A semana pasada cruzamos a Ría de Vigo para desfrutar no auditorio de Cangas do Morrazo da exposcición Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló. Esta exposición pretende dar a coñecer diferentes técnicas de gravado como o calcográfico, a xilografía, a litografía e a serigrafía. En ocasións, a delimitación entre unha técnica e outra non é tan nidia xa que os artistas actuais son quen de mesturar as distintas técnicas. Esta exposición, composta por pezas gráficas seleccionadas entre os fondos da Colección de Arte de Afundación, permite ampliar coñecementos sobre a obra dalgúns dos mestres gravadores da arte española do século XX, entre os cales destacan tres grandes xenios internacionais da pintura que o foron tamén da arte da estampa: Salvador Dalí, Pablo Picasso e Joan Miró.
"No proxecto expositivo o visitante atopará un Dalí ilustrador de pezas literarias con dúas obras pertencentes a A divina comedia (1960); o artista da vangarda ilustrou tamén Cantos de Maldoror (1934), O Quixote (1957) e a Tauromaquia surrealista (1976). A mostra deixa constancia, así mesmo, de como as obras calcográficas de Joan Miró rivalizaron coas pinturas de Dalí en intensidade e beleza, proba disto é a magnífica obra que se seleccionou nesta ocasión, Quatre colors aparien el món, na que a liberdade coa que Miró se enfrontaba á súa obra produciu unha das imaxes máis belas da plástica do século XX. O Picasso gravador fai, tamén, unha importante achega á exposición. Despois dos anos vinte, aínda que esporádico, o artista malagueño foi un xenial gravador, pero será a partir dos anos corenta cando aumente a súa produción de gravados e xurdan, así, as súas obras mestras neste campo. Na mostra poden verse algúns dos seus principais traballos neste eido, tales como a serie de A celestina e A danza.
A primeira manifestación do espírito renovador da arte, despois da guerra civil, apareceu ligada ás estampas publicadas nas edicións de La Rosa Vera, dirixida polo gravador Jaume Pla desde 1949. Entre os artistas ligados a esta renovación destacan Joaquín Sunyer, Albert Ràfols Casamada, Guinovart ou José Caballero, todos eles presentes nesta exposición con espléndidas obras. Na publicación Estampas de la Cometa aparecerán os traballos dos grandes mestres Antonio Saura, Eduardo Chillida ou Hernández Pijuán. A esta actividade interior habería que acrecentar a de tres nomes significativos de artistas que traballaron no exilio: Antonio Rodríguez Luna, Antoni Clavé e Luís Seoane, tamén presentes. Na arte do gravado do século XX é imprescindible coñecer, igualmente, o papel do grupo vangardista Dau al set, no que destaca a incuestionable figura de Tàpies, que está presente no proxecto con tres obras, unha delas unha excelente augaforte en relevo, realizada nos anos oitenta.
O espectador asistirá a un percorrido fiel pola arte calcográfica española dos últimos tempos, no que as distintas técnicas de gravado, litografía e serigrafía reivindican definitivamente o seu valor técnico, estético e diferencial a respecto do resto das manifestacións artísticas."
Texto da páxina web Afundación. https://www.afundacion.org/ga/agenda/evento/exposicion-multiple.-a-arte-do-gravado.-cangas
Unha saída cultural do máis agradable incluso con tormenta no barco de volta e se chove que chova!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!