuntamos creatividade para facer este monográfico conxunto.

Mar de latón e fío achegou a todos os alumnos ao mundo do encaixe de palillos e a ourivaría dunha forma divertida e sinxela, cuns resultados espectaculares, relacionando e poñendo enriba da mesa a importancia da transversalidade que ofrece esta escola

Dende este blog mostrámosvos o proceso de traballo e os resultados finais que nos encantaron e que estiveron expostos na entrada da Emao en setembro do curso 18/19.

Grazas a Sandra de Jesús (profe de ourivaría), Mª Jesús (biblioteca) e todos os que participastes.

Deixámosvos co proceso de traballo e os resultados finais deste, Mar de latón e fío, de verán, que nun tempo record aprendemos a traballar con dúas especialidades complexas pero a motivación foi tan boa que saíron proxectos tan magnificos como os que ides ver.

As primeiras ideas. O bosquexo


martes, 7 de xullo de 2020

47. Frederic Amat. Viaje a la luna. Cap. 3. Hablar en tiempos de cólera [PINTURA]

Frederic Amat i Noguera (Barcelona 1952):
Pintor multidisciplinar, de larga proyección internacional.
Su concepción abierta de arte, le ha llevado a integrar en su trabajo creativo múltiples lenguajes artísticos: escenografías y dirección de danza y teatro, cine, intervenciones en espacios arquitectónicos, escultura y cerámica.
La creación para él, es una actitud de vida…interpelar el enigma.


A relación da talla en madeira e a xilografía como linguaxes expresivas (parte 5) [TALLA E ESCULTURA]


Ex Libris

Pequenas xoias gravadas


Ex libris pertencente á familia Brandenburg

 Os exlibris volven estar de moda. Calcúlanse uns 10.000 coleccionistas en todo o mundo que se encargan de preservar esta antiga arte. 
Dende a antigüidade ata os nosos días a estampa como marca, selo (familiar, institucional, dinástico...) coa que aqueles lidos ou que posuían grandes cantidades de libros querían deixar clara a súa pertenza, utilizando unha marca que os identificase como da súa propiedade e déixase testemuño do seu amor polos libros. Así se crearon estas pequenas obras de arte que grandes artistas realizaron ao longo da historia.


Ferramentas para traballar o Coiro I [COIRO]

Como xa falamos nos nosos encontros virtuais para evitar os problemas que tivemos neste curso co confinamento e a falta de material e ferramentas, fai falla que os nosos alumnos vaian preparando un pequeno kit de ferramentas para poder traballar na casa e así que non pare o ritmo de traballo durante o curso.
Imos comezar a partir de hoxe unha serie de entradas neste blog coas que pretendemos amosar as diferentes ferramentas para traballar as diferentes técnicas que estamos a aprender no curso.

Obradoiros Infantís de Verán no MARCO [BIBLIOTECA]


Cara a FÓRA, cara a DENTRO

OBRADOIROS INFANTÍS DE VERÁN
 
Durante este mes de xullo, o MARCO ofrece un programa especial de obradoiros de verán dirixidos a público infantil de entre 6 e 12 anos. A proposta está deseñada tendo moi en conta as normas e medidas sanitarias de seguridade e protección post Covid-19.

As actividades, que terán lugar ao aire libre (praza peonil posterior) complétanse con percorridos específicos por espazos interiores e polas exposicións de Manuel Colmeiro e Yolanda Herranz.
Se ben cada sesión é independiente, o programa e contidos articúlanse ao redor de catro fíos temáticos: espazos exteriores/interiores, retratos/autorretratos, obxectos animados, e relatos/comunicación.

luns, 6 de xullo de 2020

TINGLÃO / AHLIPÚS: Exposición Cerámica no SVT Espacio de Arte-Sirvent [BIBLIOTECA]


ARTISTAS: Chelo Matesanz / Emilia Guimeráns / Miguel Vázquez / Peri Helio / Pilas de Borbón / Shoji / Teresa Irisarri / Toño Pérez / Tubi Portas / Ventura Pérez.

Tras a obrigada paréntese destes meses de confinamento, volve a actividade a SVT Espazo de Arte. Será o vindeiro xoves, 9 de xullo ás 19:00 h, coa exposición colectiva TINGLÃO / AHLIPÚS.

Da man da ceramista Emilia Guimeráns, o obradoiro cerámico vigués TINGLÃO foise conformando un núcleo de actividade artística e experimentación plástica, no que, desde hai varios anos, numerosos artistas e creadores atoparon os medios materiais, e souberon forxar as ferramentas conceptuais, para desenvolver uns traballos que rompen moldes e abren novos camiños ás prácticas artísticas. Un espazo no que se desafían categorías preconcibidas: arte e artesanía, expresión e utilidade, deseño e creación, forma e función.
O resultado visible nesta exposición é un conxunto de pezas cerámicas, todas únicas e cada unha excepcional, que escapan a calquera intento de clasificación.
No que se refire á nosa escola, destacaría a participación nesta exposición de Miguel Vázquez, mestre da especialidade de cerámica artística e de dous antigos alumnos como Toño Pérez e Shoji. O que unha vez máis vén sinalar o nivel dos ensinos impartidos neste obradoiro.

venres, 3 de xullo de 2020

46. Frederic Amat. Tinta como sangre. Cap. 2. Hablar en tiempos de cólera [PINTURA]

Frederic Amat i Noguera (Barcelona 1952):
Pintor multidisciplinar, de larga proyección internacional.
Su concepción abierta de arte, le ha llevado a integrar en su trabajo creativo múltiples lenguajes artísticos: escenografías y dirección de danza y teatro, cine, intervenciones en espacios arquitectónicos, escultura y cerámica.
La creación para él, es una actitud de vida…interpelar el enigma.




Alicia II. Sir John Tenniel [DEBUXO]

Alicia no país das marabillas é un tesouso da fala inglesa e un clásico da literatura universal.  Foi escrito por Lewis Carroll, ou mellor dito polo Reverendo Charles Lutwidge Dodgson... aínda que o reverendo insistía en que el e Carroll eran personalidades diferentes... unha sorte de duplicidade aceptada, incluso buscada polo excentrico reverendo. Ademais o reverendo Dodgson era poeta, gran escritor e coleccionista de cartas, fotógrafo, matemático... e estaba moi interesado polos fenómenos psíquicos. A esta personalidade tan enxeñosa tocoulle vivir na época victoriana, gran momento de esplendor para o imperio británico, comandado pola raiña Victoria, e gran momento para a súa literatura... Dickens, Brontë, Wilde... momento no que Londres era a capital do mundo, sendo a cidade máis poboada ata que foi superada por NY en 1925.f
Alicia é unha obra grande, difícil de encaixar nun xénero literario. Como di Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro na introdución da Alicia de 1984 para a ed. Xerais:  "...deixando a cuestión da forma, o material imaxinativo non ten tampouco precedentes, nin a ausencia de moralexas. Tense insistido moito neste último contraste con toda a literatura infantil anterior e gran parte da seguinte" ... " Alicia é ... "outra cousa" da literatura.

Lewis Carroll

mércores, 1 de xullo de 2020

Denise Wren [CERÁMICA]


Denise Wren (1891-1979) foi unha ceramista pioneira e unha das primeiras mulleres oleiras de estudo no Reino Unido, pero ademais doutras clases no Camberwell College of Art en 1922, foi en gran parte autodidacta.
Hoxe o seu traballo está en coleccións como o V&A, o Crafts Study Center de Farnham, York Art Gallery e a Universidade Aberystwyth. Un dos seus tarros foi exhibido recentemente na exposición 'Things of Beauty Growing' no Museo Fitzwilliam de Cambridge.
No Kingston Museum hai un gran arquivo da súa obra, xenerosamente doada pola súa familia,que inclúe cerámica, deseños, fotografías, cadernos e escritos.
Devastados pola perda do seu mentor, Wren e os seus compañeiros fundaron a Confraría de Deseño e Artesanía de Knox (1912-1935), que foi o que defendeu a filosofía da arte de Knox. O gremio vendeu o seu traballo desde unha sala de exposicións no Kingston Market Place e realizou exposicións anuais na Galería de arte do Museo do Kingston, ademais de tres exposicións na Galería Whitechapel no leste de Londres durante os anos vinte.
En 1920 Wren e o seu marido Henry mercaron uns terreos en Oxshott, Surrey, e construíron a súa casa que se planificou como un espazo de traballo / vida onde puidesen producir as suas cerámicas.

Encaixe de palillos ou a liberdade do confinamento. Cap 37. BENVIDOS A MÁQUINA (parte 2) [ENCAIXE DE PALILLOS]

Continuamos cun tema moi interesante como é o encaixe mecánico ou dixital.

Hoxe en día a maquinaria industrial realiza a maioría do tecido encaixe do mundo, a man humana non puido conseguir a velocidade coa que traballa unha máquina encaixeira. É complicado chegar a esas velocidades de piloto de carreiras. Pero se algo a máquina non soubo facer é conseguir a finura e o artístico da man, xa que a maioría dos encaixes que podemos atopar a un prezo alcanzable o seu fío é plástico (polyester), é unha filatura sintetica que resiste a velocidade da máquina. Fronte a iso a man humana segue producindo tecidos excelentes e únicos con fibras naturais que desde o antigo Exipto se mantiveron no tempo, como o liño e a seda, entre outras.


Madeiras: Cedro Vermello (Thuja Plicata) [CAIM GAITA]

Cedro Vermello (Thuja Plicata)

Preguntarédesvos por que falamos aquí desta madeira se nós non a empregamos no noso traballo
Ben, pois resulta que esa é unha verdade a medias, certo é que nas gaitas ou nas requintas non a usamos para nada, pero o pito leva unha peza dentro da boquilla chamada pistón ou bloque, que é a que conforma a canle do vento e o dirixe cara ao bisel. Pois esa peza faise sempre cunha madeira de densidade e dureza moi inferior á do instrumento. Para este fin empréganse distintos tipo de madeiras, como a pereira ou outras froiteiras, pero a mellor e máis recomendada polas súas características é o cedro.