Amosando publicacións coa etiqueta Días Europeos da Artesanía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Días Europeos da Artesanía. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de abril de 2026

11 e 12 de abril de 2026. 3º Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais [DEPARTAMENTO DE MÚSICA TRADICIONAL DA EMAO]

 
Sábado 11 e domingo 12 de abril, en horario de 11.00h a 14.00h e de 16.30h a 20.00h


As instalacións da EMAO acollerán, os días 11 e 12 de abril, o “3º Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais”, evento que, organizado por LABRA (Asociación Profesional Galega de Construcción de Instrumentos Musicais), desenvolverá interesantes actividades relacionadas coas diversas facetas que conleva a construción de instrumentos musicais, especialidade con estreitos vencellos coa nosa escola.

Deste xeito, e tal e como se recolle na súa propia entrada do Programa dos Días Europeos da Artesanía 2026, o Encontro comprende unha exposición de instrumentos construídos polos asociados de LABRA que queiran participar en cada edición, así como unha serie de actividades complementarias entre as que haberá:
  • Presentacións de proxectos individuais que podan ser de interese para o grupo ou para o público.
  • Faladoiros de temas específicos dirixidos ao público profesional.
  • Concertos que serven de mostra do traballo dos asociados. 
  • Debates internos nos que se tratan temas específicos de interese para a Asociación.

Programa 3º Encontro

mércores, 1 de abril de 2026

7-4-2026. Xornada de Portas Abertas na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) [ADMINISTRACIÓN]


 

Martes día 7 de abril de 2026, en horario de 12.00h a 14.00h e de 16.00h a 21.00h

Todos os talleres da EMAO terán as súas portas abertas no horario indicado e o visitante poderá achegarse ás actividades dos talleres de: Construción Artesanal de Instrumentos Musicais -CAIM-(Gaitas e Zanfonas), Talla e Escultura en Madeira, Pintura, Debuxo Artístico, Deseño e Encaixe de Palillos, Ourivaría, Moda e Confección, Cerámica artística, Artesanía en Coiro e Serigrafía Artística.

martes, 26 de marzo de 2024

Días Europeos da Artesanía no obradoiro de Ourivaría [OURIVARÍA]

Este ano os Días Europeos da Artesanía celébranse do 2 ao 7 de Abril e están adicados aos nenos, baixo o lema “Dedos pequenos, mans expertas”. Dende a especialidade imos realizar unha actividade para que as nenas e nenos poidan participar, e para iso traballaremos con un termoplástico.

O día 2 de abril o noso obradoiro terá as portas abertas para todos aqueles maiores ou nenos que queiran vir a visitarnos, en horario de 12 a 14 horas e dende as 16 ás 21 horas. 

Esa mesma tarde dende as 16:30 ás 20:30 horas realizaremos a actividade “Constrúo a miña xoia” dirixida a nenas e nenos dende os 2 anos ata os 13 aproximadamente e que terán que vir acompañados de un adulto. 


Exemplo para chaveiro

En que consiste esta actividade??!!!!

Pois imos construír xoias empregando un plástico especial que despois se cocerá reducindo o seu tamaño, intensificando as cores e conseguindo unha consistencia parecida a dun vidro. Para elo debuxaremos sobre el, despois pintaremos con cores e recortaremos facéndolle tamén os buratos para colgala, e logo cócese a baixa temperatura, para finalizar coa montaxe podendo rematar con un colgante, pendentes, chaveiro, broche, etc.

Os nenos non teñen que traer nada, pero se queren poder vir cos seus debuxos para calcar sobre o plástico, pero senón aquí teremos exemplos e modelos para inspirarse, como os que podedes ver a continuación... 

luns, 25 de marzo de 2024

Celebración dos Días Europeos da Artesanía na EMAO [ARTES E OFICIOS]



XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Martes día 2 de abril de 2024, en horario de 12.00h a 14.00h e de 16.00h a 21.00h

Todos os talleres da EMAO terán as súas portas abertas no horario indicado e o visitante poderá achegarse ás actividades dos talleres de: Construción Artesanal de Instrumentos Musicais (Gaitas e Zanfonas), Talla e Escultura en Madeira, Pintura, Debuxo Artístico, Deseño e Encaixe de Palillos, Ourivaría, Moda e Confección, Artesanía en Coiro e Serigrafía Artística.

Ademais desenvolveranse as seguintes actividades:

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS:

Martes 2 de abril:

Artesanía en coiro: “Festa do cosido”. De 16.30h a 20.30h (Biblioteca). 
Quérese mostrar a importancia da costura nas pezas que se realizan na especialidade, polo que os participantes realizarán diferentes pezas con cada tipo de costura, en tireta de coiro ou fío. 
 
Ourivaría: “Constrúo a miña xoia”. De 16.30h a 20.30h. 
Dirixida a nenos e nenas, poderán facer a súa xoia (traballada cun material non usual -termoplástico-, cocido a baixa temperatura, que o contrae reducindo o seu tamaño e intensificando as cores), pintala e convertela nun colgante, pendentes, chaveiro, etc.

Mércores 3 de abril:

Moda e confección / Serigrafía artística: “Estampa a túa bolsa”. De 17.00h a 20.00h.
No taller de Serigrafía coñeceranse os procesos de estampaxe e farase unha práctica sobre téxtil, que logo se coserá a máquina no taller de Moda e confección, co que os asistentes levarán unha bolsa estampada e cosida por eles mesmos.

Debuxo artístico / Pintura: “A plein air”. De 16.00h a 20.00h.
Invitación para debuxar ou pintar polos arredores da EMAO. “A plein air” (Pintura ao aire libre) pretende dar a coñecer o traballo dos talleres da EMAO traspasando os muros da Escola. Sen requirir coñecementos previos, desenvolverase unha actividade lúdica na que o participante teña a experiencia de debuxar ou pintar “A plein air”.

mércores, 29 de marzo de 2023

31 de Marzo, Xornada de Portas Abertas na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo [ARTES E OFICIOS XERAL]

 

Co motivo dos Días Europeos da Artesanía queremos dar a coñecer o que facemos na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO), abriremos as portas das aulas a quen queira visitarnos. Este venres 31 de marzo tedes a oportunidade de ver como son as nosas clases e como traballa o noso alumnado. 

Horario de Visitas: 

  • De 10 a 12 os talleres de Construción Artesanal de Instrumentos Musicais (CAIM) de Zanfona e Gaita
  • De 12 a 14 os talleres de Serigrafía Artística e Artesanía en Coiro
  • De 16 a 18 os talleres de Ourivaría, Moda e Confección, Pintura, Debuxo e Escultura e Talla en Madeira. 
Ao longo de todo o día poderase visitar tamén a Biblioteca onde haberá unha pequena mostra do noso fondo bibliográfico especializado en arte e oficios artísticos e artesanais. Máis información
 

martes, 8 de febreiro de 2022

Volven os Días Europeos da Artesanía do 28 de marzo ao 3 de abril de 2022 [OUTRAS NOVAS]


Europa volverá celebrar Días Europeos da Artesanía do 28 de marzo ao 3 de abril de 2022. Durante esa semana ofreceranse actividades gratuítas que achegarán a visitantes e curiosos de todas as idades á esfera da creación artesanal. Feiras, xornadas de portas abertas en talleres ou na nube, demostracións en directo, exposicións presenciais ou virtuais, conferencias, etc. tanto en formato presencial, respectando todas as medidas de protección, como en formato virtual ou ambos á vez. Unha semana ao redor da artesanía, na que se convida a participar a artistas que desexen mostrar as súas creacións e compartir os seus procedementos de traballo co público. 

O prazo de inscrición de actividades para artesáns e institucións públicas e privadas xa está aberto na web www.diasdelaartesania.es, onde se irá actualizando progresivamente o programa de actividades propostas. 

O obxectivo destas xornadas é achegar ao público os segredos do traballo de lutieres, xoieiros/ as, ceramistas, encaxeros/ as, ferreiros/ as, tecedores/ as e todo tipo de oficios artesáns, para difundir a súa enorme riqueza e singularidade. En Europa celebrarase noutros 10 países: Alemaña, Bélxica, Bulgaria, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Suíza e Ucraína.

Esta iniciativa é promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI), fundación pública e primeira escola de negocios de España, e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte xunto a Oficio e Arte, Organización dos Artesáns de España.

Máis información en: www.diasdelaartesania.es

xoves, 4 de marzo de 2021

Días Europeos da Artesanía [OUTRAS NOVAS]

  
Do 6 ao 11 de abril volven os Días Europeos da Artesanía

 

A iniciativa é promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI), fundación pública e primeira escola de negocios de España, a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte, e Oficio e Arte, Organización dos Artesáns de España.
O obxectivo destas xornadas é achegar ao público os segredos do traballo de lutieres, xoieiros, ceramistas, ferreiros, tecedores e todo tipo de oficios artesáns, para difundir a súa enorme riqueza e singularidade.
Durante unha semana, actividades gratuítas achegarán a visitantes e curiosos de todas as idades á esfera da creación artesanal. Feiras, xornadas de portas abertas en talleres, demostracións en directo, exposicións, actividades infantís… Sete días ao redor da artesanía, nos que se convida a participar a artistas que desexen mostrar as súas creacións e compartir os seus procedementos de traballo co público. 
Os Días Europeos da Artesanía teñen a súa orixe en Les Journées Européennes des Métiers d’Art, que organiza en Francia o Institut National des Métiers d’Art (INMA) desde 2002. España pronto se sumou ao proxecto e ambos os países son os que presentan un programa de actividades máis extenso. Este ano, esta festa celébrase de forma simultánea en 18 países. 
O prazo de inscrición de actividades para artesáns e institucións públicas e privadas está aberto na web diasdelaartesania.es, onde se irá actualizando progresivamente o programa de actividades propostas.