martes, 14 de abril de 2020

O Pito non é caro [CAIM GAITA]


Todos os que nos adicamos á construción de instrumentos musicais atopámonos continuamente co problema dos prezos dos instrumentos. Salvo excepcións os musicos tradicionais pretenden mercar un instrumento de factura artesanal, con materias primas de alta calidade, multitude de horas de traballo especializado, etc., a prezo de frauta de plástico feita en serie.

Déixovos aquí este artigo de Efraín Díaz que afonda un pouco máis nesta problemática.

De paso deixo tamén a ligazón ao blog do IGAESPI (Instituto Galego de Estudos do Pito Pastoril), onde tedes moreas de información sobre o instrumento.


O pito non é caro!

Faime graza que alguén diga que un pito pastoril galego é caro, con argumentos do tipo de:

- As frautas rectificadas véndense por 11 euros.
- Non é un instrumento moi coñecido.
- Total non é un instrumento que me interese.
- É un tubo con buracos.
- ¿Por qué pagar tanto por unha cousa que se podería facer de plástico por 11 euros?
- Soa igual que unha frauta rectificada.
- ¿Non se usa moito isto non?

Moitas veces é a mesma xente que quere defender a cultura galega, que quere defender o noso, pero ó remate ves que xustifican perfectamente gastar máis nun produto de calquera multinacional que no traballo dun artesán.

Non é un instrumento moi coñecido, evidentemente, pero isto non inflúe no valor de mercado, non é un grupo de pop; claro que é un tubo con buracos, pero hai que saber que forma darlle a ese tubo, e como e onde e en que afecta cada buraco ao son do instrumento.

Se non che interesa o instrumento, ¿por que pagando 11 euros si che interesaría? ¿Tes amor á música ou simplemente es un miserable que non valora o traballo dos demais?



O pito non soa igual que unha frauta rectificada, nin en calidade, nin en afinación, nin en gama harmónica, nin tan sequera ten o mesmo tipo de construción interna: NON É O MESMO INSTRUMENTO.
¿Non se usa por que non custa 11 euros?
Probablemente nin aínda custando 11 euros non queiras investir o tempo necesario en aprender un instrumento novo, cousa moi respectable, pero non insultes facendo comparacións ridículas aos que si o facemos. Pois non, un pito pastoril galego non é caro, é máis, é barato, é un instrumento artesán que ten unhas particularidades moi concretas e para construilos os artesáns tiveron que investir gran cantidade de tempo e cartos.
Simplemente entra en webs de artesáns de frautas barrocas e compara os prezos cos prezos dos pitos, tamén te recomendo darlle un ollo ás webs de marcas comerciais de frautas barrocas. Eu teño probado modelos de frautas barrocas dalgunhas marcas comerciais, que soan ben dende logo, pero non son traballo dun artesán, e por suposto non é a calidade do traballo artesanal.

Vouvos poñer os prezos de FRAUTAS BARROCAS SOPRANO de varias marcas e artesáns, xa que supoño que andades xustos de tempo. Como comparativa empregaremos a dos modelos máis altos de frautas barrocas soprano de diversas madeiras e sen chaves:

Prezos de frautas de marcas comerciais, produtos non artesáns:

Moeck 5218 Steenbergen Sop a1=415Hz 719 euros
Mollenhauer DE-1101D Denner Edit. Soprano 699 euros
Mollenhauer DE-1101 Denner Edition Soprano 679 euros
Moeck 8221 Soprano Renaissance 444 euros
Mollenhauer 5129 Denner Soprano 428 euros
Küng MARSYAS Soprano Recorder 4307 443 euros


Prezos de frautas de artesáns europeos:
Jacquelin Sorel Soprano Recorder aft Terton in E Boxwood (a=440) 1.580 euros
Philippe Bolton Baroque Recorder Soprano after Wijne 415 Hz 1.045 euros
Blezinger Wyne Sop Boxwood a=415 1.504 euros
Von Huene Terton Soprano, Boxwood A=415 1.574 euros
Coolsma CSEI Soprano In European Boxwood With Decoration . 1.164 euros
Vincent Bernolin Van Eyck Soprano Rosenborg, 442 Hz , Erable / Maple . 1.100 euros
Diogo Leal Ganassi Recorders Soprano in c', pitch: A=440, 415 or 466Hz European boxwood. 1.000 euros


¿A que agora ó ver o prezo dos pitos galegos sopranos de DO entre 280 e 450 euros non che parecen tan caros? Probablemente na túa propia gaita teñas máis diñeiro en adornos do que vale un pito galego... cuestión de prioridades.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!