venres, 17 de abril de 2020

Novos Libros para a Biblioteca da EMAO. 1 [BIBLIOTECA]


A comezos deste ano 2020 a nosa biblioteca foi incorporando ao catálogo do fondo moderno, especializado en arte e oficios artísticos, novos títulos para as diferentes especialidades que se cursan na Escola: cerámica, debuxo, artesanía do coiro, serigrafía, ourivaría, debuxo, encadernación... etc. Tamén unha abundante selección de títulos para a nosa sección de novela gráfica. 
Debido ás especiais características deste curso e á emerxencia sanitaria que nos retén nas nosas casas, sodes moitos os que apenas puidestes gozar destas novas adquisicións. Por iso de cando en vez irei subindo ao blog algún pequeno resumo destes libros, que espero poidades consultar máis pronto que tarde.



The potter's dictionary of materials and techniques / Frank and Janet Hamer.-- 6ª ed.-- London [etc.] : Bloomsbury / University of Pennsylvania Press, 2015



Escrito pola parella de ceramistas Frank e Janet Hamer é tan completo que é posible utilizalo case como un manual. Os contidos están especialmente desenvolvidos en cuestións técnicas, polo que resulta un estupendo libro de taller, no que consultar desde pequenas dúbidas ata utilizalo para desenvolver novos traballos e proxectos. Outro punto importante do libro é a completa sección de «táboas», nas que non faltan as conversións de medidas, escala, temperaturas, etc; análise de materiais, formulación de esmaltes, análises de cinzas ou minerais naturais, ata chegar a 43. Tamén é destacable a bibliografía, así como o apéndice dedicado ás receitas de esmaltes, que provén dunha selección de receitas dos principais tipos de esmaltes procedentes dalgúns dos nomes máis coñecidos da cerámica británica.


Cuaderno de urban sketching : 25 ejercicios para dibujar por la calle / Jens Hübner.-- Barcelona : Gustavo Gili, D.L. 2019

Un caderno práctico definitivo para mergullarte no mundo do urban sketching a través de 25 sinxelos trucos e exercicios. Como garabatear e perder o medo a un caderno de debuxo recentemente estreado? Como facer bosquexos rápidos? Como crear profundidade espacial? Que hai que ter en conta á hora de colorear un bosquexo? Como atopar lugares idóneos para debuxar?
Jens Hübner resolve todas as dúbidas técnicas ou situacións prácticas ás que se enfronta calquera urban sketcher.


Botanicum / ilustrado por Katie Scott ; escrito por Kathy Willis.-- Madrid : Impedimenta, 2018 Edición: 3ª ed


Botanicum, de Katie Scott e Kathy Willis está dedicado de maneira total ao mundo das plantas. Da súa man, o lector poderá penetrar con facilidade neste mundo vexetal inspirador que nos rodea por todas as partes e do que ás veces, case nunca, sabemos nomear nada con precisión. Botanicum permitiranos, con relativa sinxeleza, ampliar a mirada na paisaxe. Editado no noso país por Impedimenta, o libro é un experimento visual de gran efectismo. 
Un libro precioso que nos ilustra sobre as primeiras especies que poboaron a terra, as árbores fento xigantes da época dos dinosauros e as especies que puideron sobrevivir ata a nosa época actual. 


El sueño de Dalí / Carlos Hernández.-- Barcelona : Norma, 2018


Un Salvador Dalí no leito de morte rememora os acontecementos que marcaron a súa vida: desde a rivalidade co seu pai ata a fama mundial como artista, pasando polo seu encontro con Lorca e Buñuel ou a expulsión do grupo surrealista de André Breton. Obsesionado desde pequeno con pasar á historia, o xenio de Figueras quizais sexa o exemplo por antonomasia de artista fundido coa súa obra. Carlos Hernández ofrécenos no soño de Dalí un afinado retrato do gran pintor surrealista, no que transcende os trazos máis grosos e coñecidos da súa excéntrica personalidade para trazar unha cartografía precisa das súas pulsións, inquietudes, paixóns e fobias. Unha existencia guiada polo desexo de perdurar máis aló da morte e marcada a lume pola súa eterna musa, Gala.


La práctica en el taller de joyería : problemas comunes : por qué ocurren y cómo solucionarlos / Frieda Munro.-- Barcelona : Promopress, 2018


Este libro percorre, capítulo a capítulo, todas as áreas relacionadas co traballo do xoieiro e os posibles problemas que poden xurdir, ilustrados con imaxes de gran calidade, fotos paso a paso e diagramas prácticos. Frieda Munro pon toda a súa experiencia como xoieira e profesora ao servizo do lector e describe en detalle cada posible problema que un xoieiro pode atopar ao crear as súas pezas, formas de resolvelo ou alternativas para converter o que podería ser un fallo en parte do deseño ou mesmo para recuperar a peza, reciclándoa en algo distinto. A práctica no taller de xoiería é unha guía para estudantes, profesionais e mesmo afeccionados á xoiería que desexen sacar o mellor partido das súas horas de taller. 

 Espero que resulten do voso interese!

2 comentarios:

  1. Xenial! Ganas de botarlle un ollo ao de botánica sobretodo.

    ResponderEliminar
  2. O de xoiaría ten moi boa pinta, moitas grazas ;D

    ResponderEliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!