luns, 17 de novembro de 2025

21-11-2025. Inauguración da exposición "Proxectos 2025" [ESPAZO EMAO]

 

 "Proxectos 2025", representa unha mostra da culminación do proceso formativo do alumnado de distintas especialidades da EMAO, que exhibirá o seu resultado entre os días 21 de novembro de 2025 e 23 de xaneiro de 2026 na sala de exposicións da escola, o "Espazo EMAO".

En canto á orixe dos proxectos, no Plan de Estudos da EMAO, aprobado polo Concello de Vigo no ano 2015, implantouse o nivel educativo Avanzado, co que se rematan os estudos de cada especialidade. Ese nivel que pecha o currículum académico das persoas matriculadas, está destinado a completar a formación técnica e artística do alumnado coa redacción, selección e posterior desenvolvemento dun proxecto titorizado polo/a mestre/a da especialidade. Este proxecto pode orientarse cara á investigación, á produción, á creación ou á ampliación de coñecementos.

A exposición que se presenta agora recolle o produto final dos proxectos individuais do alumnado deste nivel seleccionados no curso 2024-25; en concreto, das especialidades de Pintura, Talla e escultura en madeira, Debuxo artístico, Serigrafía artística, Deseño e encaixe de palillos, Artesanía en coiro, Moda e confección, Ourivaría, CAIM Zanfona e CAIM Gaita. Nesta edición consolídase tamén a alta calidade dos proxectos realizados.

As obras que se exhiben son a plasmación material dun ano de actividade de investigación, formación, conceptualización e fabricación, baixo as premisas derivadas dos eixos principais sobre os que pivota a actividade educativa e cultural da EMAO: a excelencia técnica, a creatividade e a interdisciplinariedade.


FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: Proxectos 2025 [Proxectos de fin de estudos do alumnado do curso 2024-25]
 
Lugar: Espazo EMAO. Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. (Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro)
 
Datas: do 21 de novembro de 2025 ao 23 de xaneiro de 2026
 
Horario: De luns a venres, laborables de 19.00 a 21.00 horas
 
Comisariado: Rosa García, mestra de Talla e escultura en madeira, e Xaime Rivas, mestre de Construción artesanal de instrumentos musicais (CAIM) Zanfona, coa colaboración do profesorado de Pintura, Debuxo artístico, Serigrafía artística, Deseño e encaixe de palillos, Moda e confección, Artesanía en coiro, Ourivaría e CAIM Gaita.
 
Cartaz: Federico Fernández Alonso
 
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2025
 
Axudante de montaxe: Eduardo nchez Arteaga

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!