mércores, 22 de abril de 2020

Novos Libros para a Biblioteca da EMAO. 2 [BIBLIOTECA]



Recórdovos que o noso fondo moderno especializado en arte e oficios artísticos e tradicionais creouse no ano 2009, desde entón non deixou de crecer, todos os anos incorpóranse novos títulos. Hoxe continuamos informando dos libros recentemente adquiridos para a nosa biblioteca.

Aquí tedes un pequeno resumo dalgunhas destas novas adquisicións:


Animalium / ilustrado por Katie Scott; escrito por Jenny Broom; [traducción, Pep Amengual].-- Madrid: Impedimenta, 2018



Considerado unha das maiores sensacións da literatura ilustrada europea, «Animalium» é un apaixonante percorrido gráfico pola historia da vida animal. Katie Scott e Jenny Broom ofrécennos unha perspectiva totalmente preciosista das marabillas do medio natural.


Os pioneiros da banda deseñada galega 1971-1979 / Xulio Carballo.-- Vigo: Xerais, 2018 



No inicio dos anos setenta prodúcese un novo alborexar no eido da arte galega coa irrupción da banda deseñada. Influído polo cómic «underground» americano e pola emerxente ficción científica francobelga, o pintor Reimundo Patiño reparou na capacidade deformadora, así como na posibilidade de espallamento masivo que posuía a linguaxe do cómic, e obstinouse en crear unha arte de base popular e inspiración universal á que pronto se uniría Xaquín Marín, propiciando ademais a formación do Grupo de Cómic do Castro. Deste grupo xorden as primeiras exposicións por toda Galiza. Unha obra de referencia obrigada para todas aquelas persoas interesadas no cómic en xeral e o galego en particular. 


Manchas y trazos: el arte de fusionar pintura y dibujo / Felix Scheinberger.-- Barcelona: Gustavo Gili, D.L. 2019


A través de 70 breves leccións teóricas e visuais, o ilustrador alemán Felix Scheinberger cóntanos as claves da fusión das manchas de cor e os trazos, o seu potencial expresivo conxunto, a historia da súa segmentación e unha infinidade de trucos, consellos e coñecementos que demostran que debuxar e pintar son dúas técnicas tan imbricadas que, cando se fusionan, producen obras explosivas. 


Curso de talla en madera y manual de referencia: guía de técnicas tradicionales para principiantes / Chris Pye.-- Barcelona: Acanto, cop. 2019 


Este manual insiste no que é necesario ter no banco de traballo, a importancia de preparar e afiar as ferramentas e como facer cortes precisos e executar técnicas diversas. Inclúe exercicios prácticos para ir collendo soltura coas ferramentas e técnicas presentadas e así ir mellorando as destrezas e tallar con seguridade. Chris Pye anima a seguir as instrucións paso a paso e traballar en diversos motivos e proxectos de baixorrelevo, altorrelevo, relevo perforado e vulto redondo.


Encuadernación a mano: más de 20 libros artesanales / Erika Ekrem.-- Madrid: El Drac, 2019 



Neste libro reúnense 20 proxectos que inclúen novas variacións das técnicas de cosido tradicionais, así como maneiras imaxinativas de incorporar obxectos reciclados. Explica como facer bordos entintados, estampar en coiro ou realizar unha trenza de catro febras, entre outros recursos. 
Nun apartado básico preséntanse as ferramentas e os materiais esenciais e ofrécense instrucións detalladas sobre as técnicas fundamentais para poder encadernar con papeis resistentes á auga ou con papeis con tinguiduras naturais. 


¡Estampa! / Fábrica de Texturas.-- Barcelona: MTM Editores, 2018 



Para aprender desde cero a crear selos personalizados, tallados ou recortados e penetrar na técnica do block printing e a estampaxe manual con sinxelos exercicios. 200 follas cheas de trucos, consellos para deseñar láminas, personalizar a roupa e decorar mobles. Atoparás exercicios tanto para principiantes como para aqueles que xa estamparon algunha vez.

Espero que os poidades consultar moi pronto!

3 comentarios:

¡Anímate a participar cos teus comentarios!