venres, 22 de xullo de 2022

Exercicio de serigrafía sonora [SERIGRAFÍA]

 Esta proposta sonora trátase dun exercicio da aula de serigrafía artística en colaboración coa Orquestra Clásica de Vigo e Honorino García e foi realizada durante o monográfico da escola de verán de iniciación á serigrafía.

O exercicio consistía en realizar texturas con métodos directos en serigrafía. A partir destas formas creouse un rede de dispositivos que posibilitan a interactuación  co son. 

Honorino García é licenciado en Composición na especialidade de música electroacústica. Na súa labor como docente ensina tecnoloxía aplicada á música, programación e electrónica creativa na arte. Como investigador colabora en proxectos relacionados con intelixencia artificial e redes neuronais, tanto no ámbito artístico como no educativo. Graciñas a él e a Manu e Inés da Orquesta Clásica foi posible esta experimentación coa cal podedes interactuar no espazo expositivo da entrada da escola.


 

  Expandir técnicas relacionadas con elementos plásticos como a cor, forma e textura a través dun nivel de lectura sonora sobre os elementos da obra para crear relación directa entre imaxe e son por medio da interactuación humana. Esta é a idea da proposta. As fontes sonoras utilizadas parten de materiais orgánicos os cales, ao igual que os trazos do lenzo, teñen unha evolución no tempo onde se van creando texturas e cores tímbricos nos cales subxace un modo frixio proposto polo alumnado de serigrafía artística buscando as súas alturas tonais con sons da natureza ou creados mecanicamente polo home. Mediante técnicas de filtrado, sintetizador granular, alteracións da envolvente e resintetizado espectral modificamos a pegada sonora dos materiais intentando crear un reflexo sonoro do mundo pictórico.

Nun exercicio de sinestesia propoño intentar escoitar e imaxinar a que soa un trazo cando a tinta se move polo lenzo como unha textura ao combinar e recombinar elementos que van deixando ou velando a información sonora subxacente coma as cores nun caleidoscopio creando combinacións de timbres e intensidades sonoras que evolucionan no tempo. 

                                                                                                                                            Honorino García


Aquí deixamos algunhas imaxes do proceso no que participaron Andrea Alonso, Alfredo Antolín, Ana María Baltasar, Santiago Bará, Carmen Dios, Melania González e Miguel Luis. Noraboa pola vosa disposición e bo facer!
















1 comentario:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!