martes, 3 de maio de 2022

CIEC. Centro Internacional da Estampa Contemporánea. [SERIGRAFÍA] [MODA]

A semana pasada estivemos no CIEC, Centro Internacional da Estampa Contemporánea. Desfrutamos da visita guiada de Pedro e María e súa xenerosidade ao amosarnos as diferentes técnicas de gravado.  É unha fundación privada creada no 1997 fruto da teima do artista Jesús Núñez co obxectivo de promocionar e difundir as artes plásticas en xeral e a arte gráfica en particular.

“Un Centro-Museo Vivo, onde o nacemento e desenvolvemento da obra gráfica está representado dun xeito diáfano a un gran nivel didáctico, teórico, visual e práctico” (Jesus Nuñez)

A Fundación CIEC realiza numerosas actividades e iniciativas entre as que destacan a formativa e a expositiva. A organización de cursos e talleres ao longo de todo o ano e a creación no 2003 do Máster da Obra Gráfica fálanos da importancia desta actividade así coma do número de profesoras/es, artistas e estudantes que teñen participado e o seguen facendo. A exhibición dos fondos da Colección, a realización de exposicións temporais, as visitas guiadas e as visitas didácticas para centros formativos e público en xeral, os talleres para nenas/os e a asistencia a feiras de arte contribúen notablemente ao mellor coñecemento e difusión da arte gráfica e das/os artistas. A isto hai que sumar as publicacións, edicións, conferencias, presentacións de libros, concertos e demás eventos que converten á Fundación CIEC nun referente da Gráfica contemporánea.
Dende 2006 recoñécese  esta labor e a do seu Presidente coa creación do Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez que convoca a Deputación da Coruña.






Talleres

A Fundación CIEC conta con 1.500 m2 de amplos espazos renovados e adaptados para acoller un centro de gráfica, con equipamento, maquinaria, ferramentas e zonas de traballo e estudo para o coñecemento e desenvolvemento destas técnicas tradicionais, e xunto aos espazos expositivos que albergan a Colección e mostras temporais.
Estos talleres contan con tórculos, prensas hidráulicas e planográficas, brazos de estampación serigráfica, secadeiros, laboratorios, mesas de traballo, biblioteca, etc en condicións óptimas para os cursos, talleres, estancias artísticas, clases personalizadas ou visitas.




A Colección

A Colección da Fundación CIEC ofrece unha ampia visión da gráfica contemporánea, dende as linguaxes máis realistas á abstracción, variantes que se acentúan pola diversidade de técnicas na consecución dunha estampa.

Nela atópanse representadas/os grandes mestras/es que ceden relevo a artistas consolidadas/os e a novas/os creadoras/es formados nos talleres do centro ou nas facultades e escolas de arte de todo o mundo. Barjola, Canogar, David de Almeida, Genovés, Jordanov, Gabriella Locci, Antonio Lorenzo, Maruja Mallo, Picasso ou Saura son só un exemplo das súas máis de 3000 obras.

Esta importante Colección segue a ampliarse cada ano grazas á xenerosidade de moitas/os artistas e ao programa expositivo que desenvolve o equipo do CIEC ao longo do ano. Especial atención merecen pola importancia do seu autor e número de estampas as salas Amadeo Gabino, François Maréchal, Jesús Núñez e Luis Seoane.


Cursos

Os cursos profundizan nas variantes técnicas dos diferentes métodos de estampación artística. Técnicas gráficas tradicionais e as súas derivacións, así coma as derradeiras tecnoloxías aplicadas á estampa. Están impartidos por eminentes profesoras/es e artistas.






http://www.fundacionciec.com/


Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!