 |
Pito con acabado
en cera con aceite |
Chámaselle
"acabado" ó proceso mediante o cal aplicamos á madeira algún produto (natural ou sintético) que achegue brillo en diferentes intensidades, tacto suave e protección.
O tipo de acabado escollido vai depender do resultado final que busquemos e do grao de protección que desexemos. Como norma xeral, o brillo máis intenso, e a maior protección, conséguese aplicando vernices, mentres que coas ceras obteremos un brillo máis discreto, tipo satinado, e, cos aceites, conseguiremos un acabado máis natural, cun certo brillo e un tacto moi suave.
Unha cuestión a ter en conta é que os acabados con cera ou aceite teremos que renovalos cada certo tempo, o que fai que o mantemento sexa un pouco máis laborioso.
Verniz
Para vernizar instrumentos musicais adoitase empregar un verniz natural chamado goma laca. A goma laca é unha resina de orixe animal producida pola femia dun insecto, a Kerria lacca.
O motivo de non usar vernices sintéticos é a súa baixa elasticidade, que dificulta a vibración da madeira, se ben é certo que isto afecta sobre todo aos instrumentos de corda, e menos aos de vento.
 |
Preparando goma laca |

Na actualidade podemos atopar goma laca comercial xa preparada, en diferentes calidades e proporcións, mais ata non hai moitos anos tíñamos a necesidade de preparala por nós mesmos, facendo unha disolución das escamas da resina en alcohol, buscando as proporcións que nos daban a textura e cor desexadas, xa que a máis concentración de resina máis escura queda a mestura e achega algo de cor ó resultado final. A cor tamén depende do tipo de escama empregada.
A aplicación recomendada para un bo resultado é co sistema de muñequilla (vernizado francés). A muñequilla faise cun pouco de tea que non solte pelo e que estea totalmente limpa e un cacho de algodón ou escuma no interior. Para traballar en plano utilízase o algodón, mentres que para o traballo no torno deberemos usar a escuma.
Cera
 |
Palma Copernicia prunifera,
da que se extrae a cera de carnaúba |
As ceras poden provir de fontes animais ou vexetais. As máis comúns son a de abella (animal) e
carnaúba (vexetal), sendo a mestura destas dúas entre sí e con algún compoñente máis (trementina) as máis usadas.

A cera ofrece un acabado esteticamente moi aprezado, aínda que a protección é baixa, xa que non penetra na madeira, senón que permanece na superficie, e como dicía antes, require de mantemento periódico.
A aplicación faise cun pano limpo e que non solte pelo nunha capa fina, que deixaremos secar uns minutos e logo esfregaremos con enerxía ata conseguir o brillo desexado.
Aceite

Existen multitude de aceites para a aplicación en madeira (aceite de améndoa, de
liñaza, de
teca, etc.). O acabado que proporciona é moi natural, resaltando o veteado da madeira e dando un tacto suave e sedoso. Como no caso da cera, require manemento periódico, pero a protección é maior xa que o aceite penetra na madeira e contribúe á súa hidratación.

Tamén podemos optar por unha mestura de aceite e cera, que podemos atopar no mercado, o que nos proporcionará as propiedades dos dous produtos ó mesmo tempo.
A aplicación é sinxela: podemos empregar un pano limpo ou un pincel para impregnar ben a peza, para deixalo unhas horas para que penetre na madeira, e finalmente retiramos o sobrante esfregando cun pano limpo
Algún destes procesos son os que faremos cando teñamos o noso instrumento rematado, en función do aspecto e protección que cada quen desexe.
Interesante post. Non sabía que os vernices sintéticos influían tanto na vibración da madeira e , polo tanto, nos instrumentos.
ResponderEliminarPois si Alba, Ben é certo que no noso caso o efecto e insignificante, violíns, guitarras, etc.. vense máis afectadas polos bernices.
EliminarNa sombreirería tamén se utiliza ( entre outros)a goma laca para como apresto. Por exemplo unha peza de palla trenzada e cosida se lle da forma nunha horma e se endurece con éla. Lle aporta consistencia e certa "elasticidade" para que se axuste á cabeza.
EliminarMoitas grazas pola información, un aporte moi interesante, do que no tiña coñecemento.
Eliminar