luns, 16 de xuño de 2025

20-6-2025. Inauguración da exposición "Castelao na EMAO" [ESPAZO EMAO]


A inauguración da Exposición "Castelao na EMAO", comisariada polo profesorado das especialidades de Serigrafía artística e Talla e escultura en madeira da Escola municipal de Artes e Oficios (EMAO), terá lugar o venres, día 20 de xuño, ás 19,00h, no Espazo EMAO.

Dentro da programación anual da EMAO prevese, ao remate de cada curso académico, a produción dunha exposición cos resultados dun proxecto que, partindo dunha idea xeradora única, dea lugar a interpretación, despregue do traballo e saber facer dos distintos talleres.

Neste ano 2025, a escola e as súas especialidades renderán homenaxe, no Ano dedicado a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao polo 75 cabodano do seu pasamento, ao polifacético persoeiro da cultura e da política, figura clave na historia recente do noso país, e considerado un dos fundadores da Galicia contemporánea.

A EMAO súmase así á multitude de actos e homenaxes que, por toda Galicia, se están a desenvolver neste ano, salientando a obra do pintor, debuxante, humorista, escritor, pensador e político. O alumnado e mestres das diferentes especialidades da Escola presentan a súa particular visión deste personaxe universal. En paralelo á exposición, nas vitrinas do corredor da Biblioteca da EMAO pódense contemplar unha selección bibliográfica de títulos relacionados coa vida e a obra de Castelao, pertencentes aos fondos da Biblioteca da Escola.

Esta exposición estará aberta entre os días 20 de xuño e o 17 de outubro de 2025 (pechada o mes de agosto). 

FICHA DA EXPOSICIÓN

Nome: "Castelao na EMAO"
Lugar: Espazo EMAO (Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro.
Datas: do 20 de xuño ao 17 de outubro de 2025 (agosto pechado)

Horario:
- Do 20 de xuño ao 30 de xuño: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h
- Do 1 de xullo ao 12 de setembro (agosto pechado): de luns a venres, laborables, de 10:30h a 13:30h
- Do 15 de setembro ao 17 de outubro: de luns a venres, laborables, de 19:00h a 21:00h

Comisariado: Alba Pardo, mestra de Serigrafía artística e Rosa García, mestra de Talla e escultura en madeira, coa colaboración do profesorado de Debuxo, Pintura, CAIM Gaita, Moda e confección, Ourivería, Artesanía en coiro, Deseño e encaixe de palillos e CAIM Zanfona.
Cartaz: Federico Fernández Alonso
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2025
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez Arteaga

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!