Do 6 ao 11 de abril volven os Días Europeos da Artesanía
A iniciativa é promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI), fundación pública e primeira escola de negocios de España, a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte, e Oficio e Arte, Organización dos Artesáns de España.
O obxectivo destas xornadas é achegar ao público os segredos do traballo de lutieres, xoieiros, ceramistas, ferreiros, tecedores e todo tipo de oficios artesáns, para difundir a súa enorme riqueza e singularidade.
Durante unha semana, actividades gratuítas achegarán a visitantes e curiosos de todas as idades á esfera da creación artesanal. Feiras, xornadas de portas abertas en talleres, demostracións en directo, exposicións, actividades infantís… Sete días ao redor da artesanía, nos que se convida a participar a artistas que desexen mostrar as súas creacións e compartir os seus procedementos de traballo co público.
Os Días Europeos da Artesanía teñen a súa orixe en Les Journées Européennes des Métiers d’Art, que organiza en Francia o Institut National des Métiers d’Art (INMA) desde 2002. España pronto se sumou ao proxecto e ambos os países son os que presentan un programa de actividades máis extenso. Este ano, esta festa celébrase de forma simultánea en 18 países.
O prazo de inscrición de actividades para artesáns e institucións públicas e privadas está aberto na web diasdelaartesania.es, onde se irá actualizando progresivamente o programa de actividades propostas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!