mércores, 15 de abril de 2020

Peixes e obxetos [DEBUXO]

Para o alumnado do grupo Medio, hoxe propóñovos novas tarefas para realizar nas libretas:

1. LIBRETA PEQUENA:

Traballo co estilógrafo. A proposta da semana vai ser debuxar un PEIXE. Faremos do seguinte xeito:
  • Merco un peixe ou calquera outro produto do mar que sexa fresco. Un polbo, uns mexillóns ou unhas nécoras tamén poden servir... o que queirades.
  • Cando chegue a casa, debúxoo. Encaixade co lapis para posteriormente xa utilizar o estilógrafo intentando reproducir coa liña e o punto as texturas da peza.  Se non vos dese tempo a rematalo nunha sesión de 1 hora , facedes unha fotografía e completades o que  reste posteriormente. Xa veredes que é un motivo que dará moito xogo. É importante que debuxedes do natural, porque todos os anos me atopo con debuxos desta proposta realizados a partir de láminas, e o obxectivo non é ese. 
  • Deixo exemplos doutros anos, os niveis de acabado son diversos... Espero que vos sexan de axuda.








2. LIBRETA GRANDE. Traballo con acuarela e estilógrafo.

A proposta é debuxar unha lata engurrada do natural e aplicarlle cor. Este vai ser o noso primeiro obxecto traballado a cor. Estes son os pasos:
  • Encaixo co lápis HB, H ou 2H sen calcar moito. Non defino demasiado. Reservo nese primeiro debuxo marcando o que van ser os brillos. Fixádevos ben porque estes son moi cambiantes en canto me mova un pouco.
  • Fago unha mostra no mesmo papel das cores que vou utilizar, coa súa escala cromática.
  • Aplico unha primeira base do ton máis claro deixando sen cubrir as reservas dos brillos feitas co lapis.
  • Deixo secar un pouco. Aplico os intermedios e posteriormente os escuros (podo escurecer a cor base co complementario, recordade). É o mesmo método que utilizamos o ano pasado cos traballos de tinta. Non pasa nada porque se aprecie o corte entre un ton e outro, é dicir que non se fundan... Tede en conta que estamos a traballar sobre seco.
BRILLOS-CLAROS-MEDIOS-ESCUROS
  • Finalmente remato o traballo co estilógrafo, valorando a liña que vos pida, tanto de contorno como de trama. Tede en conta que estamos potenciando máis a parte gráfica que a pictórica... ide a modo...se o estragades non pasa nada. Facede varias probas con latas ou outros obxectos que vos acheguen as mismas posibilidades plásticas.
Deixo varios exemplos doutros anos con distintos acabados...








Ánimo e pasádeo ben. Sen medo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!