Amosando publicacións coa etiqueta Encaixe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encaixe. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2026

12-6-2026. Venres da EMAO presenta "Desatada e descosida" [DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS]

 

Desatada e descosida: unha colaboración entre o Máster en Creación artística contemporánea da Facultade de Belas Artes e a Aula de Deseño e encaixe de palillos da EMAO"
 
Nesta charla participarán a alumna autora do proxecto e as súas titoras académica e profesional, compartindo o proceso de desenvolvemento, os resultados obtidos e as aprendizaxes xurdidas do traballo conxunto.

Un encontro para reflexionar sobre o valor da investigación aplicada e o diálogo entre a universidade, a formación artística e o sector artístico téxtil como é o encaixe de palillos.

Presentado por:
Marian Núñez, mestra de Deseño e encaixe de palillos da EMAO
Carmen Lage: titora da Facultade de Belas Artes (Pontevedra) da Universidade de Vigo.
Beatriz de Castro Teixeira: alumna de TFM. Belas Artes

Data: 12 de xuño de 2026
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

luns, 13 de abril de 2026

13-4-2026. Exposición "Conto de inverno e rock and roll" pola aula de Deseño e encaixe de palillos [ ENCAIXE]



Nos paneis expositivos do hall de entrada, e hall das escaleiras do edificio principal podedes visitar ata o 8 de maio a exposición "Conto de inverno e rock and roll" .
A exposición consta de traballos prácticos das alumnas baseados na creación de deseños propios. Cada proposta foi desenvolta utilizando a técnica tradicional do encaixe de cinta. O obxectivo é fomentar a creatividade e a aplicación dos coñecementos adquiridos. As alumnas deseñaron e executaron as súas pezas de forma autónoma. O resultado final reflicte tanto na orixinalidade como o dominio técnico da técnica empregada. 
 


Conto de inverno e rock and roll é unha proposta expositiva que expón un diálogo entre dous universos aparentemente opostos: a intimidade evocadora do inverno (asociada ao recollemento, a memoria e o narrativo) e a enerxía crúa, rebelde e vital do rock and roll. 
 

 
Lonxe de expor unha oposición ríxida, a mostra busca explorar os puntos de encontro entre ambas linguaxes. O inverno non é só silencio, tamén é intensidade contida; o rock non é só estridencia, tamén é emoción e relato. Nese cruzamento, a exposición constrúe unha narrativa híbrida onde conviven o delicado e o salvaxe, o íntimo que é o encaixe de palillos e o expansivo, o espazo e as ideas de cada alumna.
 

 Ficha da Exposición:

Nome: Conto de inverno e rock and roll.
Lugar: Os paneis expositivos do hall de entrada, e hall das escaleiras do edificio principal. (3 paneis)
Datas: 13 de abril ao 8 de maio de 2026.
Comisariado: Marian Núñez, mestra de Deseño e Encaixe de palillos.
Producción e montaxe: Alumnado da especialidade de Deseño e Encaixe de palillos da EMAO.

mércores, 1 de abril de 2026

1 ao 5 de abril. XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas [OUTRAS NOVAS]


 

A XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas 2026 celebrarase do 1 ao 5 de abril cun programa que volverá converter a vila no gran escaparate do encaixe de Camariñas, da moda, da artesanía e da cultura galega. 
 
Baixo o lema “Onde o fío se converte en arte”, esta nova edición quere reivindicar Camariñas como o lugar onde late con máis forza o corazón da artesanía en Galicia, cunha programación ampla na que se mesturan tradición, creatividade, talento emerxente e propostas para todos os públicos.
 

mércores, 18 de febreiro de 2026

20-2-2026. Venres da EMAO presenta NeSpoon, unha ollada ao encaixe a través do graffiti [ENCAIXE]


 Vídeo-coloquio, sobre as distintas formas de expresión contemporáneas coa técnica artística do encaixe (palillos, agulla, máquina...).

NeSpoon é unha artista urbana polaca que leva a linguaxe do encaixe ao espazo público mediante grafitis, persoais e murais. Ao trasladar patróns delicados a muros e fachadas, converte unha técnica asociada ao doméstico nun xesto monumental e visible. Os seus motivos funcionan como “pegadas” de memoria e coidado, pero tamén como unha reivindicación do artesanal na cidade.

Entre ornamento e protesta silenciosa, o seu encaixe crea comunidade e redefine que pode ser arte na rúa.

Presentado por Marian Núñez (mestra de Deseño e encaixe de palillos da EMAO)
Data: 20 de febreiro de 2026
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

mércores, 1 de outubro de 2025

3-10-2025. Venres da EMAO presenta a curtametraxe "O segredo de Puskas" [ENCAIXE]


"Un misterio por resolver: se o encaixe de palillos é ritmo, xeometría e paciencia... Que detén aos homes?"

Co comezo do novo curso, volven os Venres da EMAO, un exitoso programa de divulgación, coñecemento e debate ao redor de temáticas relacionadas coas especialidades da escola. E comezamos este curso cunha das especialidades veteranas e senlleiras da escola, a de "Deseño e encaixe de palillos".
 
Marian Núñez, mestra da especialidade, preséntanos a curtametraxe “O segredo de Puskas”, con reflexións e debate sobre un tema tabú: como na arte do encaixe e no ámbito téxtil aínda existe certa controversia de xénero.
 
Xosé A. Touriñán, axudaranos coa resposta.
 
Presentado por Marian Núñez (mestra de Deseño e encaixe de palillos da EMAO)
Data: 3 de outubro de 2025
Hora: 19.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Entrada libre ata completar aforo.

luns, 16 de xuño de 2025

20-6-2025. Inauguración da exposición "Castelao na EMAO" [ESPAZO EMAO]


A inauguración da Exposición "Castelao na EMAO", comisariada polo profesorado das especialidades de Serigrafía artística e Talla e escultura en madeira da Escola municipal de Artes e Oficios (EMAO), terá lugar o venres, día 20 de xuño, ás 19,00h, no Espazo EMAO.

Dentro da programación anual da EMAO prevese, ao remate de cada curso académico, a produción dunha exposición cos resultados dun proxecto que, partindo dunha idea xeradora única, dea lugar a interpretación, despregue do traballo e saber facer dos distintos talleres.

Neste ano 2025, a escola e as súas especialidades renderán homenaxe, no Ano dedicado a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao polo 75 cabodano do seu pasamento, ao polifacético persoeiro da cultura e da política, figura clave na historia recente do noso país, e considerado un dos fundadores da Galicia contemporánea.

A EMAO súmase así á multitude de actos e homenaxes que, por toda Galicia, se están a desenvolver neste ano, salientando a obra do pintor, debuxante, humorista, escritor, pensador e político. O alumnado e mestres das diferentes especialidades da Escola presentan a súa particular visión deste personaxe universal. En paralelo á exposición, nas vitrinas do corredor da Biblioteca da EMAO pódense contemplar unha selección bibliográfica de títulos relacionados coa vida e a obra de Castelao, pertencentes aos fondos da Biblioteca da Escola.

Esta exposición estará aberta entre os días 20 de xuño e o 17 de outubro de 2025 (pechada o mes de agosto). 

FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: "Castelao na EMAO"
Lugar: Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro.
Datas: do 20 de xuño ao 17 de outubro de 2025 (agosto pechado)

Horario:
- Do 20 de xuño ao 30 de xuño: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
- Do 1 de xullo ao 12 de setembro (agosto pechado): de luns a venres, laborables, de 10:30h a 13:30h
- Do 15 de setembro ao 17 de outubro: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h

Comisariado: Alba Pardo, mestra de Serigrafía artística e Rosa García, mestra de Talla e escultura en madeira, coa colaboración do profesorado de Debuxo, Pintura, CAIM Gaita, Moda e confección, Ourivería, Artesanía en coiro, Deseño e encaixe de palillos e CAIM Zanfona.
Cartaz: Federico Fernández Alonso
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2025
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez Arteaga

martes, 10 de xuño de 2025

Escola de Verán 2024-2025. Do 4 ao 22 de xullo de 2025 [ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS DE VIGO, EMAO]

EMAO. CURSOS MONOGRÁFICOS
ESCOLA DE VERÁN 2024-2025
Do 4 ao 22 de xullo de 2025
 
 
Prazo de presentación de solicitudes : 00:00 horas do 16 de xuño ata as 24 horas do 20 de xuño de 2025. Toda a información
 
CONDICIÓNS COMÚNS A TÓDOLOS CURSOS
 
Duración dos cursos: 36 horas
Datas: Entre o 4 e o 22 de xullo de 2025. Horario de mañá
Lugar: Aulas e talleres da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO)
Prazas limitadas: Ver número máximo de alumnos/as na convocatoria específica
 
Inscrición: Gratuíta. Mediante envío de correo electrónico, no prazo indicado a continuación, a
emao@vigo.org, cos seguintes datos (imprescindibles):
  • Asunto: [nome do curso]
  • Nome e apelidos do/a solicitante
  • DNI
  • Enderezo de correo electrónico no que desexan recibir a confirmación de admisión, se éo caso.

Admisión de solicitudes:
  • Non poderán inscribirse as persoas matriculadas na EMAO no curso 2024-2025
  • Só se admiten persoas maiores de 16 anos
  • Só serán válidas as solicitudes que cumpran estritamente as condicións indicadas nesta convocatoria para cada curso en concreto.
  • A inscrición farase por estrita orde de recepción do correo electrónico de solicitude, ata cubrir o máximo de prazas ofertadas.
  • O prazo para solicitar a inscrición será desde as 00.00h do 16 de xuño, ata as 24.00h do 20 de xuño de 2025. Non serán válidas as solicitudes presentadas con anterioridade e posterioridade a estas datas.
  • A confirmación da matrícula realizaraa a EMAO exclusivamente por correo electrónico. No caso de producírense vacantes no primeiro día do curso, convocarase á lista de reserva.
 
 
 
“GOZA DO VERÁN CUN BORNAL FEITO Á MAN”

 



Impartido por Pepe Pereira, mestre da especialidade de ARTESANÍA EN COIRO da EMAO.

Destinatarios/as: Persoas interesadas en achegarse ao Coiro e descubrir as súas posibilidades creativas e prácticas. Preferiblemente sen coñecementos previos.
Datas: do 7 ao 16 de xullo, de 09.30h a 14.00h. Duración: 36 horas. 
Obxectivo: Realizar un bornal de pastor con peto interior realizado integramente á man e en coiro. 

PROGRAMA
Obxectivos:

O bornal de caza é unha bolsa de pel ou coiro que os pastores e os cazadores levaban no seu lombo para portar os elementos de uso cotián que empregaban nas súas saídas ao campo ou ao monte. Nesta aproximación realizaremos unha peza deste tipo que estará elaborada integramente á man. Traballaremos sobre dous tamaños de padrón adaptándonos ao gusto do alumno tanto nesta selección coma na decoración. Queremos revivir esta peza en desuso e que resulta moi cómoda e práctica.

Contidos:

- Aproximación ao coiro e aos procesos de curtido 
- Introdución aos complementos de coiro para caza e pastoreo 
- Achegamento á decoración do coiro (costuras decorativas, texturas e tinguido) 
- Inmersión na costura de “Guarnicioneiro”

Material a achegar polo alumnado:

Coiro vacún (3 pés); serraxe (6 pés); correas de vacún (2); 10 metros de tireta de coiro e 3 fibelas. Non fai falla traer os materiais o primeiro día, hai posibilidade de facer unha compra en grupo de materiais para abaratar o custo.

Alumnado máximo: 12  


“PLENEIRISMO. Parte II”

 



Impartido por Darío A. Basso e Federico Fernández, mestres das especialidades de PINTURA e DEBUXO ARTÍSTICO da EMAO.

Destinatarios/as: calquera persoa interesada.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 09.00h a 13.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: No curso 2023/24 os obradoiros de Pintura e Debuxo realizamos un Monográfico onde abordamos e emulamos aos Mestres da pintura e o debuxo ao natural, no que se coñece na historia da arte como “Pleneirismo”. Para este curso 2024/25 realizamos unha segunda parte desta andaina pictórica pola cidade, cun cambio significativo da contorna a debuxar. O que antes era natureza, mar, arboreda e rochas na contorna de Samil, desta vai ser formigón, asfalto e tráfico pintando polo centro da cidade de Vigo. Os obradoiros de Pintura e Debuxo en conxunto propoñen a práctica desta actividade realizando inicialmente uns exercicios de aula para posteriormente saír pola contorna da cidade de Vigo co alumnado, fomentando nesas prácticas finais a expresión da cor, a composición e a perspectiva a “plein air”.

PROGRAMA:  
Obxectivos:

- Coñecer dun xeito introdutorio a historia da pintura do natural 
- Introducir ao alumnado na pintura ao aire libre 
- Representar a contorna urbana e a súa pulsión a través da cor 
- Fomentar dun xeito práctico a expresión da cor, a composición e a perspectiva a “plein air” nun entorno urbano
 
Contidos:

- Introdución a pintura do natural. Historia
- Introdución ás técnicas pictóricas de procedemento rápido
- A liña como elemento compositivo nunha paisaxe urbana 
- A liña e a mancha como elementos xeradores de texturas e movemento. 
  Impresionistas e postimpresionistas 
- A aplicación da teoría da cor para capturar a paleta presente nunha paisaxe urbana 
- Diferentes perspectivas que se presentan nunha composición urbana. Lineal e atmosférica
- Introdución á perspectiva italiana. Convencionalismos. Utilización práctica 
- Expresión da pulsión da cidade a través da propia interpretación creativa do alumnado

Material a aportar polo alumnado:

Taboleiro formato A3; pinzas; bloque de debuxo multitécnica, formato A3; lapis; pinceis varios.

Alumnado máximo: 15  


“OURIVARÍA CON MATERIAIS NATURAIS E RECICLADOS ”

 


Impartido por Sandra de Jesus, mestra da especialidade de OURIVARÍA da EMAO.

Destinatarios/as: calquera persoa, sen necesidade de que teña coñecementos previos.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 09.30h a 13.30h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Este monográfico está enfocado á experimentación e á aplicación de materiais naturais e reciclados na creación de xoias ou obxectos, na liña da xoiaría contemporánea, encamiñando o enfoque á xoiaría de autor. A intención é realizar e rematar unha peza con materiais naturais como ramas, follas, musgos, pedras ou vidros da praia, cunchas, etc. ou con materiais de reciclaxe como plásticos, partes de obxectos desbotados, papel, etc., pero ademais incorporaremos a reprodución dalgún destes obxectos a través da técnica de fundición en area a pequena escala.

PROGRAMA:

Obxectivos:

- Construír unha peza con materiais naturais (pedras atopadas, ramas de árbores, musgos, follas, cunchas...) 
- Construír unha peza con materiais de reciclaxe (plásticos, cauchos, papel, partes doutros obxectos...)
- Realizar a fundición dalgún elemento dos escollidos en fundición en area para incorporar ou elaborar unha peza
- Aplicar, segundo e acorde ás capacidades e coñecementos do alumna/o, as distintas técnicas básicas de construción con metal 
- Lograr dúas pezas artísticas, funcionais e na liña da xoiaría contemporánea

Contidos:

- Introdución histórica e artística do traballo con materias naturais e de reciclaxe. 
- Busca de materiais e exploración das súas posibilidades construtivas
- Explicación e práctica da técnica de fundición directa en area
- Elaboración de bosquexos
- Elaboración do plan de construción 
- Traballo cos materiais e co metal, que neste caso será fío ou prancha de latón
- Montaxe final e remate das pezas

Material a aportar polo alumnado:


Os materiais e consumibles que se empregarán terán un custo aproximado de 15 -20 €, que implica a compra de fío de latón e distintos consumibles comúns como brocas, fíos de segueta, lixa, etc.; o primeiro día do curso indicaráselles que é o que se merca co bote. Precisan tamén mandil ou bata para traballar.

Alumnado máximo: 12


“CONFECCIÓN A TODA COR ”
 
 


Impartido por Alba Pardo e Emma Pintos, mestras das especialidades de SERIGRAFÍA ARTÍSTICA e MODA E CONFECCIÓN da EMAO.

Destinatarios/as: calquera persoa, sen necesidade de que teña coñecementos previos.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 09.00h a 13.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Achegar ao alumnado a serigrafía téxtil e a confección de pezas sinxelas.

PROGRAMA:

- Achegamento ao proceso básico da serigrafía 
- Preparación de ferramentas e materiais para estampado téxtil 
- Proceso de estampado e fixado da tinta sobre téxtil 
- Achegamento ao manexo da máquina de coser 
- Nocións básicas do corte do tecido 
- Confección dunha tote bag 
- Confección dunha peza de roupa sinxela

Material a achegar polo alumnado:

Cinta de embalaxe; cinta de pintor; tesoiras para téxtil; acetato transparente; cinta métrica; alfinetes (especificaranse as medidas o primeiro día)

Alumnado máximo: 10


“REPARACIÓN E MANTEMENTO DE INSTRUMENTOS DE VENTO TRADICIONAIS
 (GAITA, PITO, REQUINTA)” 


Impartido por Carlos Corral, mestre da especialidade de CONSTRUCIÓN ARTESANAL DE INSTRUMENTOS MUSICAIS -CAIM- GAITA da EMAO.

Destinatarios/as: en xeral, persoas que estean en posesión dalgún instrumento de vento tradicional que necesite algún tipo de reparación ou mantemento.

Datas: do 7 ao 17 de xullo, de 10.00h a 14.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Coñecer tódolos aspectos importantes para un bo mantemento do instrumento; saber efectuar pequenas reparacións que se poden realizar sen necesidade de acudir a un artesán (cambiar cortizas gastadas, substituír unha anela rota, renovar o aspecto exterior, sexa encerado, aceitado ou vernizado, etc.

PROGRAMA: o programa poderá ser flexible en función das necesidades dos instrumentos achegados polo alumnado pero, previsiblemente, constará de:

- Cambio de cortizas 
- Pulido 
- Vernizado 
- Encerado 
- Aceitado 
- Cambio de anelas 
- Hidratación de cortizas 
- Cambio de foles, etc.

Material a achegar polo alumnado:

Instrumento ou instrumentos sobre os que traballar (gaita, pito, requinta...).

Alumnado máximo: 6


“BANCO DE CARPINTEIRO”
 

Impartido por Xaime Rivas, mestre da especialidade de CONSTRUCIÓN ARTESANAL DE INSTRUMENTOS MUSICAIS -CAIM- ZANFONA da EMAO.


Destinatarios/as: persoas interesadas en adquirir habilidades relacionadas coa carpintaría/artesanía.

Datas: do 7 ao 22 de xullo, de 10.00h a 13.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Familiarizarse coa ferramenta manual propia da carpintaría. Coñecer as técnicas que permitan o emprego das mesmas en condicións óptimas.

PROGRAMA

- Construción dun portacandelas ornamental 
- Elaboración de diferentes tipos de encaixes 
- Construción dun quebranoces

Material a achegar polo alumnado:

Madeira de faia en táboa (gasto compartido entre os asistentes); taboleiro de contrachapado (gasto individual).

Alumnado máximo: 6  
 

“O GRAVADO E BORDADO, TRABALLO CREATIVO SOBRE PAPEL” 
 


Impartido por Marian Núñez e Rosa García, mestras das especialidades de DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS e TALLA E ESCULTURA EN MADEIRA da EMAO.

Destinatarios/as: alumnado creativo con interese en coñecer e experimentar a técnica do gravado en relevo e o bordado sobre papel.

Datas: do 4 ao 16 de xullo, de 10.00h a 14.00h. Duración: 36 horas

Obxectivo: Desenvolver e comprender o gravado en relevo como medio expresivo xunto ao bordado en papel para xerar estampas artísticas.

PROGRAMA

- A obra seriada, principios xerais 
- Clasificación das técnicas gráficas de gravado e estampaxe 
- Iniciación aos conceptos de gravado e estampaxe
- Introdución á arte gráfica 
- O gravado en relevo 
- O linogravado
- O monotipo. A imaxe impresa non seriada 
- Coñecemento do fío e ferramentas 
- Técnicas básicas do bordado 
- Aplicación do bordado sobre o gravado

Material a aportar polo alumnado:

Pranchas de gravado en linóleo; papel de gravado; papel de calco; fíos; agullas; esponxa

Alumnado máximo: 10.

xoves, 10 de abril de 2025

11-4-2025. Venres da EMAO presenta "LRG Estudio Logaro. Innovación téxtil e encaixe de palillos" [DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS]

 

"LGR Estudio Logaro. Innovación téxtil e encaixe de palillos"

Lola Logaro, con máis de 30 anos de experiencia na artesanía téxtil enfocada en técnicas tradicionais como a calceta, o ganchillo e o tecido con pinza, pero sempre coa capacidade de innovar e explorar novas formas de expresión no seu traballo a través das fibras. No ano 2023, finalista dos premios artesanía de Galicia, onde relaciona o seu traballo de calceta coa técnica do encaixe de palillos.
 
Presentado por Marian Núñez (mestra de Deseño e encaixe de palillos da EMAO).
Data: 11 de abril de 2025
Hora: 17.00h
Lugar: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

Entrada libre ata completar aforo.