venres, 24 de abril de 2020

Escultores hiperrealistas:Traballando na aula con Brunno Walpoth [TALLA E ESCULTURA]

Bruno Walpoth na nosa aula




Hoxe vouvos  presentar  un dos meus escultores contemporáneos favoritos, Bruno  Walpoht. As obras de Bruno non só son esculturas perfectas desde o punto de vista da realización técnica, van máis aló  conectándonos co máis íntimo, con ese retrato que capta as emocións e fraxilidade do ser, son seres con certa nostalxia, íntimos, realizados sen artificios, seres esbrancuxados que senten e sentes vulnerables.
Walpoth é un deses escultores cos que nos gusta traballar na aula, as súas obras ademais de beleza preséntannos un retrato intimista do ser humano, que fai que se adapte moi ben ao tema do estudo do retrato en escultura, porque mais alá de  esculpir ou  modelar unha cabeza hai que captar a emoción do modelo, e a obra de Bruno está chea de sensibilidade e vida interior.  Este ano andabamos con este traballo cando tivemos que quedar na casa, así que anímovos a que o intentedes neste tempo con arxila ou se non tedes plastilina, o importante é enredar e intentalo.




Recompilación de traballos realizados polos alumnos da nosa aula traballando
a cabeza a partir da obra de Bruno Walpoth


Bruno Walpoth (Bresanona-Italia, 1959) é un escultor pertencente á nova corrente figurativa, que utiliza a madeira como material de expresión na realización das súas obras.
Comezou os 14 anos a expresarse por este medio, medio que o relaciona coa tradición, coa escultura de contacto e o proceso escultórico, pero é dende hai só 15 anos que está adicado totalmente á representación da figura humana.
Bruno talla persoas novas en madeira de tileiro e nogueira, moitas delas a escala 1:1. Non busca unha expresión  hiperrealista nas súas obras, senón máis ben as características da personalidade, a individualidade do retrato.

Tania, 195cm

«En Italia había unha importante (aínda que non suficientemente coñecida) escola de escultura no gótico tardío e o Renacemento temperán. Creo que a miña obra ten algo destas influencias. A través dos anos, tiven a influencia de moitos artistas, non só  talladores de madeira. A serenidade e claridade nas figuras do pintor do Renacemento temperán Piero della Francesca, influíronme ata hoxe. Entre os artistas contemporáneos, son un gran admirador das obras do escultor británico Antony Gormley. Tamén me fascinan as fotografías do estadounidense  Jock  Sturger. A súa obra inspiroume durante certo tempo.» B.W.


Onde está Rudi?, 102x42x26cm

Os seus personaxes son representados dende a representación do seu estado mental, todas as súas obras desprenden esa melancolía, que as afasta, desde a súa intimidade, cunha mirada indiferente que as fai tan atractivas para o espectador, envolvéndoo nese diálogo intimista de  reecontrarse cun mesmo.

Horizonte perdido, 65x39x84

 Durante os anos 1973 e 1978 foi aprendiz de escultura con Vincenzo  Mussner-Ortisei. De 1978 a 1984 estudou na academia "Der  Bildende  Künste" en  Munich, co profesor  Hans Ladner. Entre 1985 e 2008 exerceu de mestre na escola vocacional para escultores en Selva Val  Gardena. En 1996 formou parte da fundación do grupo "Trisma" de escultura, xunto Willy Verginer e Walter Moroder. Desde o ano 2000 é membro do "Südtiroler  Künstlerbund".




 "A estética sublime da forma e a expresión, que lembra menos o ideal tradicional da beleza que a do Renacemento temperán, caracterízase por un encanto humilde e inocente, o que suxire unha maior distancia. Reunirnos connosco mesmos é unha rareza nos nosos días. Este é á vez un gran agasallo e un gran desafío". Lisa Trockner


"Non quero  idealizar personaxes, simplemente custodiar emocións íntimas coa esperanza de que alguén saiba captalas"

Mateo, 180cm

«A madeira é un material natural. Sente ben. Cheira ben. Pode ser deseñada de moitas maneiras, especialmente no que respecta ao procesamento e acabado das súas superficies. Require un coñecemento da veta que só pode adquirirse a través de anos de experiencia directa. Sobre a influencia que a madeira tivo no meu pensamento ou calquera mensaxe que transmitan as esculturas, non podo emitir un xuízo respecto diso. A madeira é algo natural na miña obra, como o aire que respiramos. Non penso niso. A vitalidade da madeira como material orgánico está alí. O encanto e o reto está en mantela viva a través dun hábil manexo da superficie.» B.W.

Enlaces web:

5 comentarios:

  1. Encántame Bruno Walpoth.
    Felicidades polo traballo dos alumnos, está moi ben o vídeo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas, traballan con moitas ganas e iso nótase.

      Eliminar
  2. Que maravilla lo que hace este hombre....me encanta!!!
    Y gracias Rosa por ese video...es precioso

    ResponderEliminar
  3. Muy bonito el video y el trabajo de los compañeros.
    En cuanto a Walpoth su trabajo es casi un milagro. Es "una mentira sospechosa"

    ResponderEliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!