|
O cartel conmemorativo é da ilustradora Nuria Riaza |
Hoxe martes 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas.
A Dirección Xeral do
Libro, do Cómic e da Lectura, a través da Subdirección Xeral de
Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este ano baixo o lema, "Tecendo Comunidades", pretende
destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na
construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. Estas
institucións son centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias,
as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns.
Unha biblioteca non é só un edificio cheo de libros: son corazóns palpitantes
dentro das nosas comunidades, son espazos de encontro e diálogo. O Día
das Bibliotecas pon en valor o traballo que realizan todas as
bibliotecas españolas, de todas as tipoloxías (públicas, escolares,
universitarias, especializadas e nacionais/rexionais), para conectar aos
seus usuarios, crear redes de apoio e colaboración, fomentar a
participación e o diálogo cidadán, facer accesible a cultura e o
coñecemento a toda a poboación, independentemente da súa idade, xénero,
raza ou lugar de residencia.
Imaxinamos as bibliotecas como uns teares onde se ganduxan relacións e coñecementos, onde se anuda
o sentido de pertenza. "Tecendo Comunidades" salienta esta importante
función social das bibliotecas. Elas dan forma á nosa comprensión
colectiva, facilitan o intercambio de ideas diferentes e proporcionan un
espazo seguro para o crecemento persoal e colectivo. Cada visita, cada
lectura, cada conversación, achega o seu fío único a este tecido
comunitario. A través destes intercambios e conexións, as nosas
diferenzas e similitudes únense, mostrando a diversidade e riqueza das
nosas comunidades.