martes, 6 de xuño de 2023

Lingua Guapa. Colaboración coa Escola Municipal de Teatro [MODA E CONFECCIÓN]

Tivemos un ano completo, ademais de todos os traballos do curso ordinario (saias, pantalóns, abrigos, mostrario de tecidos...) embarcámonos nesta colaboración coa Escola Municipal de Teatro de Vigo.



Trátase da representación de Lingua Guapa, unha obra musical para público familiar baseada no libro de Fina Casalderrey e adaptada por Eva Vila e Antonia Céspedes. Representarase os próximos días 15 e 16 de xuño no Auditorio do Concello e conta coa colaboración da Escola Municipal de Música e a E-Trad (Escola Municipal de Música Tradicional).



O obradoiro de Moda e Confección traballou intensamente coa directora da obra para ofrecerlle uns deseños que representasen as esencias dos personaxes e o espírito da obra, ambientada nun mundo máxico, o mundo “ lingua Guapa” moi parecido a Galicia.



Por iso as cores utilizadas e as texturas teñen moito que ver co colorido dos nosos bosques, con tons terra, verdes, alaranxados, avermellados e azuis.


Tamén as texturas dos tecidos escollidos falan. Antelinas que simulan o musgo para os personaxes dos trasnos, tanto para os dous trasnos protagonistas como para o coro formado polos alumnos da Escola Municipal de Música.

 

O encaixe do fada dálle o movemento propio dunha bolboreta que revolotea á beira da protagonista da obra.





A capa da bruxa, confeccionada cun pano de punto dunha la rústica, envolve de solemnidade e sabedoría ao personaxe.


E as “tías” Nicoleta e Lenuta visten pezas atemporais, un pouco estrafalarias pero de texturas finas como as camisas de Nicoleta ou a capeliña de Lenuta, propias de mulleres viaxadas e divertidas.




Foi un traballo intenso, realizado por alumnos e exalumnos da especialidade. Quero dar as grazas a todos os participantes neste proxecto: a Carola Mabel e Marta pola confección do vestiario do coro, a Cristina pola súa técnica nos padróns, a Bea polo traballo de confección, sempre práctico e eficaz, e a Sol pola delicadeza tanto cosendo a máquina como cos seus remates á man, pura marabilla.


 

Mención especial merécese Rosana Tornero, alumna de Avanzado, que se implicou desde o principio do proxecto co deseño do vestiario de cada personaxe, cos padróns, co corte e a confección, as aplicacións, os remates e as probas. Sen a súa dedicación, este proxecto non sairía adiante.

 


Agora, esperando á estrea, e desexando que o vestiario lles axude ás actrices a mimetizarse aínda mellor co personaxe.


Moita sorte, ou mellor dito, como se di no mundo do espectáculo, “moita merda”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!