luns, 16 de outubro de 2023

AGPI [DEBUXO]

A primeira vez que traballei como ilustrador de maneira remunerada foi no ano 1999. Consistía nun proxecto para ilustrar guías de formación para sanitarios. Realmente o soldo era para a época moi bo, traballaba só de mañá  e tiña un ambiente de traballo fenomenal, xa que éramos tres creativos metidos nunha oficina onde se podía fumar e alí ninguén nos molestaba. O noso traballo estaba ben valorado e remunerado como correspondía á nosa categoría profesional. Pero aquelas circunstancias foron transitorias, xa que cando rematamos o proxecto, pasados seis meses fomos á rúa; foron unha  ilusión óptica no proceloso mar do mundo da arte de ilustrar. Nunca máis tiven como ilustrador aquelas condicións tan boas.

Cado rematei naquela empresa, experimentei a realidade de ser ilustrador e querer vivir diso, ou sexa, ser profesional.

Daquela, no ano 99 os ilustradores galegos camiñabamos por libre, non sabiamos moi ben como cobrar os nosos traballos, a quen recurrer en caso de impago ou pagos con moito atraso ou como xestionar os nosos dereitos de autor. A ilustración infantil comenzaba en Galicia a dar os seus primeiros pasos cara á profesionalización. Non existía o ciclo formativo de Ilustración  e en BBAA non había ningún Máster específico sobre este campo. O mesmo pasaba ca BD. Todos os que nos dedicabamos a isto, dalgún xeito fomos autodidáctas, ainda que pasásemos pola facultade de BBAA.

Ilustradores, como Oscar Villán, que foi o primeiro Premio Nacional neste eido en Galicia, comenzaban a ter recoñecemento fora das nosas fronteiras e o mercado esixía profesionalización e facer as cousas ben.


Premio Nacional de Ilustración 1999. Óscar Villán


Ese afán profesionalizador  concretouse en que un modelo asociativo para defender dun xeito conxunto os nosos intereses, como xa había noutras comunidades, Cataluña, Madrid, Valencia, precisábase necesario. No ano 2000, despois de contactar con FADIP que asesorou  a aquela primeira cúpula na que se atopaban entre outros tantos Manel Craneo, Luis Sendón, Xulia Barros, Suso Cubeiro e Oscar Villán, nacía AGPI, Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.




AGPI está adscrita a Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales FADIP e á súa vez esta pertence a EIF, European Ilustrators Forum, unha rede fundada recentemente que integra a 13 asociacións de ilustradores de 9 países: Grecia, Italia, Reino Unido, Irlanda, Francia, Suecia, Noruega e Alemaña. 

Os obxetivos da AGPI, como do resto das asociacións profesionáis son sobre todo os de poñer en valor o traballo realizado polos profesionais, tanto no que se refire á parte da remuneración xusta e correcta aplicación dos dereitos de autor, como a de visivilizar socialmente a arte de ilustrar. AGPI ofrece asesoramento, facilita formación e colabora co resto das asociacións e axentes culturais. Do que se trata é crear redes que nos fagan máis fortes e visibles e que os ilustradores sexamos quen de facer libros fermosos, podamos vivir dignamente diso e teñamos un recoñecemento social polo que achegamos e deixamos como legado á nosa cultura, tanto a galega como a española. 

A AGPI  axuda os ilustradores a moverse no mercado, coñecer os seus dereitos, realizar presupostos negociar proxectos. Para todo isto publicou a Guía Ninja do ilustrador ; un decálogo dos de mandamentos que debes coñecer se queres ser ilustrador. 



Esta semana celébrase o XX Encontro Galego de Ilustración. Por primeira vez na historia da asociación será en Vigo. Na EMAO estamos encantados de poder acollelos neste encontro tan destacable, xa que son 20 anos. 

O venres 20 de Outubro contaremos ca presenza de Laura Romero, presidenta, que falará do labor que desempeñou a AGPI en todo este tempo e dos retos futuros da Asociación. Contaremos ademais con Tomás Hijo, ilustrador que utiliza o gravado en relevo como medio, baixo o paraugas "Aquí hai dragóns" no que falará do seu proceso de traballo e traxectoria profesional. 



Hoxe a AGPI camiña cara ao futuro con aires renovados, ilustradores novos que encaran con ilusión os retos do colectivo. O importante é non sentirse só. Entender que son uns cantos os que están ahí como apoio nas vicisitudes desta profesión tan bonita pero a súa vez tan complicada. 

Eu son socio da Asociación case desde o pricipio pero posiblemente un dos membros menos activos. Nunca deixei de ilustrar e creo que non o deixarei nunca. Necesito esta actividade que me mantén vivo artísticamente e me da vitamina para a vida, pero para min é a miña segunda actividade profesional. Igual as cousas sería diferentes, se desde aquel ano 99 a remuneración polo meu traballo seguira naquela liña, quen sabe. A realidade é que os que se dedican a esta arte e son quen de vivir xenerosamente diso, son uns heróes aos que admiro profundamente.  

Federico Fernández. Mestre de Debuxo

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!