luns, 29 de xaneiro de 2024

Venres da EMAO. 2-Febreiro-2024. Presenta "La Romana" [MODA]

2-febreiro-2024

“La Romana"

La Romana é o nome da residencia desta familia nova, inquieta e apaixonada por Galicia que entre viñedos de albariño dá nome a un proxecto familiar. Alma Pérez vén presentarnos este proxecto de moda slow que se confecciona por modistas da zona e co que queren dar continuidade aos oficios tradicionais cun certo aire vintage.

Máis información


Presentado por Emma González (mestra de Moda e confección da EMAO)
Data: 2 de febreiro de 2024
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo

 

30-1-2024. Conferencia "De aquelas loitas, estes dereitos (2). Claves do movemento feminista" [OUTRAS NOVAS] [ATENEO ATLÁNTICO]

 


30 Xaneiro  de 19:30 – 21:00. Claves do movemento feminista

Segunda entrega desta actividade, Daquelas loitas, estes dereitos: claves do movemento feminista, no que Cristina Louzán e Priscila Retamozo conversan sobre os fitos fundamentais da historia do movemento feminista, pasos que resultaron fundamentais para avanzar cara á situación actual de recoñecemento de dereitos das mulleres dentro da sociedade. Organiza o Ateneo Atlántico.

Fotos da Conferencia "Artesanía de Galicia: actualidade e proxectos" con Elena Fabeiro [VENRES EMAO]

Pepe Pereira presenta a Elena Fabeiro


Resumo en imaxes das outras actividades culturais da semana do 22 ao 26 de xaneiro [OUTRAS NOVAS]

25-1-2024. Conferencia "Isaac Peral, a modernización do Balneario de Mondariz". Ciclo a Historia e os seus Personaxes 


 

 23-1-2024. Presentación do Libro Colectivo "O Carballo de Padroso"

 


venres, 26 de xaneiro de 2024

Venres da EMAO. 26-1-2024. Conferencia "Artesanía de Galicia: actualidade e proxectos" con Elena Fabeiro [COIRO]

26-Xaneiro-2024

 

A artesanía en Galicia está vivindo un momento especial. Os seus artesáns son recoñecidos a nivel nacional e internacional e o traballo artesán galego está recibindo premios que aumentan o seu prestixo.

Elena Fabeiro, Xerente da Fundación Artesanía de Galicia, coñece de primeira man a situación e achegará os novos proxectos para afrontar un futuro no que os oficios serán os protagonistas.

Presenta: Pepe Pereira. Mestre de Artesanía do Coiro.
Data: 26 de xaneiro de 2024
Hora:
19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios.
 
Entrada libre ata completar aforo

Bibliografía básica sobre a artesanía tradicional e contemporánea [BIBLIOTECA]

 

Esta tarde dentro da programación semanal os VENRES da EMAO teremos na nosa hemeroteca a Elena Fabeiro, Xerente da Fundación Artesanía de Galicia,  que coñece de primeira man a situación da artesanía e dos artesáns na nosa Comunidade.

Aproveitamos a ocasión e levamos as vitrinas do corredor unha  selección bibliográfica dos títulos que tedes na Biblioteca relacionados coa artesanía tradicional e contemporánea que esperamos sexan do voso interese.

xoves, 25 de xaneiro de 2024

Luis Torras Martínez (1912-2024)... A EMAO e a cidade choran [PINTURA]

Luis Torras Martínez (1912-2024):



No tecido mesmo da historia da arte galego, destaca a figura inmortal de Luis Torras Martínez, un virtuoso mestre da paleta e un observador apaixonado da vida que, ao longo dos seus 111 anos, deixou unha pegada indeleble na nosa cidade.


 

Nacido en Vigo o 29 de decembro de 1912, Luis Torras comezou a súa travesía artística en Madrid, onde estudou a Escola de Belas Artes de San Fernando en 1935.

Este punto de partida marcou o inicio dunha carreira que continuaría con profundidade ao longo do séculos XX e XXI.


A súa contribución como profesor de Debuxo na Escola de Artes e Oficios de Vigo desde 1954 non só evidencia o seu compromiso coa educación artística, senón que tamén revela o seu desexo de compartir a súa perspectiva única coas xeracións vindeiras. 

A pintura de Luis Torras é un poema visual, unha amálgama de estatismo, silencio e coidada factura, impregnada dunha forte presenza matérica que lle confire unha singularidade única.
Nos seus trazos, atopamos a contemplación de figuras humanas estáticas, paisaxes que respiran calma e naturezas mortas que revelan a harmonía do inmóbil.
  

A súa participación en varias Exposicións Nacionais de Belas Artes non só consolidouno como un destacado artista, senón que tamén lle valeu mencións destacadas en 1960 e 1968, así como unha merecida medalla en 1962.
A súa obra titulada "Bodegón", realizada ao amorne, agora repousa no prestixioso Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.
O recoñecemento continuou fluíndo cara a Torras, co galardón obtido na primeira edición do certame Unión Fenosa en 1989 e unha importante exposición antolóxica na súa amada cidade en 1984.


O seu legado artístico vese reflectido na Colección Torras, establecida na Casa dás Artes de Vigo en 1998, un testemuño eterno da súa contribución única ao mundo da arte.
As coleccións que albergan as súas obras, desde o Museo Municipal Quiñones de León ata coleccións privadas de renome, testemuñan a importancia do seu impacto artístico.
A súa presenza no Museo de Pontevedra, a Colección Afundación e o Museo de Arte Contemporánea de Santiago resalta a diversidade e riqueza do seu legado.
 

Luis Torras Martínez, o pintor en activo máis veterano do mundo, pechou o seu último lenzo á asombrosa idade de 111 anos, pero a súa arte perdura, unha sinfonía visual que ecoa no tempo. Sendo sempre apoiado pola súa querida muller, María Jesús Incera, quen compartiu con el unha vida de amor e apoio, a súa influencia transcende as fronteiras do lenzo e convértese nun testemuño perdurable dun espírito indomable.



Coas súas propias palabras, Luis Torras declarou: "Traballo coma se fóra a vivir cen anos máis", unha declaración que agora se erixe como un faro de inspiración para as xeracións futuras, lembrándonos a eternidade da creatividade e a paixón que el encarnou.
 



martes, 23 de xaneiro de 2024

25-1-2024. Conferencia "Isaac Peral, a modernización do Balneario de Mondariz". Ciclo a Historia e os seus Personaxes [OUTRAS NOVAS]

Isaac Peral, no centro, sentado xunto a outros residentes do Balneario de Mondariz
 

Este xoves 25 de xaneiro ás 19:00 horas terá lugar na hemeroteca unha charla ao redor da figura de Isaac Peral e a súa vinculación co Balneario de Mondariz, a cargo de Salvador Fernández de la Cigoña. Unha conferencia, integrada no ciclo “A historia e os seus personaxes” dentro da celebración do 150 aniversario do Balneario de Mondariz. 

Mostraranse fotografías ata o de agora descoñecidas das súas estancias na vila termal, e a súa visita ao Castillo de Vilasobroso. Quedan na memoria do balneario numerosas anécdotas que demostran a súa imaxinación e brillante enxeño. Numerosos recordos, entre eles, a súa firma no Libro de Ouro do establecemento, así como fotografías das súas diferentes estancias con outros personaxes destacados da sociedade española daquel tempo. 

O considerado naquela época como o home de moda pola súa xenialidade creativa, coincidiu con Emilia Pardo Bazán, da que se fixo gran amigo, integrándose na cuadrilla de verán da escritora.

Desas vivencias e da súa vinculación con Mondariz e Vigo falará Salvador Fernández de la Cigoña Fraga.

 

luns, 22 de xaneiro de 2024

23-1-2024. Presentación do Libro Colectivo "O Carballo de Padroso" [OUTRAS NOVAS] [ATENEO ATLÁNTICO]

 Martes 23 de xaneiro ás 19:30 horas
 
Presentación do libro colectivo homenaxe a O carballo de Padroso. coa presenza de Bieito Ledo e Xesús Alonso Montero. A achega musical correrá a cargo de Carmen Pením e Maurizio Polsinelli, e os escritores Secundino Diz, Antonio Díaz Pedreira e Stella Maris González Balbuena lerán os seus poemas. Organiza o Ateneo Atlántico.

Fotos da Coversa con Clothilde Frappier. A orixinalidade da arte múltiple [VENRES EMAO]

Alba Pardo presenta a Clothilde Frappier


Resumo en imaxes das outras actividades culturais da semana [OUTRAS NOVAS]

18-1-2024. Presentación e Coloquio sobre o libro "Plumazos" de Ricardo Mella


 

17-1-2023. Xuntanza do Club de lectura do Ateneo Atlántico con Yolanda Castaño


 

venres, 19 de xaneiro de 2024

Venres da EMAO. 19-1-2024. Clothilde Frappier. A orixinalidade da arte múltiple [SERIGRAFÍA]


Clothilde Frappier é unha artista formada en Francia na Escola de Belas Artes de Saint-Etienne e na Escola de Artes Decorativas de París; foi residente como artista investigadora en gravado na Casa de Velázquez en Madrid durante dous anos. A súa afección pola técnica, as ferramentas e os oficios artesanais levouna a formarse e traballar en distintos talleres e con impresores e profesionais da arte gráfica.
No seu traballo considera a repetición como fonte de inspiración. A imaxe nunca existe soa senón formando parte dunha serie de etapas e procesos de transformación.
Dando a volta á noción de "orixinal múltiple", falará do seu proceso creativo baseado na diferenza, o erro e o imprevisto.
O seu traballo sitúase na fronteira entre arte e artesanía, reflexionando sobre a beleza do saber facer, do xesto e da técnica na arte contemporánea.

Máis información


Presentado por Alba Pardo (mestra de Serigrafía artística da EMAO)
Data: 19 de xaneiro de 2024
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo

martes, 16 de xaneiro de 2024

Presentación e Coloquio sobre o libro Plumazos de Ricardo Mella [OUTRAS NOVAS]


Este xoves 18 de xaneiro ás 19:00 presentación e posterior coloquio sobre la obra de Ricardo Mella "Plumazos" coa participación de Daniel Palleiro, Gonzalo Navaza, José Luis Mateo entre outros. Organiza e coordina o acto Iria Presa.

Máis información

Xuntanza do Club de lectura do Ateneo Atlántico con Yolanda Castaño [OUTRAS NOVAS] [ATENEO ATLÁNTICO]



17 Xaneiro  de 19:30 a 21:00 na Biblioteca da EMAO
Materia. Yolanda Castaño

Xuntanza mensual do Club de lectura do Ateneo Atlántico. Neste caso comentarase o poemario Materia. Na sesión, aberta ao público xeral, participará a autora, Yolanda Castaño, que lerá para nós algúns dos seus poemas. 

Máis información

Adeus ao pintor Luis Torras Martínez, antigo mestre da Escola de Artes e Oficios [PINTURA]

Foto de Marta G. Brea para Faro de Vigo

 

Onte faleceu o pintor Luis Torras Martínez (1912-2024), que foi profesor da materia de Debuxo Ornamental, Composición Decorativa e Debuxo arquitectónico na nosa Escola desde 1954 ata 1969, onde deixou un importante pegada en varias xeracións viguesas.

Lembrámolo o día da inauguración da nosa exposición A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo. Parte I 1886-1976 no Espazo EMAO acompañado da súa muller e musa, Mª Jesús Incera e do seu amigo, o escultor Silverio Rivas. O que fose chamado o pintor máis lonxevo do mundo seguiu en activo ata case o final dos seus días aínda que o recente falecemento da súa dona supuxo unha irreparable perdida para o artista.

En 1998 o Concello vigués crea a Colección Torras, con sede na Casa das Artes. Nesta sala atópase unha parte importante do mellor da súa obra, que tamén está representada en destacadas coleccións públicas e institucionais, como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid), o Museo Municipal Quiñones de León (Vigo), o Museo de Pontevedra, a Colección Afundación, ou o Museo de Arte Contemporánea de Santiago (CGAC), así como en importantes coleccións privadas.

Desde aquí queremos render unha homenaxe ao decano dos artistas plásticos galegos e facer chegar as nosas condolencias aos seus familiares e amigos. Descanse en paz!

luns, 15 de xaneiro de 2024

Clothilde Frappier. A orixinalidade da arte múltiple [SERIGRAFÍA]

 Clothilde Frappier é artista formada en Francia na escola de Belas Artes de Saint-Etienne e na Escolas de Artes Aplicadas de Lyon e de Artes Decorativas de Paris (ENSAD). A súa afección pola técnica, as ferramentas e os oficios tradicionais levouna a formarse e traballar en distintos talleres e con impresores e profesionais da arte gráfica.  Fixo prácticas nos obradoiros de Edicións Robert e Lydie Dutrou, centro da estampa e do libro de bibliófila, Taller Gravura, Malaga. Formación con Henrik Boegh en gravura non toxica, Taller A Fleur de Pierre, impresores en litografía en Paris, Taller Tchikebé, impresores e editores en serigrafía en Marsella,  O mono da Tinta, Madrid, formación en fotograbado con Juan Lara edicións Ogami Press, Fundación Museo de Artes do Gravado, Ribeira, formación en Gravado 3D con Jose Funetes Universidade de Salamanca e residencias en  investigación en Citeina deas Arts, St Denis,  residencia de produción na galería A Liña Alternativa St Denis, a Reunión coa artista Gabrielle Manglou, residencia de produción no Centro cultural a Maison du Boulanger, Troyes, coa deseñadora vestiario Caroline Martin e residente como artista investigadora en gravado, a Casa de Velázquez durante dous anos.

Na súa experiencia en docencia destaca a súa asistencia como profesora de gravado na Escola Superior de Arte e Deseño Parsons de Paris e como profesora de debuxo e estampa no Paris College of Art, Universidade Americana de Arte e Deseño e profesora de gravado na Escola Superior de Arte da illa de Reunion.



No seu traballo considera a repetición como fonte de inspiración. A imaxe nunca existe soa senón formando parte dunha serie de etapas e procesos de transformación.

Dando a volta á noción de "orixinal múltiple", este venres  falaranos do seu proceso creativo baseado na diferenza, o erro e o imprevisto. O seu traballo sitúase na fronteira entre arte e artesanía, reflexionando sobre a beleza do saber facer, do xesto e da técnica na arte contemporánea.

 Recordamos que o ciclo de actividades dos Venres da Emao están abertos a todo o público ata completar aforo, vémonos!