venres, 29 de xullo de 2022

Así foi o Monográfico de TÉCNICAS DE TORNEADO APLICADAS A OURIVARÍA [CAIM GAITA] [OURIVARÍA]

 Este xullo os obradoiros de CAIM Gaita e Ourivaría 

unímonos para realizar o monográfico de "Técnicas de torneado aplicadas a Ourivaría". 

Pezas feitas por Rubi Frank Soria neste monográfico 


Alumnado traballando no taller de Ourivaría


Este monográfico xurdiu dun exercicio que realizamos na especialidade de ourivaría durante os primeiros meses de curso para aprender a limar e coller soltura cos limatóns.
Este traballo manual pode realizarse en parte de maneira mecanizada empregando o torno, 
así que decidimos que poderíamos aplicar os procedementos que empregan en Gaita e a súa maquinaria para aplicalo aos exercicios propostos. 

Explicación práctica de Carlos Corral ao alumnado deste monográfico


Para complicar un pouco máis a cousa e conseguir unhas pezas atractivas engadimos aos exercicios o engaste en tubo, e o resultado foi excelente, pois en 36 horas que durou o curso, os alumnos a maioría sen coñecementos previos realizaron tres pezas acabadas e como mínimo un engaste. 

O monográfico formulouse da seguinte maneira: 
  • Exercicios obrigatorios para aprender as técnicas básicas
  1. Limado básico de un tramo de 10cm de barra de latón a man practicando diferentes figuras libres.
  2. Limado básico de un tramos de 10cm de barra de latón no torno practicando diferentes figuras libres. 
  3. Construción de un pincho para o cabelo: limado a man e co torno mais engaste en tubo no extremo superior para unha circonita talla brillante de 3mm de diámetro. 
  4. Construción de unha pulseira tipo torque: limado a man en curvo, coa posibilidade de engadir tubo para engastar circonitas talla brillante de 5mm de diámetro ou de 3mm de diámetro. 
  • Exercicio obrigatorio combinando limado a man e co torno, a escoller entre: 
Con estes exercicios o alumno ideou a súa peza partindo do seu deseño propio e aplicando na súa construción as técnicas aprendidas: limado a man, limado co torno, conformado, soldado, esmerilado, pulido e brillado e engastado. 
  1. Deseño e construción de un broche con engaste en tubo
  2. Deseño e construción de un centro de colar con engaste en tubo
Pezas de Mª Aurea Paz


Pezas de Jose Manuel Cerdeira


Pezas de Luis Cerrada 


Pezas de María Crespo

Pezas de Trinidad Vila


Pezas de Iria Lojo

Faltan as imaxes da pezas de Mª Amelia pero xa as engadiremos ;DDD

En Setembro exporemos todos estes traballos na entrada principal da Escola para que os poidades ver de cerca.

E por último dar os nosos parabéns dende o obradoiro de CAIM Gaita e de Ourivaría aos alumnos participantes, polo moito que traballaron en tan pouco tempo e polo marabilloso resultado 
que acadaron ;DDD


E con todo isto FELIZ VERÁN a todos e vémonos ao regreso en Setembro
Grazas por visitarnos ;DDD 

venres, 22 de xullo de 2022

Exercicio de serigrafía sonora [SERIGRAFÍA]

 Esta proposta sonora trátase dun exercicio da aula de serigrafía artística en colaboración coa Orquestra Clásica de Vigo e Honorino García e foi realizada durante o monográfico da escola de verán de iniciación á serigrafía.

O exercicio consistía en realizar texturas con métodos directos en serigrafía. A partir destas formas creouse un rede de dispositivos que posibilitan a interactuación  co son. 

Honorino García é licenciado en Composición na especialidade de música electroacústica. Na súa labor como docente ensina tecnoloxía aplicada á música, programación e electrónica creativa na arte. Como investigador colabora en proxectos relacionados con intelixencia artificial e redes neuronais, tanto no ámbito artístico como no educativo. Graciñas a él e a Manu e Inés da Orquesta Clásica foi posible esta experimentación coa cal podedes interactuar no espazo expositivo da entrada da escola.


 

martes, 19 de xullo de 2022

38 º Mostra da Olería en Buño [OUTRAS NOVAS]


 

 Buño inicia conta atrás para a súa 38.ª Mostra de Olería que se celebrará do 4 ao 7 de agosto.

luns, 18 de xullo de 2022

Fotos do Laboratorio de Son [OUTRAS NOVAS]

Este venres pasado rematou o Laboratorio de Son que organizou a Orquesta Clásica de Vigo e que tivo o seu espazo físico na nosa Escola. Aquí tedes algunhas fotos...


venres, 15 de xullo de 2022

O Bum da EMAO tras Domingo Villar... [OUTRAS NOVAS]

Foto de Sonia Daponte en Vigo-e

 

Recomendamos o artigo que publica o xornal dixital VIGO-e sobre a nosa Escola no que se repasa desde o seu significado histórico para a cidade de Vigo á súa situación actual. Fai incapé no impulso a nivel de popularidade que supuxo a publicación no 2019 da novela de Domingo Villar, O último barco, que situou gran parte da súa trama nos espazos desta centenaria Escola. 

Resalta a importancia da nosa biblioteca que na actualidade desenvolve unha dobre función por unha banda,  a conservación de todo o seu patrimonio histórico e por outra, a a consolidación dunha biblioteca moderna especializada no ensino das artes e dos oficios tradicionais e artísticos. 

O artigo acompáñase dunha variada selección de fotos das diferentes aulas e talleres e da Biblioteca.

Ver artigo

mércores, 13 de xullo de 2022

Residencias artísticas do Gaiás 2022. Cidade da Cultura de Galicia [OUTRAS NOVAS]


 

As Residencias artísticas do Gaiás - REGA lanzan a súa convocatoria de 2022 na procura de proxectos culturais vencellados a algunha das seguintes categorías: artes visuais, artes escénicas, artes musicais e deseño. Os creadores e creadoras seleccionadas recibirán unha bolsa dotada con 8.000 euros para materializar as súas propostas e realizarán unha residencia de entre tres semanas e mes e medio na Cidade da Cultura. O Gaiás pon así á disposición dos e das artistas os seus espazos, recursos e equipos técnicos para que desenvolvan proxectos, consolidándose como viveiro e motor creativo.

Serán seleccionados como máximo catro proxectos, un deles por cada unha das áreas, e a convocatoria valorará positivamente a ligazón con outras disciplinas non recollidas nas bases, tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual.

As residencias deberán desenvolverse entre os meses de setembro e decembro de 2022. O resultado das mesmas poderá ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta, e os proxectos poderán formar parte do programa cultural da Cidade da Cultura de Galicia. Máis información...

Bases da convocatoria 

Prazo aberto do 7 Xul ao 8 Ago 2022.

martes, 5 de xullo de 2022

Convocado o 37 Premio BMW de Pintura [OUTRAS NOVAS]

 

A 37ª edición do Premio BMW de Pintura abre as súas portas ata o próximo 29 de xullo de 2022. O Premio, un dos máis prestixiosos certames de pintura do noso país, ten como fin promover a creación artística en España e fomentar e impulsar aos novos talentos. Por iso, nesta edición preséntase unha nova categoría dedicada a impulsar a creación dixital dos nosos artistas: O Premio BMW de Arte Dixital, dotado con 6.000 euros e aberto a calquera obra realizada con técnicas dixitais, fóra das pezas que requiran interacción do usuario a través de dispositivos periféricos como lentes, joysticks ou teclados. Ademais, as obras que opten ao Premio de Arte Dixital non poderán optar ao resto de premios e viceversa. 

Esta edición preséntase con catro categorías: Premio BMW de Pintura, Bolsa Mario Antolín á Investigación Pictórica, Premio BMW de Arte Dixital e Premio BMW ao Talento Novo.

Le as bases e presenta a túa obra!

Consulta as bases


venres, 1 de xullo de 2022

Tarde de Reencontros e Despedidas [OUTRAS NOVAS]

 

Onte celebramos o reencontro coas nosas queridas compañeiras pero tamén a despedida do que ata onte foi o noso director, Rafael Ojea, que emprende unha nova travesía na súa vida. Desde aquí desexamos que os ventos che sexan favorables.

Gozamos dunha tarde para o recordo, cordial e emocionante, diversas circunstancias impediron que puidésemos estar todos/as. Botámosvos de menos compañeiros/as!!!