mércores, 13 de abril de 2022

Exposición no Espazo EMAO: Arte confinada [ESPAZO EMAO]

 

No mes de marzo de 2020, o anuncio de medidas extraordinarias contra a pandemia COVID-19 colleu á Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo en plena actividade. O confinamento domiciliario obrigado pola extrema situación de perigo para a saúde pública, significaba un parón excepcional no proceso formativo do noso alumnado. Para evitar a perda de contacto co profesorado e a actividade escolar, púxéronse en marcha algunhas medidas de comunicación e relación non presencial, co uso dos medios ao noso alcance: iniciouse a publicación do Blog EMAO EN LIÑA, activáronse os grupos de mensaxería instantánea de cada especialidade, artelláronse titoriais e propostas didácticas para a continuidade, no posible, do curso escolar que irremediablemente quedaba truncado.

É neste contexto no que se producen distintas propostas docentes de realización de exercicios estructurados na casa, que servisen tanto para non perder o contacto, como para que a arte, a artesanía e a creatividade se convertisen nun acompañante fidel do noso alumnado naquelas insólitas horas de encerramento nas casas.

Fose como resposta ás propostas realizadas, ou como iniciativa persoal para converter en creativo o tempo de encerramento e aproveitar os coñecementos, conceptos e técnicas estudados na EMAO, o noso alumnado, cos poucos medios e ferramentas dos que dispoñían nos seus domicilios, comezou a producir ideas, obras e obxectos que, dun xeito ou outro, reflexaban as súas inquedanzas e capacidades técnicas e creativas.

Dous anos despois, cando semella que a normalidade volve formar parte do noso vocabulario e vida cotiá, reunimos nesta exposición parte das creacións do noso alumnado durante o período de confinamento, entendido este tamén no senso amplo da resposta persoal e artística á pandemia por parte das persoas matriculadas na nosa Escola.

Queremos contribuir con esta Mostra a promover a consideración do traballo artesá e artístico como unha parte indispensable das nosas vidas e desenvolvemento persoal, como unha acción na que agroma a Vida tamén nos momentos máis difíciles e incomprensibles da nosa existencia como seres humanos.

Participan, con obras seleccionadas, as especialidades de Debuxo artístico, Pintura, Deseño e encaixe de Palillos, Talla e escultura en madeira, Serigrafía artística e Ourivería da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

CRÉDITOS

Título: Arte confinada

Produción e montaxe: Equipo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, Área de Educación, Concello de Vigo
Lugar: Espazo EMAO (Sala de Exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Edificio Anexo da EMAO, entradas pola rúa Pontevedra e Rosalía de Castro.
Datas: do 22 de abril ao 20 de maio de 2020.
Comisariado: Federico Fernández, Rosa García e Darío A. Basso, mestres das especialidades de Debuxo, Talla e escultura en madeira e Pintura da EMAO, respectivamente.
Cartaz: Federico Fernández, sobre unha escultura de Rosa García

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!