luns, 13 de xullo de 2020

A Imprenta e o Libro no Século XVI [BIBLIOTECA]

 Fondo histórico da Biblioteca Pública García Barbón-EMAO

Retomamos hoxe o tema da historia do libro e a imprenta que xa iniciaramos en anteriores entradas do blog, Invención e Difusión da Imprenta, Introdución da Imprenta en España e O libro en España no Século XV.
Durante o século XVI o libro vai adquirindo a aparencia externa que conserva ata os nosos días. Inicialmente, ata mediados do século, o libro impreso conviviu co manuscrito; con todo, as obras foron adquirindo características que as ían diferenciando dos incunables:

  • Formatos máis pequenos e manexables.
  • A xeneralización do uso da portada que incluían o título e un pé de imprenta cos datos do impresor e, en ocasións, do vendedor. Fixéronse populares os emblemas editoriais, orixe dos logotipos actuais.
  • A tipografía redonda ou romana, fundamentalmente en Italia e Francia, aínda que en Alemaña seguiríase utilizando a letra gótica. Tamén apareceu a letra cursiva, denominada itálica ou griffa.
  • Emprego da calcografía ademais da xilografía nas ilustracións.
  • Encadernación e decoración renacentistas con motivos heráldicos, medallóns, candelabros, etc. Xurdiron obradoiros específicos que ofrecían diversas técnicas e calidades, como marroquinería, encadernación estampada con roda, padróns de cartón, etc.
O século XVI supuxo a consolidación definitiva da imprenta,que se asentou como industria en toda Europa e chegou a América. Os talleres deixan de ser itinerantes e establécense nas cidades. No comercio do libro, xunto ao impresor comeza aparecer a figura do comerciante libreiro. Crece o número de edicións, as tiradas aumentan e as linguas vernáculas van gañando terreo ás clásicas dirixíndose a produción non só a homes de igrexa, nobreza e profesores senón tamén a profesionais do dereito, médicos e comerciantes.
Cando en 1517 Lutero proclamou as súas teses, fíxoo cravando unha copia impresa na porta da igrexa de Wittenberg. Imprimíranse en alemán e en 15 días toda Alemaña dispoñía delas. Grazas á imprenta de tipos móbiles os talleres produciron por miles os folletos e libros de Lutero que tivo na imprenta unha gran aliada.

Martín Lutero e as súas noventa e cinco teses

A resposta da Igrexa católica á reforma protestante de Martín Lutero ten o seu fito máis significativo no Concilio de Trento, celebrado no ano 1545, no que respecta a a imprenta e aos libros, o Vaticano crea a Sacra Congregación do Índice que sobreviviu ata 1966, o obxectivo foi crear unha relación ou índice de libros cuxa lectura estaba prohibida aos católicos. Coñécese como "Index librorum prohibitorum". A censura exercida pola Iglesia provoca a emigración, desterro, encarceramento e mesmo a morte dalgúns impresores, libreiros e autores, a aparición de pés de imprenta falsos e que moitos autores publiquen as súas obras no estranxeiro.
Este século é tamén a época dos grandes impresores humanistas que editan simultaneamente autores clásicos e obras científicas. Destacan as figuras de Aldo Manuzio, Cristóbal Plantino, Badius Ascensius, Froben de Basilea, os Estienne e Sébastien Gryphe.



Aldo Manuzio o Vello estableceu o seu taller en Venecia en 1494. En 1499 dá a luz a soada Hypnerotomachia Poliphili de Francesco Colonna. Un curioso libro simbólico nunha linguaxe semilatina (mestura de varias linguas) e marabillosamente ilustrado. Considérase, de feito, o máis belo libro ilustrado da imprenta incunable europea. Aos poucos, xa no século XVI introduce novidades importantes no mundo editorial e na manufactura dos libros. Foi o primeiro en editar aos clásicos latinos en formato pequeno para cuxa impresión houbo de crear unha tipografía especial que se deu en chamar aldina, consistente en caracteres estreitos e inclinados cara á dereita a fin de poder incluír máis texto en cada páxina. Estas edicións aldinas son famosas en toda Europa. O seu lema é unha áncora e un golfiño coa lenda “festina lente”, é dicir “apresúrate amodo”. O seu fillo e posteriormente o seu neto continuaron o seu labor impresor, razón pola cal se coñece habitualmente como “Aldo o vello”

Fondo histórico da Biblioteca Pública García Barbón-EMAO
Fondo histórico da Biblioteca Pública García Barbón-EMAO

Outro gran impresor humanista do Renacemento foi Cristóbal Plantino, encadernador e impresor establecido en Amberes, onde creou unha próspera empresa editorial que colocou os seus libros en Alemaña, España e Inglaterra. Editou misais, breviarios e outros libros litúrxicos ademais de atlas de gran formato, obras de botánica, libros de emblemas, edicións de clásicos e de literatura francesa.
Plantino deu lugar á aparición dunha dinastía de editores, a súa imprenta en Amberes, denominada Officina Plantiniana, consérvase convertida en Museo Plantin-Moretus. En total a súa produción excede as 1500 edicións, que exhiben a súa marca de impresor: unha man cun compás e o lema "labore et constantia". Destaca na súa produción a Biblia Sacra, tamén chamada Biblia Políglota de Amberes (1569-1573), que imprimiu para Felipe II baixo a dirección científica do humanista español Benito Arias Montano, en cinco linguas e oito volumes in-folio. Foi nomeado por iso architipógrafo rexio por Felipe II.
En Francia os libros publicados foron de gran calidade, ademais introduciron novos tipos creados por artistas de prestixio como Robert Granjon ou Claude Garamond que crea os tipos que hoxe en día levan o seu nome. Os principais centros impresores son Paris e Lyon. En Paris imprímense libros para os universitarios, mentres que en Lyon destaca a familia Estienne e Sébastien Gryphe. Pero o gran impresor e editor humanista é Geoffroy Tory, coa súa obra máis famosa: Champfleury (1529), especie de tratado sobre a caligrafía onde expón as súas ideas sobre a caligrafía e a gramática. A súa marca foi un testo roto e os seus libros eran afamados pola calidade da súa impresión e a elegancia da súa decoración.


Fondo histórico da Biblioteca Garcia Barbón-EMAO

Fondo histórico da Biblioteca Garcia Barbón-EMAO

En Alemaña a edición de libros tivo unha grande influencia na difusión da Reforma, como antes dixemos. Publicáronse gran cantidade de libros e folletos, coa finalidade de chegar a múltiples capas da poboación lectora, converténdose así en instrumentos de uso cotián, sobre todo, a Biblia en lingua vernácula. Sobresaíron cidades con tradición impresora, como Estrasburgo, e novas, como Wittenberg, o primeiro impresor desta cidade é Johann Grunenberg que se iniciou sen recursos para atender a crecente demanda de obras do reformador. Apareceu un segundo taller ao cargo de Melchior Lotter, que imprime a tradución do Antigo Testamento ilustrada con 21 gravados. Hans Lufft leva a cabo a primeira impresión completa da Biblia de Lutero, publicada na cidade de Wittenberg en 1534. Esta edición estaba formada por dous volumes en cuarto, e contaba cos gravados a toda cor de Lucas Cranach. Naceron as famosas Feiras do libro de Frankfurt, gran centro editorial católico, e de Leipzig, centro protestante, que sucedeu en importancia á cidade anterior ata despois da II Guerra Mundial.


En Suíza destacaron as cidades de Xenebra, refuxio de impresores reformistas franceses e ingleses, e de Basilea, con Johann Froben, cuxo taller serviu a Erasmo para difundir as súas ideas e fixar os textos antigos. Salvo algunha obra en alemán, toda a súa produción foi en latín e grego. Foi o único impresor desta cidade que se mantivo dentro da Igrexa católica.

A imprenta e o libro en España no século XVI

O libro español imprégnase de humanismo e súmase ás diversas e, moitas veces, contraditorias correntes intelectuais dun século que se debate entre a tradición e a renovación na ciencia, a cultura e a relixión.  Nos libros españois do século XVI, o gusto polas novidades do Renacemento, portadas arquitectónicas e orlas platerescas, convive cun certo primitivismo que está á marxe das experimentacións contemporáneas de Aldo Manuzio coa letra itálica e moi apegado á tradición nacional.
As imprentas españolas, nos máis de cincuenta anos ao longo do século e, aínda con excepcións,  modestas na súa maioría, careceron de recursos económicos e capacidade de produción para competir cos poderosos talleres de Alemaña, Italia, Francia e os Países Baixos. Traballaron, principalmente, para o mercado nacional e destacan as dedicadas ao mundo universitario en Alcalá e Salamanca ou as establecidas en cidades prósperas como Sevilla, Zaragoza ou Valencia.
En Salamanca destacan os impresores Andrea de Portonariis, os Giunta, os Canova e os Terranova, en Sevilla, Juan Varela, Doménico de Robertis y Cromberger, en Toledo, Ramón de Petras, en Barcelona, Rosenbach, en Burgos, Alfonso Melgar, en Zaragoza, Jorge Coci e Pedro Hardouyn, en Valencia, Juan Jofre e Juan Mey, en Valladolid, Nicolás Tierry, Juan de Villaquirán, Fernando de Córdoba e Diego Gumiel, etc.

Fondo histórico da Biblioteca Garcia Barbón-EMAO

Durante o século XVI, o comercio do libro na Coroa de Castela desenvólvese fundamentalmente en dous grandes centros: Salamanca e Medina del Campo. Neles levan a cabo dúas actividades complementarias: a produción e a distribución de impresos. Medina del Campo é o gran centro comercial onde están instalados os máis importantes mercadores de libros e onde se achan os maiores depósitos de papel. Grazas a esta rede de libreiros e á súa poderosa infraestrutura, a vila convértese no máis destacado centro de importación de obras impresas procedentes do estranxeiro que chegan en resmas e sen encadernar.
Respecto á actividade impresora, Medina del Campo non chega a coñecer a importancia e resonancia internacional alcanzada polo comercio e distribución de libros, con todo cabe situala ao mesmo nivel alcanzado por cidades de longa tradición impresora como Valladolid, Burgos, Zamora, Alcalá de Henares ou Toledo.
Con todo e a pesar desta singular situación, na España do século XVI producíronse algunhas das obras máis meritorias da historia universal do libro. Entre elas destaca a Biblia Políglota Complutense, un dos cumes do humanismo español. Impresa por encargo do Cardeal Cisneros, conseguiu conciliar todos os saberes teolóxicos e filolóxicos da época desde un prisma da modernidade que supera o medievalismo imperante.

Biblia políglota complutense
 
Cisneros encomendou a preparación dos textos a expertos filólogos, que traballaron sobre os mellores manuscritos. Ademais é un monumento da arte tipográfica pola complexidade, perfección e beleza dos seus tipos, estrutura e composición, converténdose na obra mestra do seu impresor Arnao Guillén de Brocar, chamado a Alcalá por Cisneros, por mediación de Antonio de Nebrija, para traballar como impresor universitario. Publicouse entre 1514 e 1517 en seis volumes.

Por último lembrar que no século XVI instálase a primeira imprenta en territorio americano que chegou desde España. Concretamente foi instalada en México, grazas ao impresor sevillano Juan Cromberger, que enviou ao seu oficial impresor italiano Juan de Pablos (Giovanni Paoli) despois das xestións e permisos pertinentes do vicerrei Antonio de Mendoza e do bispo Juan de Zumárraga. Segundo contan os historiadores, a imprenta situouse un 25 de setembro de 1539 no edificio coñecido como Casa das Campás.

Temas relacionados:
Invención e Difusión da Imprenta
Introdución da Imprenta en España
O libro en España no Século XV

Fontes:
Del libro español del siglo XVI Historia del Libro en Europa
La historia del Libro a través de las colecciones de la Universidad Complutense
El libro antiguo /José Luis Checa Cremades.-- Madrid: Acento Editorial, cop., 1999
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!