venres, 3 de abril de 2020

O Libro en España no Século XV [BIBLIOTECA]



Xa comentaramos en entradas anteriores o libro impreso constitúe un paso máis na historia da forma do libro. Os primeiros libros saídos da imprenta no século XV aínda imitaban os códices en canto a formato, encadernación, reservas para as iniciais, etc. Tamén debemos lembrar que antes de utilizarse a impresión con tipos móbiles, imprimíronse outros libros mediante a técnica xilográfica de orixe chinesa. 
Durante o século XV déronse en toda Europa os chamados libros bloque ou libros xilográficos. Neste tipo de libros, cada páxina tallábase nunha táboa de madeira (tanto o texto como os gravados). Con este método as páxinas non podían ser moi numerosas e era moi complicado tallar textos longos polo que abundaba a imaxe sobre o texto. Era raro o libro bloque que superaba as 50 páxinas. Parece que deixaron de existir nos anos 50 do século XV, coa aparición da imprenta. En España non chegou ata nós ningún libro xilográfico. 
En todo o século XV houbo talleres en trinta localidades cunha produción desigual, con grandes centros (cidades universitarias e importantes arcebispados ou bispados), e con outros que deron á luz un puñado de edicións froito de encargos. 
Moitos impresores foron chamados por autoridades civís e relixiosas, de feito a metade das primeiras imprentas foron impulsadas pola Iglesia, que viu como este dispositivo facilitaba a multiplicación de textos litúrxicos e catequéticos, entre outros. 

Os Reis Católicos concederon, desde 1477, exención de impostos a libreiros e impresores para a importación de libros, o que elevaron a lei nas Cortes de Toledo de 1480. A súa política fiscal favorable sumouse ao fomento da edición mediante a concesión de exclusivas para a impresión de libros, dificultando así a competencia desleal. 

Predominan os impresores alemáns, a maioría procedentes de Italia, aínda que hai un puñado de españois que aprenden o oficio. Comparado co doutros países, o número de edicións é escaso (só Venecia, con 3.500, ten o dobre que toda España) e os textos serán de marcado carácter local, pois as grandes obras de estudo proceden do estranxeiro, somos un país importador de libros. 

En España consérvanse máis de 17.000 incunables repartidos por máis de 200 bibliotecas, calcúlase que existen un milleiro de incunables españois. Destaca en primeiro lugar a colección de incunables da BNE, uns 3100 exemplares dos que 350 son impresos en España ou a colección da Biblioteca de Catalunya con 400 exemplares. As Universidades españolas reunen 4.106 exemplares, sendo as coleccións da Universitat de Barcelona, a Universidade Complutense de Madrid e a Universidade de Salamanca as máis númerosas. A Real Academia da Lingua (RAE) poseé unha colección de 45 incunables dos que 28 están impresos no noso país.

A continuación imos facer unha breve relación dalgúns dos máis coñecidos:

Sinodal de Aguilafuente. Segovia, 1472
Sinodal de Aguilafuente, o primeiro libro español publicado en Segovia en 1472 por Juan Párix. A obra é un volume de 48 follas en cuarto, sen indicación de lugar, nome do impresor nin data. Conservada na Catedral de Segovia. Contén as constitucións aprobadas nun sínodo celebrado na igrexa de Santa María de Aguilafuente os primeiros días do mes de xuño de 1472, presidido polo Bispo Don Juan Arias Dávila, para lembrar aos clérigos as súas obrigacións e evitar que se mesturasen nas contendas civís e sementasen guerra e discordia os que debían ser árbitros da paz. Aínda que non ten colofón, os tipos son iguais a outros 4 que se levan colofón e que foron feitos polo tipógrafo de Heidelberg Juan Parix ('Magister Ihoannes Parix de Heidelberg').


Biblia valenciana. 1477-78
Queima de exemplares da Biblia






















Biblia Valenciana, traducida por Bonifacio Ferrer impresa por Alfonso Fernández de Córdoba e Lambert Palmart entre 1477 e 1478. En 1498 a Inquisición, que só recoñecía a autoridade da «Vulgata», declarou esta obra como perigosa para a fe, e ordenou entregar e queimar todos os exemplares. Un incendio en Estocolmo en 1697 destruíu a única copia coñecida desta obra. O incunable foi totalmente destruído, salvándose soamente unha folla do mesmo, que se conserva en Hispanic Society de Nova York.


Manipulus Curatorum. Zaragoza, 1475

 
Manipulus Curatorum de Guido de Monte Rotherio. Impreso en Zaragoza por Mateo Flandro en 1475. Primeiro libro aparecido en España con colofón completo. Trátase dunha guía do cura párroco, especialmente para a administración de sacramentos, escrita en Teruel en 1333 e dedicada ao bispo de Valencia, Raimundo Gastón. Obra en cuarto maior de 106 folios dobres fose dos do índice, sen portada, con letras capitais iluminadas a man, abundantes abreviaturas e tirada pouco esmerada.           


Los doce trabajos de Hércules. Zamora, 1483

Los doce trabajos de Hércules de Enrique Villena impreso en Zamora por Antón de Centenera en 1483. Foi primeiramente redactado en catalán e traducido polo propio autor. O autor, que pasou á historia literaria enmarcado por unha certa atmosfera de lenda, ofrécenos unha obra de caracter simbólico, utilizando a mitoloxía para fixar preceptos morais. Este incunable é o primeiro libro coñecido que contén gravados metálicos orixinais e por iso considerado polos especialistas como o primeiro ilustrado da imprenta española. Os gravados son indubidablemente de artista español, dándose o caso curioso de que sendo doce os «Traballos de Hércules», só figuran once, non reproducíndose o combate dos centauros.                                                                                                    

Tirant lo Blanch, 1490

Tirant lo Blanch (título orixinal en valenciano) é unha novela caballeresca do escritor valenciano Joanot Martorell publicada en Valencia, polo impresor Nicolau Spindeler en 1490. A historia de Tirant é a dun heroe que consegue liberar Constantinopla do poder turco. É o libro de cabalerías por excelencia do século XV valenciano. Dos exemplares incunables de Tirant lo Blanch só coñécense tres exemplares no mundo, o que se conserva na Biblioteca Histórica da Universitat de València, un segundo exemplar na British Library e o terceiro na Hispanic Society of America; os dous primeiros da edición de 1490 e o terceiro da de 1497. O exemplar conservado en Valencia chegou á Biblioteca grazas ao legado do Marqués de Dos Aguas, que durante a súa vida coleccionou os libros de cabalerías que se citan no Quixote.


Universal Vocabulario en latín. Sevilla, 1490

Uniuersale Compendium Vocabulorum ou Universal Vocabulario en latín y en romance de Alfonso de Palencia. Impreso en Sevilla polos impresores alemáns (Paulus de Colonia, Johann Pegnitzer, Magnus Herbst e Thomas Glockner) en 1490. Na segunda folla comeza o Vocabulario impreso a dúas columnas (nunha as palabras latinas coa súa explicación na mesma lingua, noutra as mesmas coa súa declaración en romance). Precedente da obra de Nebrija, constitúe o máis antigo vocabulario latino-hispano, á vez que unha obra orixinal, de carácter práctico, concibida como instrumento útil para o estudo do latín, que se converterá en pedra angular para toda a produción lexicográfica posterior.

Carcel de amor. Sevilla, 1492

Cárcel de Amor é unha obra de Diego de San Pedro, pertencente ao xénero da novela sentimental. composta entre 1483 e 1485, constituíu un auténtico éxito editorial na época, e foi pronto traducida a outras linguas europeas A primeira edición da novela, dedicada a Diego Fernández de Córdoba, imprimiuse en Sevilla polos impresores alemáns (Paulus de Colonia, Johann Pegnitzer, Magnus Herbst e Thomas Glockner) en 1492.


Diccionario. Salamanca, 1492
Grámatica. Salamanca, 1492





















Gramática castellana de Antonio de Nebrija. A edición príncipe fíxose en Salamanca, no taller de Juan de Porras, en 1492. Ata este momento atribuíuse esta obra a unha imprenta anónima salmantina, "o impresor da Gramática" como figura en catálogos bibliográficos No texto, impreso con tipos góticos, utilizáronse tintas vermella e negra e pode observarse o oco en branco para as iniciais. Dezanove exemplares desta primeira edición incunable consérvanse na actualidade. De Antonio de Nebrija tamén é o incunable Diccionario latino-español publicado en Salamanca en 1492. Poucos anos despois cara a 1494 ou 1495, no mesmo lugar e imprenta, publicou o español-latino, con vinte e dous mil cincocentas entradas.

Cancionero de Juan de Encina. 1496
Cancionero. Salamanca, 1496






















Cancionero de Juan de Encina (Salamanca, 1496) Trátase do primeiro cancioneiro de autor que aproveitou a nova vía da imprenta para a súa difusión editorial. No que se refire á presentación física do volume destaca a riqueza da súa ornamentación e a habilidade con que foi impreso nas prensas salmantinas.

Comedia de Calisto e Melibea. Burgos, 1499

La Celestina de Fernando de Rojas. Considérase o exemplar máis antigo desta obra o publicado en Burgos por Fadrique de Basilea en 1499 co título de Comedia de Calisto e Melibea, aínda que non todos os expertos aceptan que sexa a primeira edición. Consérvase na Hispanic Society of America.

Espero que esta selección fose de voso agrado. Déixovos este vídeo dirixido polo prestixioso Jordi Savall que interpreta algunha das composicións do Cancionero de Juan de Encina


Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!