xoves, 4 de marzo de 2021

Emigrantes [DEBUXO]

Hai xa unha boa cantidade de anos que descubrín a Shaun_Tan grazas ao seu libro "Emigrantes", un libro que todos deberiamos ler, ou mellor dito, ver.... xa que a lectura de "Emigrantes" é visual, non hai en todo o percorrido da historia nin unha letra, ou polo menos unha letra que entendamos. 

Este autor australiano utiliza a ilustración e a novela gráfica para abordar temas socias, neste caso a emigración, pero dun xeito surrealista... aínda que certamente moi real. O lector ten a sensación de que se atopa noutro planeta, nunha relidade que non é deste mundo. É como se o autor se puxera nos ollos e na cabeza daqueles emigrantes que chegaron de Europa ás grandes ciudades americanas, como NY a principios dos S. XX. Procura nos debuxos unha estética deses anos, recordando en certos fragmentos a película de 1927 "Metrópolis" de Fritz Lang. Todo é extrano, diferente ao coñecido, e o lector ten a mesma sensación de sentirse desubicado.

Cando abres o libro atópasche nas gardas unha galería de rostros de diversas razas, idades e culturas. Un reflexo do que é o mundo, do que somos os humanos, unha especie diversa e multicultural. Toda esa riqueza queda patente neses rostros realizados a lapis.

IDEAL PARA PRACTICAR

Recordo hai moitos anos, cando empezaba a debuxar, que intentaba reproducir, a modo de aprendizaxe autodidacta, aqueles cadriños de banda deseñada... sobre todo os da escola belga como Morris. O meu irmán e mais eu mercabamos a revista Spirou, e houbo unha época que tomaba os cadriños tal cal para reproducilos.

Este é un bo libro, ademáis de para lelo e disfrutar da historia, para facer este exercizo de copiar eses cadriños como práctica de debuxo. A práctica supón seguir os pasos que seguimos na aula. Esquema da posición dos personaxes co trazo de esqueleto básico. Cubrir ese esquema con elementos xeométricos básicos. Comezar a definir sen calcar a liña. Utilizar os lapis 2B e 4B que son moi versátiles para realizar os grises, neste caso valéndome da liña paralela e cruzada, pero tamén da mancha, sempre aplicando de xeito organizado os grises do máis claro ao máis escuro.

Deixo unha serie destes cadriños para prácticas. Grazas Shaun Tan por este maravilloso traballo de debuxo tan inspirador.





Déixovos tamén a curtametraxe co que Shaun Tan recibiu o Óscar no ano 2011 "The Lost Thing"

2 comentarios:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!