venres, 24 de abril de 2020

Aniversario da Library of Congress [BIBLIOTECA]


Hoxe cúmprense 220 anos da fundación dunha das bibliotecas máis importantes do mundo. A Biblioteca do Congreso foi fundada o 24 de abril de 1800, polo Presidente John Adams cando se estableceu un fondo de 5.000$ para a compra dos libros necesarios para as funcións do Congreso. Nacía a Biblioteca do Congreso de EEUU (Library of Congress) na cidade de Washington.
Na actualidade é unha das maiores e máis importantes bibliotecas do mundo.
Os seus fondos son impresionantes. Posúe unha colección de máis de 168 millóns de ítems, que inclúe máis de 38,6 millóns de libros catalogados e outros materiais impresos en 470 idiomas; máis de 70 millóns de manuscritos; a maior colección do mundo dos materiais legais, películas, mapas, partituras e gravacións de son; e a maior colección de libros raros en América do Norte, incluíndo unha das únicas catro copias en perfecto estado da Biblia de Gutenberg, e o borrador da Declaración de Independencia. 



Está distribuída nos edificios Thomas Jefferson, John Adams e James Madison. O Campus Packard para a Conservación Audiovisual é o edificio máis novo da Biblioteca do Congreso, inaugurado en 2007 e situado en Culpeper, Virginia. A Biblioteca está organizada en vinte e nove salas de lectura, unha das cales é a Sala Hispánica de Lectura, creada en 1939 e chamada así en honra á influente Sociedade Hispánica de América.
A biblioteca desenvolveu un sistema de clasificación de libros chamado Clasificación da Biblioteca do Congreso (LCC), que é utilizado pola maioría das bibliotecas universitarias e de investigación dos Estados Unidos. A Biblioteca do Congreso é, na práctica, a biblioteca nacional dos EEUU, serve como depósito legal para a protección de dereitos de autor e o rexistro de dereitos de autor, e como base para a Oficina de Dereitos de Autor dos Estados Unidos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!