mércores, 22 de abril de 2020

Entrevista a Ana, do Obradoiro Tres Caracoles [Coiro]


Ana Novo
Rompemos mentalmente o noso confinamento hoxe para viaxar ata Lugo e coñecer o Obradoiro de Ana Novo.

-¿Como comezaches no Coiro?
-O meu primeiro contacto co coiro foi no ano 1991 mentres cursaba os meus estudos de técnicas de volume na escola de Artes Aplicadas nº 1 de Madrid, xa que era unha das materias impartidas. Máis tarde realicei cursos de tinguido en seda, restauración, cestería e fotografía e algúns cursos con diferentes artesáns do coiro. No ano 2012 dei o paso de converter o coiro no meu oficio e desde entón continuei ininterrompidamente traballando neste oficio tan apaixonante e aplicando ao coiro técnicas de distintas disciplinas que fun estudando ao longo dos anos

-¿Que ten o coiro que non teña outro material?
É moi dúctil, resistente e envellece moi be.

-¿Dentro das técnicas que coñeces cal é a túa favorita?
As técnicas que máis adoito usar son o mateado, o repuxado, o moldeado e o modelado, pero sen a menor dúbida, a miña técnica favorita é o gravado de liña que consiste en humedecer o coiro e gravar en plano cun buril unha imaxe sobre a superficie, e no meu caso (unha vez seco o coiro) recheo as liñas do debuxo cunha plumilla e pintura acrílica.

-¿Que peza tes ganas de facer e aínda non fixeches?

-Non se trata dunha peza en concreto senón da sombrereirería en xeral, é algo no que me gustaría afondar máis e é a miña materia pendent.

-¿Que consello lle darías a alguén que está a empezar?
-1- Que non teña présa, é mellor coñecer ben o material co que se vai traballar antes de lanzarse a facer grandes proxectos.
-2- Non fai falta gastar moito diñeiro en ferramentas, cun kit básico pódense facer marabillas e a medida que se vaia evolucionando vanse adquirindo as que sexan necesarias.
-3- Que arrisque e que non se poña límites, o correcto non sempre é o adecuado.
Garfo mellado, plumilla e desbravador

-¿Tes algunha ferramenta "especial"? 
-Teño tres ferramentas especiais, unha é unha vella (que non antiga) plumilla, outra é un desbravador recto e a outra un garfo mellado, teño outros garfos en perfecto estado, pero é con ese garfo mellado co que mellor me entendo.

-¿Tes algún referente no oficio que consideres como inspirador?
-Para min hai un referente claro que é Elena Ferro, recente premio nacional de artesanía, encántame a forma que ten de combinar materiais clásicos con modernos, pero non só atopo inspiración no oficio do coiro senón noutras disciplinas como a cestería, Idoia Cuesta é outra artesá que lle deu un sopro de aire fresco ao mundo da cestería usando materiais completamente distintos aos que estabamos afeitos a ver nese oficio. Realmente a inspiración está en todas partes e de feito o meu traballo é unha suma de todos os paus que fun tocando ao longo da miña vida e espero seguir tocando moitos máis porque estamos nunha continua evolució.

Chaveiros
Pasador de pelo


Funda de Pandeireta

Bolso Cofre

Boina e colgante

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!