Foto de Marta G. Brea para Faro de Vigo |
Onte faleceu o pintor Luis Torras Martínez (1912-2024), que foi profesor da materia de Debuxo Ornamental, Composición Decorativa e Debuxo arquitectónico na nosa Escola desde 1954 ata 1969, onde deixou un importante pegada en varias xeracións viguesas.
Lembrámolo o día da inauguración da nosa exposición A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo. Parte I 1886-1976 no Espazo EMAO acompañado da súa muller e musa, Mª Jesús Incera e do seu amigo, o escultor Silverio Rivas. O que fose chamado o pintor máis lonxevo do mundo seguiu en activo ata case o final dos seus días aínda que o recente falecemento da súa dona supuxo unha irreparable perdida para o artista.
En 1998 o Concello vigués crea a Colección Torras, con sede na Casa das Artes. Nesta sala atópase unha parte importante do mellor da súa obra, que tamén está representada en destacadas coleccións públicas e institucionais, como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid), o Museo Municipal Quiñones de León (Vigo), o Museo de Pontevedra, a Colección Afundación, ou o Museo de Arte Contemporánea de Santiago (CGAC), así como en importantes coleccións privadas.
Desde aquí queremos render unha homenaxe ao decano dos artistas plásticos galegos e facer chegar as nosas condolencias aos seus familiares e amigos. Descanse en paz!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!