xoves, 29 de xuño de 2023

Entrega de Diplomas Fin de Estudos na EMAO 2022-2023 [ADMINISTRACIÓN]


Este venres, 30 de xuño ás 18:30, no Salón de Actos da EMAO farase a entrega de diplomas ao alumnado que remata os cursos de Perfeccionamento II e Superior das distintas especialidades que se imparten na nosa Escola.

Reunión da Comisión de Valoración dos Proxectos de Fin de Estudos na EMAO [ADMINISTRACIÓN]

 

Durante o día 26 e 28 de xuño, a Comisión de Valoración de Proxectos de Fin de Estudos, seleccionou, de xeito libre e motivado -previo o informe escrito do profesor/a da especialidade-, aqueles proxectos presentados que considerou de interese, valorando os seguintes apartados:

  • Fundamentación
  • Orixinalidade
  • Implicación no proxecto dos coñecementos, técnicas e destrezas adquiridos polo alumno/a durante a súa formación.
  • Interese e relevancia que ten no marco da especialidade.
  • Capacidade intrínseca do proxecto de xerar novo coñecemento ou fixación de aptitudes e actitudes
  • Coherencia e viabilidade
  • Viabilidade económica
  • Deseño e presentación
  • Adaptación á modalidade de titoría
  • Creatividade e implicación

A EMAO publicará, no Taboleiro e na web, o listado do alumnado seleccionado para o Nivel avanzado. Máis información

mércores, 28 de xuño de 2023

Conferencia "Peinador Lines e súa aposta por Galicia" por Fernando Franco. Ciclo a Historia e os seus Personaxes [OUTRAS NOVAS]

Familia Peinador. 1931

 Enrique Peinador Lines será o protagonista mañá xoves 29 ás 19:00 horas, do ciclo de conferencias “Balneario de Mondariz. A historia e os seus personaxes” que se está desenvolvendo de maio a decembro, fóra de xullo e agosto, na Biblioteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo con motivo da celebración do 150 aniversario do Balneario. Un ciclo aberto a todo o público sen necesidade de invitación. 

Unha investigación realizada polo xornalista Fernando Franco en 2006 para a revista “Mondariz” que se formatou como libro para a Editorial ir Indo debulla a traxectoria dunha persoa clave non só no desenvolvemento da vila termal senón na cultura galega. Enrique Peinador Lines soubo desenvolver empresarialmente e insuflar máis carácter galego a este espazo, un imperio balneario capaz de competir cos máis evolucionados de Europa. 
 

Peinador Lines con Castelao e a Agrupación A Roda
 

Aínda que Enrique Peinador Lines xestionaba moitas liñas de negocio, destacan as inquietudes culturais, xa que colaborou na revistas Mondariz e A Tempada de Mondariz e en 1912 participou como coautor na guía Mondariz-Vigo-Santiago de 167 páxinas, impresa en Madrid por Rivadeneyra, para fomentar o turismo en Galicia e na que participaron tamén investigadores da talla de Alfredo Vincenti, Emilia Pardo Bazán, Celso García de la Riega ou Rafael Balsa de la Vega, ademais promoveu dá Asociación para o Fomento do Turismo de Galicia. E non perdeu oportunidade para atraer ao Balneario de Mondariz a figuras da cultura da talla de Emilia Pardo Bazán, Castelao, Ramón Cabanillas entre outras moi importantes da época a nivel galego e nacional.

Enrique Peinador Lines era un galeguista militante e convencido, baixo a súa dirección do Balneario de Mondariz celebráronse reunións de a Real Academia Galega.  

 

Reunión da Real Academia Galega en Mondariz


martes, 27 de xuño de 2023

Visita á EMAO da Fundaçao Ricardo do Espírito Santo Silva de Lisboa [OUTRAS NOVAS]

 
Hoxe recibimos a visita de dous mestres e catro alumnas da FRESS - Fundação Ricardo do Espírito Santo Silva de Lisboa. Durante a mañá e parte da tarde visitaron a nosa Escola. Desexamos que a visita fose proveitosa. Agradecemos a José Carmo, mestre de Deseño Dixital e Deseño de moble, a iniciativa. Tamén a Luciano, mestre de carpintería e talla, e ás súas alumnas o interese demostrado en cada unha das aulas. Esperamos que máis pronto que tarde podamos devolvervos a visita. Foi un pracer!!!
 
 

martes, 20 de xuño de 2023

Venres da EMAO 23-6-2023. "O Picasso galego. Branco no recordo azul" por Antón Castro [PINTURA]

 

A influencia na súa obra da estancia de Picasso en Galicia é a tese central da exposición "Branco no recordo azul" (Museo de Belas Artes da Coruña). O seu comisario Antón Castro, acompañaranos, neste último Venres da EMAO do curso, para explicar os porqués deste feito.


Presentado por Darío Álvarez Basso (mestre de Pintura da EMAO)
Data: 23 de xuño de 2023
Hora: 19:00
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo

Presentación do libro "La mujer viguesa en los primeros 60 años del siglo XX" por Dolores Elena Durán [OUTRAS ACTIVIDADES]

Xoves 22 de xuño ás 19:30 

na 

Biblioteca da EMAO

O século XX é o da conquista dos dereitos por parte da muller. A educación da muller fíxose indispensable para o novo ideal feminino que se forxaba na Europa industrializada e en América. As mulleres das clases burguesas e altas, dentro do panorama de desenvolvemento económico e social que viña desde finais do século XVIII, tiñan como marco xeral o do fogar e o do coidado da familia, situación que as levou a concienciarse sobre a inxustiza que padecían. Xurdiu entón o movemento sufraxista, que xa desde finais do século XIX comezou a reclamar o voto das mulleres. 

A nosa cidade non vai ser allea a este movemento colectivo, como así o demostran as diversas reivindicacións e cambios que se deron aquí ao longo da segunda metade do século XIX e primeiros anos do XX, como así podemos ver nesta obra.

xoves, 15 de xuño de 2023

Fotos da Montaxe da Exposición "Arredor de Picasso. Olladas desde a EMAO" [ESPAZO EMAO]





 

Arredor de Picasso. Selección Bibliográfica [BIBLIOTECA]

 



O pasado 8 de abril cumpríanse 50 anos do falecemento do pintor Pablo Picasso, motivo que marca a celebración da obra de Picasso e a súa herdanza artística con numerosas exposicións en diferentes cidades do mundo. A EMAO súmase a esta celebración coa exposición "Arredor de Picasso. Olladas desde a EMAO" que se inaugura mañá venres 16 de xuño no Espazo EMAO.

Aproveitamos a ocasión e levamos as vitrinas do corredor unha  selección bibliográfica dos títulos que tedes na Biblioteca relacionados coa vida e a obra deste artista que que transitou por todos os estilos que el mesmo creara. Moi prolífico é o gran innovador da pintura do século XX.
 

martes, 13 de xuño de 2023

Exposición "Arredor de Picasso. Olladas desde a EMAO" [ESPAZO EMAO]


 

Dentro da programación anual da EMAO prevese, ao remate de cada curso académico, a produción dunha exposición dos resultados dun proxecto que, partindo dunha idea xeradora única, dea lugar a interpretación, despregue do traballo e saber facer dos distintos talleres.

Neste ano 2023, Ano de Picasso polo cincuentenario do seu falecemento, estanse a facer multitude de actividades de toda índole na súa memoria e a súa pegada. A EMAO, non ía ser menos, e arredor da súa figura agromaron neste curso os proxectos creativos e retos técnicos que agora se amosan. Trátase, novamente, da coidada exposición de produtos creativos desenvolvidos coa participación do alumnado a partir dunha iniciativa individual ou colectiva, pero, en todo caso, sempre asumida polo grupo.

"Arredor de Picasso. Olladas desde a EMAO" representa, pois, o impacto da inspiración que a obra do malagueño universal ten nas diferentes especialidades da EMAO, recollendo os traballos especificamente realizados polo alumnado e profesorado da escola en conmemoración do 50 aniversario do seu pasamento, uníndose deste xeito aos innumerables actos e actividades que durante este ano se están a desenvolver por todo o mundo.

Esta exposición estará aberta entre os días 16 de xuño e o 27 de outubro de 2023 (pechada o mes de agosto).


FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: Arredor de Picasso. Olladas desde a EMAO.
Lugar: Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. (Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro).
Datas: do 16 de xuño ao 27 de outubro de 2023
Horario:
  - Do 16 de xuño ao 30 de xuño: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
  - Do 3 de xullo ao 15 de setembro (agosto pechado): de luns a venres, laborables, de 10:30h a 13:30h
  - Do 18 de setembro ao 27 de outubro: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
Comisariado: Emma Pintos e Alba Pardo, mestras de Moda e Confección e Serigrafía Artística, coa colaboración do profesorado de Debuxo, Pintura, Talla e escultura en madeira, Artesanía en Coiro e Ourivaría. 
Cartaz: Federico Fernández Alonso. 
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2023.
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez Arteaga.

luns, 12 de xuño de 2023

CONVOCATORIA XERAL ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS DE VIGO. CURSO 2023-2024 [ADMINISTRACIÓN]

 

ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS DE VIGO

 CURSO 2022-2023

Nesta Convocatoria Xeral indícanse as especialidades ofertadas pola Escola Municipal de Artes e Oficios para o curso 2023-2024, así como a previsión de outras actividades.

As dúas modalidades ofertadas (en horario de mañá -cos Niveis de Iniciación, Perfeccionamento I e II- e en horario de tarde -cos Niveis Básico, Medio e Superior-, coas singularidades propias de cada especialidade) e o Nivel Avanzado, común ás dúas, conforman o núcleo básico da oferta, que se complementa cos Cursos Monográficos – Escola de Verán que a EMAO oferta ao remate do curso, no mes de xullo, e que se convocará durante este mes de xuño de 2024 para persoas que non sexan alumnas da escola.
Deste xeito, a escola oferta formación gratuíta para o curso 2023-2024, coas especificacións que se indican nesta Convocatoria Xeral, e nos horarios que se indican no Anexo II, nas especialidades de: Pintura, Debuxo artístico, Talla e escultura en madeira, Deseño e encaixe de palillos, Ourivería, Artesanía en coiro, Moda e confección, Construcción artesanal de instrumentos musicais, CAIM-Zanfona e CAIM Gaita e Serigrafía artística.
A especialidade de Cerámica artística, convocarase no momento en que se resolva o correspondente procedemento de cobertura da praza de mestre da especialidade.

PREINSCRICIÓN E MATRÍCULA

 ALUMNADO DE NOVO INGRESO

1. Preinscrición
 
1. A preinscrición nas prazas ofertadas poderá facerse:
  • Por internet: na web-EMAO: http://hoxe.vigo.org/movemonos/emao24.php [opción recomendada]
  • Presencial: na oficina administrativa da EMAO, entregando a tal efecto o impreso de preinscrición que se subministra na mesma.

2. O listado de preinscritos exporase no tabolerio oficial de anuncios da EMAO (en adiante o Taboleiro) e na web-EMAO. Darase un prazo de un día, para presentar reclamacións ao listado.
3. Rematado ese prazo -no caso de que existan máis solicitudes ca prazas ofertadas- realizaranse probas de acceso para asignar as prazas, agás nasespecialidades de Pintura e Debuxo nas que se asignarán por sorteo entre as persoas solicitantes cuxa solicitude sexa válida, conforme ao procedemento que se establece na presente convocatoria.
4. Unha vez finalizados estes procedementos exporase no Taboleiro e na web-EMAO a relación definitiva de persoas seleccionadas, clasificadas por especialidades e cursos.

 2. Matrícula

1. As persoas finalmente seleccionadas deberán obrigatoriamente, para seren admitidas, formalizar a súa matrícula, mediante a presentación na Oficina administrativa do impreso oficial que se poderá recoller na mesma. Con este impreso deberán aportar copia do DNI ou Pasaporte.
2. A non formalización da matrícula en prazo significará a inmediata baixa, e, consecuentemente, a praza será ofrecida ao/á/s solicitante/s que corresponda na lista de reserva derivada da aplicación dos resultados do sorteo ou probas de acceso.
3. As persoas que gozaran de Excedencia autorizada en cursos anteriores, deberán formalizar a súa matrícula no prazo indicado no apartado C da presente Convocatoria. Esta matrícula queda condicionada á existencia de vacantes na especialidade e no nivel de referencia.

PRAZOS

Do 14 ao 16 de xuño: matrícula de persoas que gozaran de Excedencia en cursos anteriores.
Do 22 de xuño ata o 8 de setembro: Preinscrición alumnado de novo ingreso (só internet).
Do 22 de xuño ata o 31 de xullo e de 1 a 8 de setembro: Preinscrición alumnado de novo ingreso (presencial) (agosto pechado).
29 de xuño: Listado de alumnado apto no curso 2022-2023.
3 de xullo: prazo para confirmación matrícula por repetición alumnado de Deseño e encaixe de palillos que estaba matriculado no curso 2020-21
6 de xullo: Listados provisionais de alumnado procedente de cursos anteriores, coa súa asignación ao nivel que lle corresponde no curso 2023-2024.
10 de xullo: Listado de vacantes existentes por especialidades e niveis, e oferta de prazas para Convalidación.
11 de xullo ata o 8 de setembro: presentación de solicitudes de acceso por Convalidación 
12 de setembro: Publicación listados solicitantes novo ingreso.
15 de setembro: sorteo para inscrición de alumnado de novo ingreso (só especialidades de Pintura e Debuxo artístico) ás 12,00h da mañá, na Biblioteca da EMAO.
18 de setembro: Comezo do curso dos niveis Medio, Superior, Avanzado e Perfeccionamento I e II de todas as especialidades.
13-19 setembro: Celebración das probas de acceso, no/s día/s concretos que publicamente se indiquen nos primeiros día de setembro.
22 de setembro: Listas de admitidos de novo ingreso despois do sorteo e probas de acceso.
25-29 de setembro: Matrícula alumnado novo ingreso.
2 de outubro: Comezo do curso alumnado de novo ingreso.
 
HORARIOS DE ADMINISTRACIÓN E INFORMACIÓN

Lugar: Edificio principal da EMAO, rúa García Barbón, 5.
Administración, información: de 10,00 h a 14,00 h, laborables de luns a venres (agosto, pechado).
Información:
Correo electrónico: emao@vigo.org
Tfno.: 986228088.