luns, 27 de abril de 2020

Exercicios de modelado para bosquexos de pezas de forxa - Parte II [OURIVARÍA]

Para comezar este artigo 
quero lembrar que este exercicio é unha proposta para o alumnado de todos os grupos, cuxo
o obxectivo é a creación dunha peza na que se aplicarán as técnicas de forxado, pero para iso comezábamos polo modelado de tres bosquexos tridimensionais, 
aquí podedes ler a proposta inicial .    

 María Hanson

Agora que xa me están a chegar imaxes dalgúns bosquexos modelados, vou explicar o seguinte paso, que será a elaboración do padrón en papel, para despois poder pasalo ao metal e comezar así o procedemento de forxado.


                                     
Primeiro comezamos coa marcaxe de dous eixes perpendiculares sobre o modelo, que trazarán a verticalidade do volume, como na seguinte imaxe: 

 

Segundo trazar as liñas horizontais por todo o contorno da peza. A separación entre elas pode ser a que queirades, pero intentade marcar as curvas importantes 
para definir os diámetros maiores e menores da figura. 
É importante manter a perpendicularidade e o paralelismo para despois poder reproducilo no plano.


Neste caso marcáronse co compás liñas separadas a unha distancia de 1cm,
que xustamente coincidían cos diámetros maiores e menores.
Dividiuse a figura en: base, 4 divisións de 1 cm e una división a 0,5cm,
pero para debuxar no plano precisamos as magnitudes reais.

Entón, o que imos a facer é medir coun fío a lonxitude real.
Para debuxar o plano seguiremos os seguintes pasos:

A miña figura pola súa forma xérase dun disco, así que comezamos debuxando os dous eixes perpendiculares sobre o papel:


A seguir pasamos un fío sobre o eixe maior da figura seguindo o contorno vertical, dende a intersección dos dous eixes, e marcamos sobre o fío a intersección coas liñas horizontais: 


Despois trasladamos as medidas tomadas co fío ao papel, dende o punto (O), que será o centro das circunferencias concéntricas:



Agora pasamos a debuxar as circunferencias empregando o compás:


Ao rematar obteremos o padrón que pasaremos á chapa de metal e cortaremos o disco co cal forxaremos a nosa figura. Mediante este proceso asegurámonos ter o metal necesario e sempre algo de máis (xa sabemos que ao forxar o metal afínase e estírase), que nos permitirá rematar a figura. 




Dependendo das figuras e das súas formas, os padrón serán realizados de distinta maneira.
Vou por uns exemplos cos modelados de dúas alumnas. 

Pezas de Pilar Souto 
Ao observar estas pezas decatámonos de que dúas delas non poden ser feitas dunha peza, así que temos que despezalas. Na seguinte imaxe presento as liñas de corte para dividir as figuras. 

A figura 1 é unha figura simple que parte dun disco. Como no exemplo anterior, procederíamos do mesmo modo. 
A figura 2 pódese dividir en tres partes: 
(A) é a peza central e pode realizarse partindo dun disco no que se forxará máis nos brazos de un dos  eixes para transformalo nun óvalo, ou pode debuxarse o padrón en óvalos concéntricos; a parte (B) podemos fabricala cun padrón cónico ao que despois damos forma anticlástica; e a parte (C) podemos realizala de múltiples maneiras sen forxar ou forxada partindo dun rectángulo.  
A figura 3 divídese en 4 partes: 
A parte (A) e (B) irán forxadas, e as dúas xéranse cun disco; para a parte (C) a mellor solución é construír un tubo dese diámetro e abocardalo nos extremos; 
e a parte (D) contruiríamola con fío "entorchado".


Na seguite imaxe podedes ver unha aproximación de como se debuxarían os eixes. 


Pezas de Isabel Varela
No caso das pezas de Isa, ningún dos seus volumes se contrúe partindo dun disco. Estas figuras dibuxaranse a partir dun eixe central no que se trazarán as perpendiculares á distancia que se determine na figura, e nesas horizontais se trasladarán as lonxitudes cara ao lado dereito e cara ao esquerdo.


Despois de marcar as liñas na figura, mediranse co fío todas as distancias e trasladaranse ao papel, debuxando algo similar a unha raspa de peixe. Unindo os puntos exteriores do debuxo conseguiremos o contorno destas figuras no plano. 

A figura do centro da imaxe podería construirse con dúas pezas forxadas, unha sería a cara onde están debuxadas as liñas e a outra a cara oposta. Estas forxaríanse cun prego ao medio e abombando as partes lateriais, ata conseguir esas dimensión e curvaturas, e conseguir
que as pezas sexan coincidentes nos cantos laterais para soldalas quedando a figura oca no interior. 

A peza máis sinxela no forxado é a da esquerda, cun prego ao medio e forxando os lateriais ata curvar os cantos cara ao interior quedando así redondeados.
A figura máis complexa é a da dereita, pois na parte do fociño hai que xerar dúas espirais, quizá haberá que rematala coas técnicas do cicelado e repuxado, para conseguir ese volume.


Agora o que toca é realizar os padróns, dar as grazas a Pili e Isa,
polo seu traballo e imaxinación ;D

Xa sabedes que podedes enviarme por email as imaxes das figuras e así poderei analizalas,
e darvos as indicacións necesarias e particulares
para abordar o deseño en papel do padrón. 

Este é un bo exercicio para a aprendizaxe e dominio na construción dos volumes partindo do plano, tanto na parte do debuxo como na forxa. 

Espero que vos guste e vos inspire ;D 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!