domingo, 29 de maio de 2022

Venres da EMAO 03/06/2022. Conferencia: ¡Que difícil é poñer prezos! [OURIVERÍA]

 

O Vídeo da Semana de Raku segundo Nigrán 2022 [CERÁMICA]


 

Aqui tedes o vídeo que recolle as imaxes máis significativas da Semana de Raku segundo Nigrán 2022 que acaba de rematar. A Escola Municipal de Cerámica de Nigrán en colaboración coa especialidade de cerámica artística da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, celebraron do 23 ao 27 de maio 2022 unha nova edición, unha semana dedicada a esta técnica milenaria, que se anuncia con este fantástico cartaz de Rodrigo Enríquez.

Fotos da Conferencia Achegámonos a #BiblioMARCO- Actividades e perspectivas dunha biblioteca de arte contemporánea [VENRES DA EMAO]

 


Moitas grazas a Iria Fernández Mouriz, responsable da Biblioteca e Centro de Documentación do MARCO, por colaborar connosco nos venres da EMAO. Unha mágoa que máis persoas non puidesen gozar da súa conversa. É unha delicia escoitar a alguén que goza tanto do seu traballo e que é ademais unha boísima comunicadora. Esperaremos aos fríos do inverno para que nos visite de novo.
 

xoves, 26 de maio de 2022

A Zapatería GB5 [DEBUXO]

Como tódolos anos no obradoiro de Debuxo abrimos unha zapatería na rúa García Barbón nº5 . Aquí presentamos os modelos máis demandados. Este ano seguimos tendo modelos clásicos de zapatos e deportivas, pero trouxemos novo material en zapato de coiro e bota alta que penso que gustará. Os máis solicitados seguen sendo as zapatillas Converse co estampado vermello e azul, que nunca pasa de moda. A bota do lago Ness está perdendo demanda en favor  doutros zapatos máis actuais, ainda así segue a ter unha presenza importante entre a nosa clientela . Espero que vos gusten como están executados polo alumnado dos grupos de Básico.

Esta é a nosa zapatería.

LIÑA CONTORNO: Límite das formas


Bea

Alba

 

mércores, 25 de maio de 2022

A Visita a Porto do Equipo EMAO [OUTRAS NOVAS]


Onte, unha numerosa representación dos mestres e do persoal non docente da Escola, fixemos unha visita á Escola Artística Soares dos Reis, da cidade portuguesa de Porto e unha visita profesional ao Museo de Arte Contemporánea de Serralves, nesa mesma cidade. A visita á Soares dos Reis rememora tamén a que o alumnado daquela Escola (fundada a fin do S. XIX, ao mesmo tempo cá EMAO) fixo á nosa no ano 1934 e que foi amplamente recollida na prensa da época. Agradecemos á Escola Soares dos Reis a atención recibida por parte dos seus profesores e reiteramos as nosas felicitacións polo seu labor educativo.
Esta visita inscríbese dentro do programa formativo e de relacións interinstitucionais para o profesorado e persoal da Escola. Aquí tedes algunhas fotos desta xornada inesquecible:  

88. Ouka Leele, a maxia da existencia [PINTURA]

Ouka Leele, a maxia da existencia.



Ouka Leele, era unha amiga que acompañaba con humanidade, comprensión e empatía.

Barbara cría na maxia da existencia.

Todo ao seu ao redor tiña un significado e un porqué, que atopaba na súa vida, nos amigos, nas persoas, na natureza que a rodeaba… esa maxia era o que fotografaba: non o que vía, senón o que sentía.

Pintando as súas fotografías, transformaba a realidade… que, como sabemos, algunhas veces esquívanos o seu feitizo, para ensinarnos a súa forma de ver o mundo, transportándonos a un mundo de fantasía, emoción e de misterio.

Hoxe, Barbara vólvenos ensinar a realidade de cor.

Entrevista a Silva Fox [COIRO]

 

Galician first, English below.Hoxe temos a oportunidade coñecer algo máis sobre Silva Fox, premio Al Stohlman Award do ano 1997.

-Canto tempo levas traballando co coiro e como empezaches?
-Empecei a traballar o coiro en 1976 cando vin un fermoso bolso labrado nunha tenda de Tandy Leather en Niles, Illinois, onde coñecín ao xerente da tenda, Harry Resinger. Despois de preguntar sobre a compra do bolso e que me dixesen que non estaba á venda pero que podía aprender a facer un, a miña natureza artística viuse desafiada. Solicitei un traballo en Tandy, comprei un kit para principiantes e desde ese momento a paixón permanente polo traballo do coiro xurdiu.

Dende a ventá [SERIGRAFÍA]

O venres rematou a exposición "Arte confinada"con algunhas das pezas que realizou o alumnado da diferentes especialidades da escola durante o confinamento. Unha das propostas da especialidade de Serigrafía Artística para realizar dende a casa consistíu na realización da técnica da cianotipia utilizada baixo a temática común “dende a ventá”. De ahí xurdiron diferentes interpretacións do tema: o que vemos dende a ventá da nosa casa, as ventás imaxinadas …

A cianotipia é un procedemento fotográfico monocromo que no seu proceso fotosensible utiliza citrato de amonio e ferro (III) e ferricianuro de potasio. Esta solución fotosensible aplícase sobre superficie porosa e ao expoñerse á luz reacciona producindo imaxes de gran variedade tonal.

Cursos de formación Corazón da Artesanía. IX Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia - Agolada 8, 9 e 10 de xullo [OUTRAS NOVAS]




Acábase de abrir o prazo de inscrición do seu programa de formación especializada para artesáns que se vai desenvolver no Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra os días 8, 9 e 10 de xullo nos Pendellos de Agolada (Pontevedra), en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas.

Trátase de cinco cursos centrados no coiro, na xoiería, no bordado con la, na pasamanería e na cestería de esparto para os que é preciso inscrición previa na páxina web da Fundación https://artesaniadegalicia.xunta.gal/es/formacions

TÉCNICAS DE VOLUME EN COIRO, impartido polo mestre do coiro José Luis Bazán (Ubrique, Cádiz), Premio Nacional de Artesanía 2021, e no que compartirá os seus coñecementos sobre o material, as súas variedades e como darlle forma a diversos obxectos de coiro a partir de moldes feitos de madeiras, de rochas e doutros elementos. O custo deste curso son 50 euros e está dirixido a profesionais.

Inscricións → https://artesaniadegalicia.xunta.gal/gl/formacions/tecnicas-de-volume-con-coiro

ENGASTADO ELEMENTAL DE PEDRA NATURAL NON CALIBRADO E COMPOSICIÓN DE FORNITURA. Impartido por Noroeste Obradoiro, gañador do Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2021 pola súa colección “Línea” e do Premio Artesanía de Galicia 2016. Jose Castro e Antonio Ibáñez amosaranlle aos asistentes conceptos elementais do engastado de pedras naturais e as premisas que estes profesionais da xoiería empregan para a composición das súas fornituras. Este curso está dirixido a profesionais e estudantes do oficio da xoiería e ten un custo de 50 euros.

Inscricións → https://artesaniadegalicia.xunta.gal/gl/formacions/engastado-elemental-de-pedra-natural-non-calibrado-e-composicion-de-fornitura

CESTERÍA CON ESPARTO, con Simone Simons (Chelva, Valencia). Ofrecerá información sobre a planta e a súa preparación para a cestería, sobre a cultura do esparto, o oficio e as técnicas téxtiles aplicadas. O custo será de 50 euros e diríxese tanto a profesionais como a público en xeral interesado na cestería con coñecementos previos.

Inscricións → https://artesaniadegalicia.xunta.gal/gl/formacions/cesteria-con-esparto

BORDADO AO AIRE, impartido por Zeltia ao aire (A Coruña), que terá un custo de 40 euros e consistirá na aprendizaxe básica da técnica do bordado ao aire mediante a elaboración de catro patróns cos recheos máis comúns. O curso está dirixido a profesionais e a público en xeral interesado na pasamanería.

Inscricións → https://artesaniadegalicia.xunta.gal/gl/formacions/bordado-ao-aire

BORDADO EN LA, impartido por Lola García do obradoiro Logaro (Ourense), que traballará cun grupo diferente cada día e terá un custo de 15 euros. As persoas asistentes aprenderán os puntos básicos e realizarán unha composición floral sobre unha mostra de tecido ou unha prenda tecida, co obxectivo de personalizala e darlle unha nova vida. Está dirixido a profesionais e a público en xeral interesado no bordado e no téxtil.

Inscricións → https://artesaniadegalicia.xunta.gal/gl/formacions/bordado-en-la

martes, 24 de maio de 2022

xoves, 19 de maio de 2022

A última travesía de Domingo Villar [OUTRAS NOVAS]

Unha enorme onda de tristeza percorre as estancias desta vella Escola... 

Biblioteca García Barbón. 14-2-2019
                                                 

Domingo Villar, o precursor do chamado noir vigués, autor de Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco, deixounos prematuramente. Impactados pola noticia, cústanos asimilar que unha persoa nova, chea de vida e de talento foise das nosas vidas dunha forma tan brusca. 

Recordamos con agarimo as súas visitas á nosa Escola para documentarse durante o proceso de xestación que rematou na publicación do último barco. A espera fíxosenos longa, pero como comentou nalgunha ocasión o propio autor: "O oficio literario está moi afastado dos lóstregos de creatividade e ten moito máis que ver con dubidar, con suscitarse preguntas, con intentar respondelas e con ir puíndo as historias aos poucos. Levou o tempo que levou."

Temos que agradecer a Domingo que convertese esta Escola nun dos escenarios principais da súa novela, tamén a algúns dos nosos profesores en personaxes da trama como o mestre de cerámica, Miguel, ou os luthieres, Carlos, Xaime e Ramón. Recibimos este libro como un recoñecemento ao labor centenario desta institución. Como dicía o propio Domingo Villar nunha entrevista: "Todo vai tan rápido que nos esquecemos que hai cousas que se fan amodo e que necesitan calma e reflexión para poder facerse. É o caso dos ceramistas e de todos os mestres artesáns que traballan na Escola de Artes e Oficios."

Lembramos emocionados a presentación do seu libro no noso salón de actos que quedo pequeno para recibir a tantos lectores que esperaban impacientes pola súa última novela. Con todo, Domingo, paciente e amable atendeu a todos con exquisita cortesía.

Pouco tempo despois volveu acompañado da súa nai e visitou a exposición histórica "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo". E o que son as cousas, a pesar do calado labor diario que desenvolve todo o equipo que traballa nesta Escola, foi a súa novela a que fixo volver a mirada de moitos vigueses cara a ela. Foron moitas as persoas que de calquera lugar da península solicitaban unha visita guiada ou aparecían de súpeto por algún dos seus corredores, abraiados pola existencia real dun espazo dedicado ao fomento das artes e os oficios artísticos. Converteuse a moita honra, nun dos escenarios do roteiro literario de Domingo Villar, que na súa opinión: "É un dos lugares dos que os vigueses deberiamos estar máis orgullosos e, con todo, para a maioría non é máis que un edificio silencioso. Sinto que a miña obrigación ao escribir é tamén facer de altofalante e lembrar que temos na cidade unha xoia como esta"  

Conmovidos pola súa inesperada perda, permanecerá na nosa memoria non só polos seus méritos literarios senón como o home bo, sinxelo e afable que foi.


Enviamos desde aquí todo o noso afecto á súa familia e amizades. 

Que a terra che sexa leve!

venres, 13 de maio de 2022

Convocatoria aberta do Nivel Avanzado da EMAO Curso 2022-23 [ADMINISTRACIÓN]

A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo vén de facer pública a Convocatoria de acceso ao Nivel Avanzado para o curso 2022-23 nas especialidades de Serigrafía artística, Cerámica artística, Moda e confección, Pintura, Debuxo artístico, Artesanía en Coiro, Talla e escultura en madeira, Deseño e encaixe de palillos, Ourivería e Construción artesanal de Instrumentos Musicais (CAIM Gaita e CAIM Zanfona).


¿Que é o Nivel Avanzado da EMAO?

É o derradeiro nivel de estudos de cada especialidade. Ten carácter semipresencial e unha duración de un ano. Consiste no desenvolvemento dun proxecto artístico ou artesano persoal, previamente presentado e seleccionado polo profesorado da especialidade e por unha comisión de avaliación. Realízas dentro do obradoiro da Escola, baixo a titoría do mestre/a e coa utilización dos recursos materiais existentes na aula.
Este proxecto poderá orientarse nalgunha das catro liñas seguintes: ➢ Investigación ➢ Produción ➢ Creación ➢ Ampliación de coñecementos.

¿Quen pode acceder a este nivel?

Existen dúas formas de acceso:

  • Ao rematar os niveis Superior e Perfeccionamento II no que esteas matriculado na EMAO, trala presentación e aceptación, no prazo establecido,  do proxecto de fin de estudos.
  • Acceso por convalidación: sen estar matriculado na EMAO, se tes un proxecto artístico ou artesano de interese, que poidas realizar nun ano e que necesites, para desenvolvelo, os recursos técnicos, persoais e materiais que proporcionan as aulas e obradoiros da EMAO. Deberás presentar un anteproxecto e o teu currículum documentado, co contido e forma que se recollen na convocatoria, dentro dos prazos establecidos na vindeira convocatoria xeral do curso 2022-23. O acceso estará condicionado á aceptación  mediante informe motivado do mestre/a e á existencia de prazas vacantes nese nivel e ano.

¿Cal foi o resultado doutros anos?

Ao remate de cada ano, a EMAO expón algúns dos resultados materiais do traballo do alumnado deste nivel. 

Aquí está dispoñible o catálogo da exposición de Proxectos 2018.

Rodrigo Enriquez Vázquez. Proxecto  Cerámica 2018

José Cebro Martínez. Proxecto Talla e Escultura 2018

Marisa Álvarez Pérez. Proxecto Debuxo 2018











xoves, 12 de maio de 2022

Bibliografía para a Especialidade de Moda e Confección [BIBLIOTECA]

    

Este venres 13 de maio dentro da Programación Semanal os Venres da EMAO, a artesá textil María Xosé Martínez Pérez dará na hemeroteca unha conferencia "A Seda. Historia, cultivo e obtención do fío", polo que estes días teremos nas vitrinas do corredor de acceso á Biblioteca unha pequena selección bibliográfica relacionada cos tecidos.

mércores, 11 de maio de 2022

Conferencia "Universidade de Vigo e Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible do Sur de Galicia" [OUTRAS NOVAS]


 

Ana Freiría - Ourivaría de pasarela en Camariñas [OURIVARÍA]

A XXI Mostra do Encaixe de Camariñas deste ano celebrouse do 13 ao 17 de Abril, 

este ano contou coa participación no seu desfile das pezas realizadas por Ana Freiría, alumna de Ourivaría do Nivel Avanzado. 


Detalle Colar - Ana Freiría

Ana realizou estas pezas con chapa de latas recicladas de residuos da hostalería e prancha de cobre reciclada do sector naval, fío de latón e os encaixes tecidos a mán aos que lle deu unha pátina de oxidación propia do cobre, quedando tinguidos de unha bonita cor azul verdosa. 

martes, 10 de maio de 2022

I Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Sabarís [OUTRAS NOVAS]


 

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA) e a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) convocan o I Certame de Pintura Rápida ao aire libre en Sabarís, que se celebrará o vindeiro domingo 15 de maio nas rúas deste lugar, co obxectivo de fomentar e espertar a creatividade artística a través da pintura. A temática versará sobre Sabarís en toda a súa extensión, deixando liberdade aos autores en canto a técnica e estilo. A execución será directa, diante do motivo ou do modelo natural. Non se permitirá o uso de fotografías, computadores, cámaras medios ou materiais gráficos.

O concurso está aberto a todos os artistas que o desexen. A inscrición para participar na iniciativa debe facerse a través de correo electrónico escribindo á dirección: coemsa2010@ hotmail.com

O prazo permanecerá aberto ata o día 13 de maio de 2022, inclusive.

Cada artista só poderá presentar unha obra e non poderá asinala ata o momento no que se coñeza o ditame do xurado. 
 

Verme de Fernández & González [BIBLIOTECA]

Hoxe felicitamos ao noso mestre de debuxo, Federico Fernández,  pola publicación de Verme, un libro interactivo en formato acordeón que ao despregalo transfórmase nun gran mural de dobre cara. Verme preséntanos un novidoso dispositivo mecánico dirixido por uns divertidos operarios, co que é posible viaxar ao centro da Terra. 

A idea orixinal  e os debuxos son de Federico e  a cor de Germán González. Un libro  axeitado para estimular a agudeza visual e a creación de historias. Ao carecer de texto escrito, estimula a aprendizaxe lingüística porque as nenas e os nenos que observan son quen poñen as palabras para crear estas historias.

Como xa acontecera con “Balea”, o lector goza esculcando a través do cento de xanelas que se abren sobre o casco deste novo sistema de transporte cara ao fondo da terra. Ambos os libros evocan as viñetas de Francisco Ibáñez en “13, Rue del Percebe”, así como as propostas lúdicas do alemán Ali Mitgusch cos seus “álbums de imaxes ocultas” ou as multitudes de Martin Handford en “Onde está Wally?”, tamén ten referencias a Julio Verne, a novela Frankenstein, a película Grease... Só hai que atopalas.


luns, 9 de maio de 2022

"CLIJ: Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil" [BIBLIOTECA]


Xa está dispoñible na sala de lectura o n. 307 (maio-xuño) da revista "CLIJ: cuadernos de literatura infantil y juvenil". A subscrición da nosa biblioteca a esta publicación comezou este pasado xaneiro, por suxerencia do noso mestre de debuxo, Federico Fernández.  

CLIJ é revista especializada en literatura infantil e xuvenil comezou a editarse fai xa tres décadas, cun dobre obxectivo: dignificar unha literatura que, por estar destinada aos menores, sempre se considerou menor, e defender a importancia cultural da lectura desde a infancia.

CLIJ articula os seus contidos ao redor da información das novidades editoriais do mes e noticias sobre o mundo do libro infantil e a reflexión con traballos de investigación sobre historia, xéneros, autores e tendencias da literatura infantil; artigos de opinión e tamén perfís de clásicos con monográficos dedicados aos autores clásicos do xénero. 

Inclúe unha sección chamada "Mostra de Ilustradores" que ten como obxecto a promoción de ilustradores no ámbito da literatura infantil e xuvenil. Unha sorte de "plataforma" para ilustradores que queiran mostrar o seu traballo.

 

Resumo en Imaxes dunha Semana na EMAO [OUTRAS NOVAS]

 Este é un pequeno resumo en imaxes da semana do 2 ao 6 de maio...

4-5-2022. Visita do curso da UNED "Vigo. Historia e Patrimonio"




 
5-5-2022. Entrevista e sesión de fotos á escritora María Oruña


5-5-2022. Coiro visita o Museo de Pontevedra e Santa María a Maior
                                  

5-5-2022. Visita do alumnado de Cerámica á Sargadelos, Terras de Buño e Aparicio

       5-5-2022. Visita en Santiago á exposición de Xosé Luis Otero  pola especialidade de Talla

                              

6-5-2022. Conferencia de Xoán Carmona Badía. Venres da EMAO

Venres da EMAO 13/05/2022: Conferencia "A Seda, historia, cultivo e obtención do fío" [MODA]

 

venres, 6 de maio de 2022

Patronaxe de Teresa Gileswska [MODA E CONFECCIÓN]

A nosa biblioteca dispón de numerosos libros na sección de moda e confección e moitos deles sobre patronaxe, Hoxe quero compartir convosco os dous libros dunha autora cunha longa traxectoria profesional, Teresa Gilewska.

Teresa Gilewska ensinou deseño de moda desde hai máis de trinta anos en Francia, Polonia e China. En 1989 creou o seu propio estudo en París, que dirixiu ata o ano 2000. Desde entón dedícase exclusivamente ao ensino e transmite con entusiasmo os coñecementos indispensables para exercer o oficio do prêt-à-porter. En 2014 creou o Centro de formación de Moda (FdM). Nesta mesma editorial publicou o best seller "Patronaxe. As bases", ademais de "Patronaxe. As transformacións" 
 
PATRONAXE: AS BASES 
 

 
Permite aprender doadamente as bases necesarias para debuxar un patrón e montalo en plano, acompañadas de todas as explicacións e diagramas necesarios para confeccionar a medida os modelos propostos. Agrúpanse por capítulos os elementos de detalle como corpos, mangas, saias, forros… para que cada un poida adaptar e personalizar como queira un modelo, unha vez realizada a base da peza.

mércores, 4 de maio de 2022

FACER ESCOLA/Artesanía en Coiro 11/05/2022: Conferencia: "Volume no Coiro" por Juan García Olmedo [COIRO]

 

O vindeiro mércores día 11 recibiremos na EMAO a visita de Juan García Olmedo que se atopa en Galicia facendo o camiño de Santiago. Xa no ano 2018 recibimos a súa visita  cunha clase maxistral que deixou pegada. 
Nesta ocasión Juan falaranos do volume en coiro, profundando en catro apartados: Moldeado e repuxado, Baixo relevo, Alto relevo, Vulto redondo e outros modelos tridimensionais.
Aproveitaremos tamén os coñecementos do artista cordobés para que nos aclare algúns conceptos técnicos de cor.
Juan García Olmedo é un dos artistas máis importantes do panorama actual en España e desde 2017, cando participou na exposición "#handmadenothomemade" (aquí o catálogo desa mostra), mantén coa nosa escola unha relación moi especial.
Máis información

Téxtiles de artistas [SERIGRAFÍA] [MODA]

Visitamos a expo "Téxtiles de artistas" organizada polo Fashion and Textile Museum de Londres. Interesantísima expo porque a maioría dos tecidos están serigrafiados.

A mostra ofrece un percorrido pola historia da arte do século XX a través de tecidos deseñados por artistas de primeira liña, con exemplos senlleiros que se insiren nalgúns dos principais movementos artísticos: fauvismo, cubismo, abstracción, surrealismo e pop art. Composta por máis dun centenar de obras, esta exposición presenta unha importante panorámica dos tecidos como forma de arte popular na Gran Bretaña, os Estados Unidos e a Europa do século XX.

Entre os artistas figuran nomes como Pablo Picasso, Raoul Dufy, Salvador Dalí, Henri Matisse, Sonia Delaunay, Henry Moore, Fernand Léger, Barbara Hepworth, Ben Nicholson, Joan Miró, Andy Warhol e Alexander Calder. Adicionalmente, e de forma exclusiva, a exposición que se presenta na Fundación Barrié conta cunha selección especial de pezas de artistas e deseñadores do século XXI: teas de Howard Hodgkin para Designers Guild, téxtil deseñado por Zandra Rhodes para Valentino e téxtil-vestimenta e filme de Sterling Ruby, así como un tapiz de gran formato de Damien Hirst para HENI Editions e pano en colaboración con Alexander McQueen, obras cedidas polos propios artistas.