mércores, 28 de setembro de 2022

Presentación do libro "Todo chega desde o mar" de Santiago Ferragud [OUTRAS NOVAS]


 



Este venres 30 de setembro ás 19:30 presentación na hemeroteca  do libro "Todo chega desde o mar" de Santiago Ferragud. Coincidindo co 50 aniversario da folga que paralizou Vigo,  o Ateneo Atlántico presenta este libro de Santiago Ferragud que se inicia con este feito. Esta novela conta o encontro entre dúas mulleres: Irene, contemporánea da folga do 72, profesora na universidade, a piques de xubilarse; e Xoana, unha nova licenciada, recentemente chegada a Vigo; diferentes por xeneración e por vivencias, moi pronto lles unirá a paixón pola historia da cidade.

Acomparán ao autor Xoán Carlos Abad, presidente do Instituto de Estudos Vigueses, e Luisa Abad.

luns, 26 de setembro de 2022

136 Aniversario da creación da Escola de Artes e Oficios de Vigo [BIBLIOTECA]

 

Hoxe estamos de aniversario, hai 136 anos inaugurabase na antiga rúa do Circo, a Escola de Artes e Oficios. 

No ano 1886 un fato de ilustres cidadáns, nomeadamente Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena, Manuel Diego Santos, imbuídos do espírito ilustrado da Institución Libre de Ensinanza (ILE) e convencidos de que o grande pulo social e industrial que Vigo encetaba nos finais do século XIX sería imposible sen unha acción sistemática e organizada de formación cultural e profesional das súas clases traballadoras, deciden impulsar e crear en Vigo a Escola de Artes e Oficios (EAO). Comeza así a desenvolverse un ambicioso programa de estudos dirixido á capacitación básica dos e das traballadoras. O 26 de setembro de 1886 verificábase a apertura do primeiro curso nun acto solemne presidido polo ex ministro da Primeira República, Eduardo Chao, que fixo o discurso inaugural. 


Ante o éxito da iniciativa, axiña foron insuficientes os locais elixidos para a súa sede na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias). Consciente da necesidade de dar cobertura ás crecentes necesidades de formación e ao propio éxito da implantación da Escola, no ano 1900 José García Barbón fai xenerosa doazón á cidade dos edificios que albergarán ata os nosos días a EAO. Ao tempo, créase a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Concello de Vigo pasa a ser o xestor e principal financiador da Institución. Un dos seus primeiros directores, Fernando García Arenal, fillo da inesquecible Concepción Arenal, testemuña a relación expresa da EAO coa filosofía e práctica da ILE. 

venres, 23 de setembro de 2022

O 27 de setembro ábrese o prazo de matrícula na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO). [ADMINISTRACIÓN]

 

 
FORMALIZACIÓN DE MATRÍCULA
ALUMNADO DE NOVO INGRESO NA EMAO CURSO 2022-23 
 
1. As persoas incluídas nos listados cos resultados do sorteo e das probas de acceso deberán formalizar a súa matrícula presentando na Unidade Administrativa da EMAO a seguinte documentación:
  • Ficha cumprimentada (Recóllese e entrega na Unidade Administrativa da EMAO).
  • Fotocopia simple do seu DNI.
  • DATAS E HORARIO DE MATRÍCULA: do 27 ao 29 de setembro (de 10 a 13 h. e de 16 a 20 ) o 30 de setembro (de 10 a 13 h)

2. De non confirmarse a matrícula nas datas indicadas daráselle de baixa na lista de admisión, pasando a ocupar o seu posto a persoa que figure no lugar correspondente na lista de agarda.

3. Establécese unha lista de agarda para cada especialidade, para os casos de substitución por baixa ou por renuncia do alumnado durante o primeiro trimestre do curso 2022-2023. Por razóns prácticas, o número de persoas que figuran na lista de agarda que se publica é, como máximo, o número de prazas ofertadas para cada especialidade.

4. A admisión definitiva está condicionada á veracidade dos datos de empadroamento. 

Toda a información en: Curso 2022-2023

xoves, 22 de setembro de 2022

Casa queimada [DEBUXO]

Ramón Trigo e o seu irmán Xosé volven a sorprendernos con outro proxecto  apadriñado polo colectivo "A Madriña". Desta vez non se trata de dar forma a través da Banda Deseñada a unha historia de trama histórica como foi "Ricardo Mella" ou "Kartofel"; desta vez a historia é de actualidade, en concreto dun acontecemento cercano e persoal: A destrucción dunha casa no monte que foi absorbida polas lapas nun incendio devastador no ano 2017. A historia do desastre, e cómo daquelo levantouse algo novo, é o late motiv deste proxecto tan interesante.

CASA QUEIMADA










O proxecto abarca varias disciplinas artísticas, entre elas a ilustración, a escultura, a pintura e o documental entre outras, porque tamén poderíamos falar do propio proxecto arquitectónico, cuxa primeira parte está rematada, pero como me contou Ramón, queda moito por facer.

martes, 13 de setembro de 2022

Kurt Schwitters Space, Image, Exile. Autora: Megan R. Luke [BIBLIOGRAFÍA]

Kurt Schwitters Space, Image, Exile.
AUTORA:
Megan R. Luke.
EDITORIAL:
The University of Chicago Press.
O artista alemán Kurt Schwitters (1887–1948) é mellor coñecido polo seu traballo pioneiro na fusión da colaxe e a abstracción, as dúas innovacións máis transformadoras da arte do século XX.

AUTORA: 

Megan R. Luke é profesora asociada de historia da arte na Universidade do Sur de California.

KURT SCHWITTERS-MERZ ART [BIBLIOGRAFÍA]

Novas adquisicions da Biblioteca:

KURT SCHWITTERS-MERZ ART
AUTORA: Isabel Schulz.
EDITORIAL: Hirmer Art

Kurt Schwitters:
Artista visual ademais de escritor, Kurt Schwitters pertence aos protagonistas máis influentes da vangarda europea.



Autora:
Isabel Schulz é directora executiva da Colección Kurt and Ernst Schwitters e curadora do Arquivo Kurt Schwitters no Museo Sprengel en Hannover.

luns, 12 de setembro de 2022

89. Kurt Schwitters. Sublime refugallo [PINTURA]


Kurt Schwitters
Alemaña,1887–1948.

O artista alemán Kurt Schwitters foi un dos principais protagonistas do movemento Dadá (movemento cultural e artístico creado co fin de contrariar as artes, que xurdiu en 1916 (Zúric), unha característica fundamental do dadaísmo é a súa oposición ao concepto de razón instaurado polo positivismo racional.

mércores, 7 de setembro de 2022

Convocatoria de Sorteo e Probas de Acceso para Alumnado de Novo Ingreso no Curso 2022-2023 na Escola Municipal de Artes e Oficios [ADMINISTRACIÓN]

 

CURSO 2022-2023

CONVOCATORIA DE SORTEO E PROBAS DE ACCESO PARA ALUMNADO DE NOVO
INGRESO NA EMAO

1. Calendario das probas de acceso: todas referidas a setembro de 2022.

  • CAIM (Gaita e Zanfona): día 13, ás 16.00 horas (Aula de CAIM)
  • Artesanía do Coiro: día 14, ás 16.00 horas (Aula dePintura)
  • Talla e escultura en madeira: día 13, ás 16.00 horas (Aula deTalla)
  • Moda e confección: día 14, ás 16.00 horas (Aula deDebuxo)
  • Serigrafía artística: día 13, ás 16.00 horas (Aula deDebuxo)
  • Ourivaría: día 13, ás 16.00 horas (Aula dePintura)

2. Contidos das probas
 
As probas de acceso para as especialidades citadas terán dúas partes. A primeira será un cuestionario no que o/a aspirante deberá cumprimentar preguntas xenéricas. Estas preguntas nunca serán referidas a cuestións técnicas sobre a especialidade. A segunda parte será un exercicio práctico co material específico de cada especialidade, no que non se valorarán coñecementos específicos previos relativos á especialidade, senón conceptos, como habilidade, actitude, recursos e creatividade.
A nota final sairá da valoración conxunta do cuestionario e mais a proba práctica, e ponderarase conforme aos criterios que para cada especialidade se recollen no Anexo á presente convocatoria.
O tempo para realizar a proba de acceso a estas especialidades será aproximadamente de 30 minutos en total.
O aspirante presentarase no horario previamente publicado na web e mais no taboleiro de anuncios da escola (EMAO), segundo a especialidade. Deberá portar o DNI e un bolígrafo. 
Segundo a asistencia, irán facendo a proba entrando por orde alfabética.
 
3. Sorteo para o acceso ás especialidades de Debuxo artístico e de Pintura

Segundo o previsto no Plan de Estudos e no apartado E) da Convocatoria do curso 2022-2023, para o acceso ás especialidades de Debuxo artístico e de Pintura realizarase un sorteo público o día 16 de setembro de 2022, ás 12.00 horas, na Biblioteca da EMAO.  
AFORO LIMITADO a 60 persoas.

martes, 6 de setembro de 2022

Adeus a José Crespo Abalde, antigo alumno da Escola [OUTRAS NOVAS]

José Crespo Abalde (1928-2022)

Onte deixábanos uns dos mellores tallistas que tivo a cidade de Vigo. Nacido na parroquia de Beade, comezou os seus estudos na nosa Escola no curso de 1943-44 (Gramática, Caligrafía, Aritmética, Xeometría práctica, Debuxo xeométrico e Prácticas de taller). Formouse en varias disciplinas da Sección Artística (Debuxo de Figura e Adorno) e da Sección de Artesanía (Modelado e baleirado e Talla en madeira). Recibiu clases de prestixiosos mestres como Maximiliano Vidales Espinosa, Carlos Sobrino Buhigas, Manuel Longa Campos, etc. Ata 1950 conciliou a súa formación na Escola co seu traballo de ebanista. No curso 1945-46 obtivo o Premio Extraordinario José Curbera de Gramática Castellana e Modelado e Baleirado e en 1950 gañou o 2º Premio Nacional de Talla Artística.

Tivo o seu propio taller na rúa Regueiro onde mantivo unha notable traxectoria como ebanista (Retablo da Capela das Servas, o Altar do Colexio de A Ramallosa...), realizou exposicións de debuxo e talla en madeira de forma regular. Colaborou durante anos como Mestre-Tallista coa Ebanistería Arjones, S.L. creada por outro antigo alumno da Escola, Manuel Arjones, quen mantivo a súa amizade e admiración polo mestre ata o final.

José Crespo foi un home de moitas inquietudes, ademais da talla artística, o debuxo e a pintura, gustou da poesía e participou no grupo poético Brétema. 

Agradecido á Escola polos coñecementos aquí recibidos, mantivo toda a súa vida unha boa relación con outros compañeiros de estudos. No ano 1987 creou xunto co antigo director Ricardo Torres Quiroga a Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Artes e Oficios que estivo activa algo máis dun lustro. Estas vivencias quedaron reflectidas nos dous libros de memorias que escribiu: "Guijarros, pelouros de río" e "Mosaico de recuerdos".

Colaborou e prestou obra para a Exposición histórica "A Escola Municipal de Artes e Oficios: 130 anos na Historia de Vigo" Ata comezos do ano 2020 puidemos velo a miúdo por aquí, acudía con frecuencia a moitas das actividades culturais que se desenvolvían na hemeroteca.

Desde aquí queremos enviar o noso máis sentido pésame á súa familia e amigos, quedará sempre na nosa memoria polo home bo que foi. Descanse en paz!

Algunhas obras de José Crespo: