Hoxe estamos de aniversario, hai 136 anos inaugurabase na antiga rúa do Circo, a Escola de Artes e Oficios.
No ano 1886 un fato de ilustres cidadáns, nomeadamente Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena, Manuel Diego Santos, imbuídos do espírito ilustrado da Institución Libre de Ensinanza (ILE) e convencidos de que o grande pulo social e industrial que Vigo encetaba nos finais do século XIX sería imposible sen unha acción sistemática e organizada de formación cultural e profesional das súas clases traballadoras, deciden impulsar e crear en Vigo a Escola de Artes e Oficios (EAO). Comeza así a desenvolverse un ambicioso programa de estudos dirixido á capacitación básica dos e das traballadoras. O 26 de setembro de 1886 verificábase a apertura do primeiro curso nun acto solemne presidido polo ex ministro da Primeira República, Eduardo Chao, que fixo o discurso inaugural.
Ante o éxito da iniciativa, axiña foron insuficientes os locais elixidos para a súa sede na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias). Consciente da necesidade de dar cobertura ás crecentes necesidades de formación e ao propio éxito da implantación da Escola, no ano 1900 José García Barbón fai xenerosa doazón á cidade dos edificios que albergarán ata os nosos días a EAO. Ao tempo, créase a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Concello de Vigo pasa a ser o xestor e principal financiador da Institución. Un dos seus primeiros directores, Fernando García Arenal, fillo da inesquecible Concepción Arenal, testemuña a relación expresa da EAO coa filosofía e práctica da ILE.
A Escola de Artes e Oficios acompañou e garantíu o desenvolvemento da cidade, tanto no que se refire ao industrial como ao arquitectónico, social e artístico, especialmente dende o inicio ata o derradeiro terzo do século XX, momento no que a aparición e implantación progresiva dun ensino profesional e técnico oficial nos anos 70 significou, primeiro, a decadencia e, logo, xa coa Democracia, a recuperación da institución sen que perderan, renovándoos, os principios de educación popular e permanente, compromiso social, excelencia técnica, interdisciplinariedade e creatividade que alumaron as súas orixes.
Na actualidade, a centenaria Escola é un centro de ensinanza para adultos, non regrada, cun programa que abrangue materias moi diversas desde o ámbito das belas artes ata os oficios máis artesanais, cunha orientación máis profesional. Salientar que o centro conta, desde o ano 2011, cunha sala de exposicións, O Espazo Emao, un equipamento necesario para abrirnos cara á cidade como centro formativo e ensinar o que temos que ofrecer como colectivo, cunha oferta expositiva variada para atraer a un público amplo e activo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!