José Crespo Abalde (1928-2022) |
Onte deixábanos uns dos mellores tallistas que tivo a cidade de Vigo. Nacido na parroquia de Beade, comezou os seus estudos na nosa Escola no curso de 1943-44 (Gramática, Caligrafía, Aritmética, Xeometría práctica, Debuxo xeométrico e Prácticas de taller). Formouse en varias disciplinas da Sección Artística (Debuxo de Figura e Adorno) e da Sección de Artesanía (Modelado e baleirado e Talla en madeira). Recibiu clases de prestixiosos mestres como Maximiliano Vidales Espinosa, Carlos Sobrino Buhigas, Manuel Longa Campos, etc. Ata 1950 conciliou a súa formación na Escola co seu traballo de ebanista. No curso 1945-46 obtivo o Premio Extraordinario José Curbera de Gramática Castellana e Modelado e Baleirado e en 1950 gañou o 2º Premio Nacional de Talla Artística.
Tivo o seu propio taller na rúa Regueiro onde mantivo unha notable traxectoria como ebanista (Retablo da Capela das Servas, o Altar do Colexio de A Ramallosa...), realizou exposicións de debuxo e talla en madeira de forma regular. Colaborou durante anos como Mestre-Tallista coa Ebanistería Arjones, S.L. creada por outro antigo alumno da Escola, Manuel Arjones, quen mantivo a súa amizade e admiración polo mestre ata o final.
José Crespo foi un home de moitas inquietudes, ademais da talla artística, o debuxo e a pintura, gustou da poesía e participou no grupo poético Brétema.
Agradecido á Escola polos coñecementos aquí recibidos, mantivo toda a súa vida unha boa relación con outros compañeiros de estudos. No ano 1987 creou xunto co antigo director Ricardo Torres Quiroga a Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Artes e Oficios que estivo activa algo máis dun lustro. Estas vivencias quedaron reflectidas nos dous libros de memorias que escribiu: "Guijarros, pelouros de río" e "Mosaico de recuerdos".
Colaborou e prestou obra para a Exposición histórica "A Escola Municipal de Artes e Oficios: 130 anos na Historia de Vigo" Ata comezos do ano 2020 puidemos velo a miúdo por aquí, acudía con frecuencia a moitas das actividades culturais que se desenvolvían na hemeroteca.
Desde aquí queremos enviar o noso máis sentido pésame á súa familia e
amigos, quedará sempre na nosa memoria polo home bo que foi. Descanse en paz!
Algunhas obras de José Crespo:
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!